Advertencia ao lector incauto:
Esta pornochanchada en verso
fere as máis líricas susceptibilidades.
Ouvín dicir nas noticias
que na cidade de Braga
por evitar impudicias
hai sempre quen todo faga.
Dixo o xefe dos bombeiros,
(ironía aquí nin pinga)
que non van arder braseiros
que o seu corpo non extinga;
que nesta aldea global
das novas tecnoloxías
dispoñen p'ra cada cal
de armas e artillarías
con que combater os lumes,
quer forestais, quer urbanos,
que se delaten por fumes,
p'ra evitar maiores danos.
Que non sexa por mangueiras
nin por moi longas escadas,
que non se encontren maneiras
de abafar as labaradas.
Moi ben dotados de medios,
sen escatimar dispendios
han de sufocar nos predios
calquera clase de incendios.
E non só ao sur do Miño
se estende a viril potencia,
que no galego veciño,
tamén acada influencia
a súa forza operativa,
crucial p'ra impedir que prenda
nin fogo nin chama viva
no interior dunha vivenda.
Ha de estar contenta a igrexa
ante afirmación tamaña
pois que sempre tivo envexa
do Santiago da España
que as reliquias lle ripara
p'ra lle minguar importancia,
e saíulle ao pobo cara,
que é quen as guerras financia.
Xa non vai haber faísca,
tras esta fraterna avinza,
sen que veña unha chuvisca
que a transforme logo en cinza.
Lapa non hai que resista
aos dous lados da fronteira;
baste que haxa lume á vista,
xa lle chuzan a mangueira.
Por iso se vou a Braga
irei vestida de amianto
pois sería sorte aciaga
que o que a quecer custou tanto
veña un bombeiro e apague
en apenas uns segundos
e para sempre me estrague
os meus fogos máis profundos.
E non consinto que un bispo
sexa quen ordene e mande
se me ispo ou non me ispo
ante a presenza dun glande,
só porque veña un bombeiro
que pensa que a ten meirande
e queira ser o primeiro
que os meus ardores abrande.