terça-feira, 1 de dezembro de 2009

Pallasa!

Que saibades que estiven a xantar cun George Clooney de andar pola casa e nin o recoñecín. Besta parda é o que son. Foi a finais do mes pasado durante unha xornada profesional. Nestas xuntanzas de reforzamento identitario adoita haber unha comida polo medio, ou fame negra, no seu defecto, e así, chegado o medio día, fomos ao restaurante. Procurei sitio na mesa e enfiei os ósos onde me cadrou, entre dous guichos. Vencendo o meu tuzarismo militante, recorrín ás armas da naturalidade de que carezo e solicitei aos corpos conlindantes cadanseu nome. Primeiro ao da dereita, que non me soaba de nada, pero nada. Era, dixo, Fulanito, profesor de universidade, que ía de relator ao acto. Logo pregunteille ao da esquerda, e ti quen vés sendo?, que me soaba de vista (que expresión esta magnífica!). Quedou a mirar para min con ar de incredulidade, como rei pasmado.

—Estás de coña, ou? —Aí descartei que fose o Clooney auténtico, porque este sería máis de: Are you fucking kidding me, aren't you?!
—Non, en serio, non sei quen es.
—Non sabes quen son?!
—Home, sei que es dobrador, todos me soades un pouco de vervos cando vou polos estudios, pero saber, saber, vasme perdoar, pero non.

O cata botouse a rir, imaxino agora que era risa frouxa e case humillación, ou quizá convencemento de que eu era unha pallasa. Falamos do oficio e dos inicios e do bo que estaba o cordeiro pero que non, que non comía máis: a conversa normal nestes casos. Desmemoria a miña, cando me levantei da mesa nin o nome me lembraba xa...

Pasou un par de semanas e tocoume traducir unha película de galego a inglés, para subtitulado. Tiven que lidar cun programa novo, de maneira que pasei quince días vendo as imaxes para diante e para atrás (mandando baixar santos do ceo cada vez que se me borraba o que escribira...), conxelando e desconxelando o avance. Namentres ía vendo ir e vir o protagonista polo monitor, un actor galego de sona, nos estritos amplos límites do que se poida considerar "sona" para un actor galego que mesmo participou nunha obra oscarizada.

E que?, diredes. Pois que só onte, cando rematei o choio, caín da burra: o famosísimo protagonista daquilo era o tal co que estivera a xantar no día de autos. Quería ou non quería unhas ben dadas? Pallasa!

10 comentários:

Rafeiro Perfumado disse...

Esse actor com quem jantaste pediu um Nespresso depois de jantar? ;)

Abracinho!

Sun Iou Miou disse...

Sei que não te impressiona, Raf, mas não quis dizer que em realidade fora a Nicole K...

Euzita Verdita disse...

Ou muito estou enganada, ou você é sempre muito, muito genuína... gosto muito!
Beijos e que teu dia seja maravilhoso!

Sun Iou Miou disse...

Genuína, Euzita? INgenu(ín)a, diria eu! Qualquer dia destes olho-me no espelho e não me reconheço. Como posso ser tão burra com as caras do pessoal? O que pensou o gajo de mim nem quero saber.

Anónimo disse...

Góstame como lle das á pluma. A ver se non me esquezo de voltar. A min tamén se me esquecen as cousas, mesmo as importantes...

Chove. E non é malo.

http://setesoles.wordpress.com (a tecnoloxía non colabora)

Anónimo disse...

A ver se o entendín: vde comparte mesa cun actor hipermegafamoso de la muerte a quen vde non recoñece e el aínda a fai sentir parva? é iso o que foi?
Pois perdoe, pero o pallaso é el, que non se dá de conta de non ser tan famoso como para que vde o recoñecese. Érache boa!
E quen era, Fernando Rey?
(Ah, perdoe, ese xa morreu)

Sun Iou Miou disse...

Non sei se lle dou á pluma setesoles (que nome lindo!) ou é a pluma a que me dá a min, ou os dedos, mellor falando.

En calquera caso, espero que non che esqueza volver, aínda que isto non sexa das cousas importantes que convén lembrar.

E non é nada malo que chova, non. Polo menos nisto concordamos. Farei un oco na miña axenda para concederche unha visita. `_^

(Grazas.)

Sun Iou Miou disse...

EXPLICACIÓNS PARA O MEU QUERIDO KAPLAN:

Non, home, el non me fixo sentir parva. O único é que creo que non creu, porque era case imposible que non o coñecese, porque como logo se demostrou si o coñecía, aínda que non o recoñecese, explícome?

Pallasa dobremente por pasar eu quince días a traducir unha película vendo continuamente o guicho sen darme de conta ata o último día de que era o mesmo que estivera xantando e decatándome entón de que o coñecía de sobra.

Voume dedicar a redactar manuais de instrucións de electrodomésticos, que creo que teño futuro niso.

couselo disse...

Pois, ao mellor, era unha boa forma de incentivalo consumo, introducir nos electrodomesticos unhas instruccións traducidas por ti. Estou seguro de que a risa está asegurada. Imaxinas facendo as instruccións de montaxe dos mobles de IKEA?.

Xa sei que son unmorboso impenitente, pero, o cata quen era?

Sun Iou Miou disse...

Garántoche, Couseliño, que ían ser perfectas: non se entendería nada. `_^


O da identidade do cata é o de menos. Ten en conta que todo isto pode ser mentira. (Quen me dera ter tanta imaxinación...!)