quinta-feira, 3 de setembro de 2009

Arrincando cabeleiras e outras graciñas










Non me gustan as comidas nin as películas con ketchup, nin moito nin pouco. Por iso nunca me chegara a estrear co director que ten nome diminutivo de badueiro*, pero no fondo, picábame a curiosidade: ao cabo, sempre podía fechar os ollos un cacho, por estúpido que sexa ir ao cine para fechar os ollos. Cando menos sabía que desta non ía saír coa lagrimiña pingando e o rímel corrido, que sempre dá un corte tremendo.

Así que sentei ao fondo, traguei cuspe e armeime de coraxe. Pois saben o que? Gustoume. E até as escenas que presentía máis desagradables acabei véndoas cun olliño aberto e o outro medio a fechar: a primeira vez que arrincan unha cabeleira, por exemplo, non me puiden reprimir de guichar, a ver se daba tanto noxo como prometía, e daba; e logo na de escaravellar co dedo na ferida, tal cal, o mesmo. Gustoume tanto, que ás veces me sorprendía matinando: como pode ser me estea a rir dun asunto tan serio? Aquilo era todo tal esaxero, que os dous únicos personaxes que se comportan dun xeito natural se mostran perplexos ante a actuación do resto. E non é que se ensañe cos nazis, porque nin franceses, nin norteamericanos, nin británicos saen mellor parados.

Sorprendínme vez por outra en pura tensión e non debín ser a única, porque cando chegou o intervalo (nalgúns cines da outra marxe, parten a película polo medio para que o persoal se vaia fornecer doutra rolda de pipocas e bebidas gasosas), o público ceibou ao unísono un ohhhh deseguida reprimido, coma quen que lles cortaran a mexada.

Do único que teño queixa é da tradución do título: tanto en portugués, como en castelán revelan ausencia total de imaxinación. E ollo, que non culpo ao tradutor. Non vou saber eu que os tradutores NUNCA son responsables da tradución dos títulos...! Pero ese tema é outra película.

_________________
*Din os foráneos que os de Goián, tarantantán, que é como dicir que falan moito e pouco fan.

8 comentários:

Anónimo disse...

Ai, se soubese o pouco que me chamaba a min Tarantino como director! E todo até que me pasaron Kill Bill; ao día seguinte xa estaba eu no videoclube a pedir a Kill Bill 2.
Non sei como o consegue, pero conségueo, e un fica encantado.

Sun Iou Miou disse...

Mire, Kaplan, que me insistiron a min en ver a de Kill Bill, pero como xa non estaba daquela no cine e eu non lle son de pantalla pequena, pasei. Esta, pola contra, era a única opción decente que había na Foz do Lima esta semana, así que caín... e con gusto.

Teté disse...

Já és a terceira pessoa que me diz que gostou do filme. Suponho que já me convenceram, que a primeira reacção foi essa: o quê, ir ver uma sangreira desatada? nem morta!

Beijoquitas!

Sun Iou Miou disse...

Garanto-te, Teté, que não sou de filmes de terror, nem de massacres, mas "disto" gostei: humor macabro é que é.

Beijoquita

A.C. disse...

puffffffffffffffffffffffffffffffffffffffffffffff

(onomatopeia de soplar)


Canto dei?

Sun Iou Miou disse...

Ben pouco, A.C., vas ter que seguir soprando se queres circular por aquí. (`_^)

condado disse...

Non sei, xa me recomendastes unha dun barbeiro e agora non consigo tomar carne, e gustaba moito da carne...

Sun Iou Miou disse...

Pois con esta, Condado, igual se che quitan as ganas de comer fillozas de sancre, ti verás. (`_^)