Hai uns anos desistín da tradición. Despois de tentar durante corenta e tal fins de ano non me esganar no rito —e amargarlle, ou non?, de paso a festa ao persoal—, acometida pelas náuseas e a frustración de non dar engulido máis de media ducia, unha noite decidín que me ía limitar a observar como os outros cumprían tan lindamente co obxectivo e aínda lles sobraba tempo para dar pinchos de alegría (imaxino que instintivamente para que lles baixase a masa que lles quedou atoada). E non é que me fose mal, nin que a sorte me sorrise máis ou menos, conste.
Este ano, sen ir máis lonxe, non porque non queira, senón porque a memoria é fraca, creo que foi un ano bo. Compartín aquí as miñas barrenadas e houbo ata quen gozou léndoas e me fixo gozar a min comentándoas. Algúns non fallan a un só texto (e permitídeme a mención especial: Grazas, Teté!), outros van e veñen, algún que outro moi querido sumiu —espero que non para sempre— e hai ata quen, encarnando un Guadiana blogueiro, aparece e desaparece (sabe el por que!) e a min divírteme tremendamente seguir o rastro inconfundible da súa contundencia e agudeza escrita e vital (a el creo que non tanto, pero desta non vou dar un chío).
En fin, e resumindo, que se non, como di o dito, aínda nos dan as uvas: grazas polas vosas visitas, faladas ou caladas, e sobre todo, polo moito que aprendo e gozo a ler os vosos textos. E sabede só que se de mañá en diante este espazo queda mudo, non será por renuncia propia, senón porque terminei o ano e os meus días con cara de boba e doce uvas entaladas na gorxa: a morte morrida máis estúpida que se poida imaxinar.
Bicos e que o ano próximo vos sexa, como dixo o outro, no mínimo... vindeiro!