quinta-feira, 9 de setembro de 2010
Revoar de asas rotas
Non, señora, non, eu non veño tamén para o preoperatorio de nada. Ou talvez si. Só quero ler en paz estes poemas nos que colle todo o mar dentro mentres non chaman por min. Vaia un momento ao baño e volve. Ou repase a lista das moitas cousas que terá que facer ao longo do día para tantas ansias. A certas alturas a xente aprende a desistir das présas a ningures. Tamén eu, tamén, tería que estar a traballar ou a cazar bolboretas mudas que me adorasen na hora magnánima da liberación, as asas rotas contra a opresión do peito.
ECG en repouso son siglas de deitarse quietiña nun padiola, obedecer cando mandan quitar a parte de arriba (a cabeza tamén?, pregunto e ninguén responde, deberei aprender a falar de alto), estenderse, relaxarse, someterse. Está fresco o líquido que me aplica antes de colocar as ventosas sobre os tornecelos a técnico adormecida e despois por diversos puntos do peito. Pídolle que me coloque un par delas para o cerebro, tampouco non me responde. Será que é outro o departamento que estuda as alteracións sinápticas? Será.
O que máis me admira é o silencio. Esperaba aquel rasgar de agulla no papel e nada. Tecnoloxías (novas) aplicadas à incógnita duns resultados indescifrables para a ignorancia decúbito supina dos leigos, un miniordenador que rexistra inmutable como o mundo o mal ou bo funcionamento da bomba.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
2 comentários:
Da bomba quere dicir da chola, non?... Non sei
Non, Condado, a chola non ten remedio. É o músculo ese noxento que anda polo medio do peito, tirando á esquerda, sempre. ;)
Enviar um comentário