sábado, 12 de setembro de 2009

As moscas

I
Empezara a clarexar cando baixou do autobús que a trouxera até o aeroporto. O traxecto desde a cidade fixéraselle eterno, entre os nervios, o sono (non durmira nada, claro, por causa dos nervios). Levaba unha bolsa lixeira co imprescindible: un par de mudas, dúas camisetas, un pantalón, as cousas de aseo... e a cámara. Foi dereita á cafetería, aínda faltaba media hora. Pediu un café dobre, só, na barra, e elixiu unha mesa que lle permitise ver chegar o Wim, o fotógrafo polaco que dera orixe á aventura na que estaba para embarcar. Ao fondo o panel luminoso indicaba a hora prevista da saída do seu avión. Sobraba tempo. Bebeu un grolo de café. A vida, pensou, constrúese sobre casualidades. Quen me ía dicir a min...? Pero para entenderen esta reflexión é preciso recuarmos á semana anterior.


Eran as tres e media e chovía. Levaba catro días a dar auga seguido e isto, que pode parecer banal porque era a finais de outono, fora unha das causas inmediatas de que soase o teléfono. Nin sequera se fixou no número que mostraba a pantalla antes de descolgar.

—Si?

Saíralle a voz rouca, a lingua apegábase ao padal, a gorxa áspera, coma se acabase de espertar, pero era só que non falara con ninguén en todo o día. Tiña que beber máis auga.

—Estabas a durmir? Perdoa.
—Non, non, que ía estar a durmir nada. Estaba a ler. Que foi?
—Sabes o Wim, o fotógrafo ese amigo meu? Atopeino esta mañá cando fun facer unha xestión ao centro, que había mil anos que non sabía del. Comentoume que necesita un redactor que o acompañe a unha zona de guerra, en fin, chámanlle "en conflito" agora, polo visto. É que o que tiña... a ver como cho resumo, que é un pouco forte. O fulano que colaboraba con el nas reportaxes, un exiliado chileno que fuxiu a Francia porque o ameazaran de morte tras o golpe, no 73, matouno onte un taxista ao que tentaba parar e que segundo di non o viu por causa do ballón que caía nese momento. O caso é que deulle un case nada, que o guicho cravou os freos en canto viu a sombra, sen lle pasar por riba. Foi só que o desequilibrou, pero con tan mala potra, que ao caer bateu na cabeza e quedou no sitio, seco.
—Fódase.
—Xa. En fin, o caso é que pensei en ti. Se che apetece, claro. Tes o pasaporte en regra?

Non tardou dous segundos en aceptar. Nin sequera lle interesaban os detalles. Estaba desexando mudar de ares, necesitábao mesmo, e aquela oportunidade víñalle a callar. Foi unha semana frenética, para conseguir o visado, pór algunha vacina que tampouco lle ía servir de moito con tanta precipitación, pero malo sería...


Non quedaba café na cunca nin tempo de espera. A media hora pasara e o fotógrafo non aparecía. Empezaba a desacougarse. Quitou o móbil, desbloqueouno. A ver se é que non ouvira a chamada. Pero non, chamadas perdidas non había. Procurou o número, —Wim, aquí o está— e premeu primeiro en chamar, logo en chamada de voz.

—O número marcado está apagado ou fóra de cobertura —anunciou a voz feminina pregravada.
—Pois si que estamos ben —respondeu a ninguén, avergoñándose logo, pola sensación de que falara soa en público.

No panel piscaban as luces que anunciaban a saída do seu avión, mentres polos altofalantes se instaba aos viaxeiros do voo tal a tal cidade a embarcaren pola porta tal. Nunha punta da mesa, unha mosca depenicaba nuns restos de azucre, pero ela, coa cabeza noutra parte, nin a viu. Quitou o billete do peto e dirixiuse a facturación. Miraba decontino para atrás, os nervios da partida case imprevista substituídos polos da inquietude ante a tardanza do raio do fotógrafo. Eran así de impuntuales os polacos? A ver se é que estaba xa na sala de embarque. Se cadra tiveran un malentendido por causa do idioma, sucede ás veces. Acelerou o paso cara á porta 16, case ás alancadas, acorando, máis da angustia ca do propio movemento. Non o viu a través dos vidros que illaban a sala, polo que decidiu agardar un pouco. Mentres a agonía da espera a levaba a cismar en todas as hipóteses posibles máis ou menos tráxicas, pensou en chamar á súa amiga, pero é que eran as sete da mañá. Non eran horas. Ou si. Volveu marcar en Wim.

—O núm…
—Merda.

Os altofalantes anunciaron o derradeiro aviso de embarque para o voo tal á cidade tal pola porta tal. Mirou para a porta, logo para a hora do voo no billete. Suspirou.

II
Xa estaba esperto cando soou a alarma do reloxo. Ergueuse dun chimpo e foi para o cuarto de baño. Sobraba tempo. Duchouse, fixo a barba, ollouse ao espello. Estaba impecable. De alí a uns días, o aspecto, ía ser ben outro. Colleu o móbil da mesa de cabeceira e apagouno antes de gardalo na bolsa con catro pezas de roupa. Logo púxoa xunto ao equipo de fotografía á porta e entrou na cociña para preparar o almorzo con vagar. Cando terminou, mirou a hora. Seguía sobrando tempo, pero ben podía ir indo.

Vacilou un segundo no portal do edificio. Optou por coller en dirección ao metro, os taxis traíanlle malos recordos e non era plan. A rúa estaba deserta ou... Sentiu uns pasos por detrás, logo unha man que lle tocaba no ombro. Virouse. Outra vez este peco!

—Tes un cigarro, machiño?
—Non, non fumo.
—Non fumas. Aquí non fuma nin cristo xa!
—Perdoa, teño présa.
—Para aí, non teñas tanta présa, ho!

Notou unha aguilloada nas costas e despois calor. Toldóuselle a vista e dobrouse, soltando as bolsas, de súpeto sen forzas. Nin viu como o matado do Lucas agachaba e saía a correr co seu equipo de fotografía. Deitado no chan, abriu os ollos e distinguiu unha certa claridade no ceo. Logo fechounos e xa só sentiu o fungar pesado dunha mosca vareixeira gorda, preñada de ovos, perto do ouvido esquerdo.

—Estou feito —murmurou, e o zunido cesou.

4 comentários:

Teté disse...

Que tragédia!

Tirando as moscas, são todos umas vítimas: o jornalista substituto, que precisa mudar de ares, aceitando até ir para um palco de guerra (OK, zona em conflito); o chileno que escapou da ditadura, mas não de um taxista distraído; Wim, o fotógrafo polaco, que para evitar taxistas, acaba a ser assaltado (e morto?!) no metro...

Mas adorei a história, muito bem escrita! (*_*)

Beijoquitas!

Sun Iou Miou disse...

Estou a descobrir que escrita me libera dos instintos homicidas, Teté, e consequentemente da cadeia. Acho que vou seguir matando ao pé da letra.

(E obrigada pela paciência com um texto tão longo nos parámetros dum blogue.)

condado disse...

¡Fódase! e por qué non lle damos aspecto de guión a este pasatempo?

Sun Iou Miou disse...

Pensei o mesmiño cando rematei de escribilo, Condado, pero a ver quen se deixa filmar unha vareixa na orella a pór ovos... E de onde quitamos un fotógrafo polaco?

(E por certo, non les o correo electrónico ou lelo e tanto che dá?!)