Aconteceu hai haberá un mes pero a nota foi quedando atrás nas páxinas da axenda e hoxe, falta de ideas e con remorsos de ter o blog a mato, recupereina. Pois foi nun día destes de andar ás toas, en que acabei de Ribeiro ata as orellas —da bisbarra, meus, non do viño, que inda son xente asisada e responsable, cando conduzo non bebo, se máis non porque é algo complicado sen soltar as mans do guía e co casco posto—, a contar pedras en Ribadavia e esteos entre as viñas. Así, entre estradas e carreiros, acordeime do arremecághona, que como está metido na farándula, corre máis Galleira ca un substituto de ensino secundario, e mandeille unha esemese por se tiña concerto pola zona. Cando me chegou a resposta, menda estaba a xutarse un café no Carballiño, que xa ten delito, recoñézoo. “Magosto en Matamá. Xa tamos akí. Vente”, dicía. E fun. Ás veces son ben mandada. No fondo é que me picaba a curiosidade, polo aquel de que nacín en Cidadeabertaaomar e nunca se me perdera nada por nesa parroquia. Despois de recibir polo móbil as indicacións pertinentes, que non tiña demasiado claro para onde caía, quedei en preguntar ao chegar ao primeiro paisano que vise onde estaba o torreiro da festa.
Vini et vidi: obvio a descrición, pero non había dúbida de que o fulano era indíxena. Parei a moto ao seu carón e dixen:
—Boas!
—Boas —respondeu, un pouco descolocado.
—E mire, o torreiro da festa sabe onde queda?
—Ah —O silencio que seguiu a aquela rotunda e breve exclamación descolocoume a min. Pensei: o cata non era de alí, estaba de visita na dun compañeiro do choio e saíra a buscar tabaco. Pero non—. O torreiro da festa onde queda? É que antes había un, que é o vello, pero ese non é, que agora hai outro, o novo, máis grande, porque no de antes os chafarricos non collían.
—Ah —dixen eu, e a miña exclamación foi salaio, pero non teño claro que fose de alivio.
—Ve aquel coche branco que sobe acolá?
—Vexo.
—Pois vaia por onde el vai, e xa vai ver, como o camiño tira para a esquerda —Eu co meu problema de lateralidade a intentar fixar a dirección—, pero NON!, por aí non —E aí xa me descolocou de vez—. Colla para a dereita, que xa logo ve de fronte o cemiterio e o torreiro está pegado.
Si, señora. Velaí un pobo que sabe: a festa ao lado do camposanto, que total os inquilinos, se o barullo é grande, non se han queixar. E até algún haberá que mova o esqueleto.