quarta-feira, 26 de setembro de 2007

Cuérnago de la perionda! (Para C & C)

Ou de como percorrer o camiño máis longo mentres o comité de recepción se disolve lentamente baixo os efectos do alcol

E así foi que ás catro da tarde, tras tomar un café no da Pepa, saín de Aldea das Carrouchas cara a Harolariojaespaña, con cadansúa parada a recoller pasaxeiros en Cidadeabertaaomar e Vilamormallo. E ata aí todo ben, que non había présa ningunha e o que sobraba era tempo: para tomar un café, para subir á casa polo móbil e de paso, mira, aproveitamos e vemos as reformas no piso de C, e mexamos, que sempre foi bo saír da casa mexados. Entre fritas non fritas, déronnos as sete. Pero saímos, dirección norte, primeiro treito autoestrada de peaxe (menos traxe, paxe e garaxe; personaxe, en sexo e xénero, a discreción) no meu coche (que coche grande tes, non é así tan grande, que non é grande di, home, pequeno non é, pero grande grande tampouco, unha rancheira pequena, allá en el rancho grande, allá donde vivíaaaa, ándele, manito, iiiha!, para ti, C, que che gustan os mariachis, dedicada).

Ata aí todo ben. Que antes da Coruña había que enlazar coa autovía do Noroeste e non houbo fallo. O que houbo, si, foi unha lixeira curva á dereita, pero estabamos avisados, por sangooglemaps. Total que logo o camiño era doado, con tropecentos mil quilómetros por diante, e que se temos que ir ao parque temático do Courel agora no outono, que tinguen os faiais de amarelos e ocres (finísima distinción), que se temos que ir de inverno coa primeira nevada de encarga, antes que o raio da neve que a parta se converta en lamazal... E ao Incio, claro, en todo tempo, sempre ao Incio.

Entramos logo no EIE, empregando con pulcritude os tempos compostos, en transición polo Bierzo, imperativamente ao ventar Astorga (que ricas las mantecadas, que chas ofrecen desde o tren, pena non ir en tren, que comiamos unhas mantecadas, agora que a min de Astorga o que me gusta é o chocolate, a min o reloxo da praza, cos bonecos que bailan) e atentos, atentísimos, que en Astorga apañamos o entroncamento coa autoestrada de León. Para aí Astorga, para aquí León... Aí é onde a cousa xa empezou a fallar, que non entroncamos. C & C á súa bola, eu vendo que xa estabamos en La Bañeza, que pasabamos La Bañeza, que cada vez Benavente estaba máis preto e xa entramos na provincia de Zamora, que non se gañou nunha hora, todo o mundo o sabe. E ao cabo falei: como que agora xa non hai volta de folla, tiramos para León desde Benavente pola autovía. Non pasou nada, non morreu ninguén. Fixemos máis quilómetros, aforramos a peaxe (menos traxe, paxe e garaxe; personaxe, xa depende do gusto). E vai sendo hora de parar, agora é o momento de parar, a medio camiño (ha, incautos!), ceamos algo, que se entramos en León, que non, que nos dan as mil, e temos xente a celebrar un aniversario á espera, mellor tiramos outro pouco e ao final, damos cos ósos nunha presuntamente paradisíaca área de servizos, onde poñen a énfase nos produtos da terra. Plantados a ler o cartel da entrada sentimos un murmurio de humores gástricos efervescentes. Antes de máis nada, claro, había que ir aos servizos —para iso están as tales áreas, que á beira das autovías non hai mato—, pero ollo cos camioneiros, nós entrando un por un tan afoutos, peito de lata para fóra mentres por dentro hai medo. Moito medo. Respírase o medo. Aínda ben nos servizos non hai porta, así que o medo, ulo? Dos produtos da terra logo puidemos dicir outro tanto: quen os viu? Bocata cutre e grazas. Foi cea para non lembrar así que óbvioa. Iso si, a camareira, unha delas, era simpática, ou?
E rosmando rosmando, volvemos para o coche, onde van pasando as horas —o Cuérnago de la Perionda, Carrión de los Condes, mal rollito, tensión, violencia, que llo digan ao Cid— seguindo os indicadores de Burgos, Burgos, que é para Burgos. E nun falar por falar, comentamos que ao mellor se non fose de noite a paisaxe era bonita. (Era bonita que te cagas, ben se viu á volta.) Despois, segundo sangooglemaps, era só pillar a E80, atención, atención, E80 que te criou. E autoestrada de peaxe parcial, que que sería iso? Todo o mundo sabe o que é unha autoestrada de peaxe (menos traxe, paxe e garaxe; personaxe, para gustos hai colores), que é ou non é, pero parcial, como pode ser unha estrada parcial nin imparcial? En todo caso, en mala hora, porque convencidos de que estabamos na parte parcial da autoestrada non demos importancia a que non se nos pedise peaxe, e así, tiramos millas á procura da saída 4, dirección Pancorbo, que non daba aparecido. Polo camiño axitamos os brazos para saudar do outro lado da autovía un control da benemérita con gran exhibición de luces, picos e vehículos. E cada vez máis preto de Palencia. E eu a botar contas por dentro, que non me saían, o cal tampouco era de estrañar, que a aritmética nunca foi o meu. Ata que a trinta quilómetros do maior polígono industrial de Castela-León decidimos facer unha incursión nunha área de servizo, que nos daban as da alba, a tremer coma varas verdes, para pedirlle indicacións a un amable camioneiro (alá foi C de valente) que nos deixou como estabamos. E así decidimos, coa risa frouxa da pura histeria, buscar cama, porque outra cousa non, pero camas e camioneiros había en proporcións idénticas, ou deixar que nos prendesen no control da benemérita e nos mandasen a pasar a noite tan ricamente no cuartelillo. Chamamos ao noso anfitrión J, que con lingua de trapo e abandonado na espera polo seu outro mal amigo J (que esta tencha gardada, que o saibas, e estívoche ben que non botases o foguete, por mal amigo, pérfido e traidor), insistiu en agardar por nós, afincado contra un bolardo, para non perder o equilibrio nin a paciencia. Volta e media, e por sorte, xa estaban a desmontar o control. Se non quen sabe... O caso é que demos coa autoestrada, iso si, despois de contornar unhas poucas rotondas a máis en Burgos, á procura de dirección Vitoria, Logroño. E co corazón nun puño, buscamos a saída 4 dirección Pancorbo, que a fin apareceu, e pagamos a peaxe (menos traxe, paxe e garaxe; en personaxe, en troques, a normativa ten manga ancha) e tiramos para Casalarreina, que había festa e churros, fome negra, e chegamos a Harolariojaespaña por volta das catro e media da mañá. O que pasou de alí en diante pódese resumir en tres palabras: bebemos, comemos, bebemos. Prontos.

2 comentários:

Anónimo disse...

PAREME MAL QUE NON SE REFLECTA CON MÁiS INTENSIDADE O MEU PAPEL.

A. Agrimensor técnico bisexual

Sun Iou Miou disse...

Agrimensor non é (non dubido da súa capacidade para tomar medidas doutro tipo calquera, con dobre vara de medir e incluso con distinto raseiro, mais a ferrados?, non nos pasemos, que ancha es Castilla e sospeito que o material técnico non lle ha dar para tanta largueza). Conste que lle aparellara un oco no esbozo disfrazado de perito, pero borreino polo que aquel de conservar o anonimato das miñas vítimas. E vaia agradecendo que non contase máis intimidades, que o papel de "me-in-the-middle" obrígame non a facer de coro, senón a un mínimo decoro. Agora que se quere protagonismo, avise, que faltan a estadía e a volta e teño gana de desbravar.