sexta-feira, 7 de maio de 2010

Terapia de choque

Nunca tal me acontecera e foi unha das experiencias máis alucinantes que vivín no hoquei, fóra todas as outras que xa vivín, varias. A teoría é simple: para que un suceso se produza cómpre que conflúan circunstancias determinadas nun punto exacto nun momento concreto. Onte déronse as premisas.

Circunstancias:
1) A bóla viña na miña dirección e eu ía na dirección da bóla, cega. Fronte a fronte.
2) Tres xogadores ían cegos detrás da bóla, en cadanseu ángulo con respecto á traxectoria recta que seguiamos a bóla e eu.
3) Os meus patíns tiñan rodas e rolamentos novos: velocidade a máis para a miña pouca pericia.

Hora:
19.36h, que veñen sendo uns quince minutos de partido e mais unha hora de técnica ao lombo.

Lugar:
A 1,13m da portería, en diagonal, comigo no medio da traxectoria de tiro.

Suceso:
Dous corpos magros ―dun peso que calculo equivalente e a velocidade incalculable― bateron óso con óso e saíron despedidos polo ar en sentidos opostos, quedando estendidos no chan a unha distancia entre os pés dun e outro de 1,52m.

Experiencia alucinante:
Nunca antes experimentara a sensación de caer en cámara lenta, de sentir que os pés se levantan do chan co impacto, de me prever a aterrar sobre as costas ―e digo ben, sobre as costas, porque o normal é levar un batecú― e ter a certeza de que non me vou mancar, porque percibo o espazo de ar que hai aínda entre o meu corpo e o chan a me amortecer o golpe e dispoño de tempo dabondo para tensar uns músculos e distender outros. Bim... ba!

Conclusión:
As endorfinas, dígovos, son a mellor e máis barata droga que existe.

4 comentários:

João Paulo Cardoso disse...

:)

Sun Iou Miou disse...

Tens uns dentes lindos, ó JPC!

Anónimo disse...

A detallada descrición da confluencia de factores prometía case unha reformulación da teoría da relatividade. Ao fin, o big bang endórfico.
Teña coidado, ande.

Sun Iou Miou disse...

Se lle digo que aínda tiven que axudar o rapaciño a levantarse, Kaplan ;) Coitado, que hostia lle metín.