... é a frase que se di nun caso así e é bonita de dicir.
Onte á tardiña, nun cruce con visibilidade nula, un coche (cuxo condutor saíu, fiando no espello redondo e traizoeiro de barriga prominente) arremeteu de lado contra min, contra a miña perna esquerda, no medio e medio da canela esquerda, cando ía cos patíns na maleta da moto para a Nova. Ai! (baixiño). E non se conformou con iso. A matrícula do coche fíxome un corte na perna. Non foi para tanto, non fose que me ía desangrando e manchei as medias de algodón de patinar, que valen unha pasta... e que quedei sen patinar esa tarde. O primeiro que pensei ao sentir o golpe foi, "Alá vai a minha carreira deportiva de ancianita patinadora!". Pero non, parece que saio desta case ilesa. Doeu un pouco. A moto intactamente tombada. Aínda ben. O primeiro, despois de ver que non tiña nada partido, foi levantala do chan. E sosegar o condutor, que padece do corazón e estaba cuns nervios que nin reaccionaba. Coitado. He! Casualmente, xusto no cruce de camiños do accidente, aquí nas Carrouchas, vive un enfermeiro, que saíu co botiquín e me fixo os primeiros auxilios cunhas tiras de aproximación para estiñar a hemorraxia. Hai outras maneiras de estiñar hemorraxias, como é ferrar un tiro na cabeza do animal ferido para evitar que morra desangrado, pero non foron precisas medidas tan drásticas, que aquí esta besta aínda era quen de se impor cunha mirada asasina, mesmo que non puidese dar á perna.
O propio condutor levoume despois ao médico. Media hora de camiño dándolle ánimos, tan mal se sentía o pobre. Polo menos creo que aprendeu a non confiar máis nos espellos convexos dos cruces... e eu, a non fiar nas preferencias de paso nos cruces sen visibilidade.
En Urxencias atendeume un enfermeiro simpatiquísimo (e guapiño), que gabou o labor do colega no lugar dos feitos. Meteume un punto sen anestesia, porque para un punto, dixo, non merecía a pena. Pedín whisky para superar o trago cun grolo, nin que fose
bourbon, como nas do oeste, pero o único alcol de que dispuñan, polo visto, non é potable: seica anda mal de recursos a Sanidade. Así que tivo que ser a doer, pero non foi para tanto: como dúas picadelas cando vas facer análises (limpas, ollo, das de sen escarafunchar). E logo a inxección no cu da gama que, malia as advertencias case sádicas de que me ía doer máis do que o punto, tan pouco a noite, que até dubido se ma puxo se non con estas de aforrar en gastos por causa da crise. Chámanlle efecto placebo contra o tétanos.
O único que me amolou foi que ninguén me dese un caramelo na saída por ser valente e non chorar nadiña. Non volvo saír da casa sen un caramelo. Queda dito.
_____________
Última Hora: Ao condutor do coche o sentimento de culpa seica lle esvaeceu despois dunha noite, deduzo, ben durmida. Esta mañá, cando foi dar parte ao seguro, tinha dúbidas (ir)razoables de que a culpa fora dele. Aínda ben, na compañía déronme a razón, porque a teño e teño, ademais, testemuñas e o parte asinado por el onte coa descrición do accidente e os danos.
Segunda lección: Non é só nos espellos convexos no que non debe fiar unha persoa nunca.