sexta-feira, 25 de dezembro de 2009

Acoutamentos teatrais













A cuestión é elixir un título raro. Chego á librería e tras esculcar nas mesas de novidades —cabeciña!, non ves que é teatro, muller?—, recorro á dependenta —divago sobre a diferenza entre ser dependenta ou dependente, e non falo de sexos, senón de palabras invariables en canto ao xénero, pois nese momento, son (tóxico) dependente da dependenta. Timidamente solicito o último libro —non me lembra o nome, minto— do r.r. —feisbuqueiro fervellasverzas, que mudou de casa porque a Alicia alí xa non lle crecía, seica, e non quero saber de metáforas...—, que logo aparece na pantalla do ordenador e que a señora que me atende le sin escrúpulos de conciencia. Respiro. Ese, ese, digo, sen me atrever aínda a darlle consistencia aérea ás letras. E como o vulto me parece escaso —cabeciña!, non ves que é teatro, muller?—, pido unha ración de dicionario en dous volumes —todo letras negras, sen apuntamentos vermellos, nin subliñados amarelos, alá vai o meu labor de formiga ao garete.

E leo: personaxes poucos para quen interrompeu a lectura de Guerra e paz por isto —cabeciña!, non ves que é teatro, muller?—, en concreto tres. Hai un home alto e xordo e un home baixo e cego: o primeiro ama os caracteres; o segundo adora os sons. Os dous gozan da vida, da liberdade que lles outorgan as limitacións que non senten, afeitos a contemplar o mundo desde unha perspectiva de seu, non dunha acoutada por outros. Até que... aparece a terceira pata do banco, que é todo canto se pode ser, carente de afectos e defectos, en efecto: o interfecto perfecto... ou non. Porque pensar é malísimo para a saúde mental. Aí está a clave, aí e no muro transparente, verde, que eu imaxino da cor das botellas da água das Pedras (Salgadas) —agora entroume sede de auga con borbulliñas, cóxegas— para entender o título —que sigo sen me atrever a pronunciar, tanto que até o google porfía en dicir que se será que procuro non sei o qué que non procuro, incrédulo ante o que lle pido que procure!, pero, que esperabas?, cabeciña!, non ves que é teatro, muller?, e en galego!— e a colaxe do inicio, unha canción de fondo —con cuxa letra tampouco se dá maña o cego, o cal me redime do desacougo vacilante ante a articulación fonética do título— ou un himno —abismo sideral entre as melodías.

Demoro na cursiva das notas sempre, e xa ao final nos textos que a escenificación desbotou, talvez por longos, case monólogos, regalía de quen pasa follas de papel, páxinas... como as tomas falsas dun filme, recuperadas entre os créditos, por decisión propia —ou non?

6 comentários:

r.r. disse...

Moitas gracias, Sun, aínda que non sei se o pasaches mal abondo como para dicir que o pasaches ben lendo tan pouco. ¿Non ves que é teatro, muller? Moitísimas gracias (aguén) por este agasallo de nadal.

verificación de palabra: recem. ¡Oh, Deus!

Anónimo disse...

Eu debo estar envellecendo: mire que non lle atopo cousanin ao feisbu nin ao tuiter (neste último até abrín unha conta por se acaso).
Boas boas boas festas: as mellores para vde.

Sun Iou Miou disse...

Teño por norma non pasalo mal lendo libros, r.r. Os tempos de ler por compromiso ou obriga quedaron atrás. E sinceramente, até me deu rabia que me chamase o médico, porque prefería lelo dun tirón, pero en fin, xa sabe, este sistema sanitario noso tan eficiente...

Sun Iou Miou disse...

Eu tampouco lle atopo chiste ningún ao féisbu, Kaplan, e non creo que sexa problema de envellecemento. Pero, en fin, o único que fago alí é propaganda do blogue, colgar algunha foto que aquí non poño, restrinxir moito a quen admito como "amigo" (palabritas...), cousa que me produce enorme pracer (a xente pídeche para amigar só para aumentar a cifra) e saber da vida de persoas ás que quero e andan lonxe. Ah, e tamén informarme do que se coce por aí, porque neste illamento...

En canto ao chilreador, non teño interese ningún en compartir co mundo as grandes cousas que fago a cada segundo. Ese misterio resérvoo para min. `_^

Apertas

Ra disse...

Don Rubén tenía que ser... Non ves que é teatro, muller?.


Otro que apunto.


Un abrazo, Sun.

Sun Iou Miou disse...

Quen se non, Ra?

Doume por abrazada. `_^