Cando se anda de burra —teño que explicar esta expresión ou enténdese?, porque hai moita mala baba—, o primeiro que se debe aprender é a manter a distancia de seguridade. Chámase conducir á defensiva. Hai moito moteiro que ignora este fundamento e acaba co corpo torado contra un quitamedos (palabra que dá moito xogo pero que xa está dabondo espremida: o medo quítano, abofé, e a respiración, de vez). A primeira regra é non ir nunca detrás dunha furgoneta (e menos se son desas modernas antiaerodinámicas de cu cadrado, que che mandan uns abaneos que nin que levases o vibrador do móbil no modo "furia desatada", pero este é outro tema que agora non interesa), nin detrás dun monovolume de vidros tinguidos. Por suposto, xamais detrás dun camión, nin que sexa só pola merda que vas tragando, pero sobre todo porque o condutor non deixa de mirar polo retrovisor a ver quen é a formiga atómica que chupa roda, o cal representa un perigo para o persoal que circula canda el. Así que o mellor é adiantar e encollerse ao sobrepasar a cabina para aguantar a forza do vento que te sacode nese instante xunto coa bucinada que che manda o machomán.
En resumo, temos que ir vendo sempre o que hai por diante, por detrás e polos lados. Parece obvio, pero non é tanto. Nos cruzamentos sempre axexa algún temerario que confunde os faros da moto coas poucas luces que ten na cachola e que se incorpora porque lle sae dos sangumiños. Por detrás sempre vén algún piloto de rallys que che pasa rozando como se tivese que apurar milésimas de segundo para chegar canto antes ao bar que está á volta da curva. E de fronte, ah de fronte, de fronte é onde está a maior ameaza. Non basta manter a distancia co que se leva diante. Cómpre mantela tamén co que vén de fronte, ir á espreita do que decide adiantar agora que só vén unha merda dunha moto, que aparte, se pode.
2 comentários:
¿Sei que andiveches de viaxe, que andas de talleres, oficinas e a sustos polas estradas?
Ao mellor coincides coa miña percepción de que nos últimos meses hai que andar moi atento a cantidade de xente que vai a toda velocidade por ahí, coméndose as curvas e o que poida atopar detrás delas. Lóxicamente, se vas en moto a cousa é moito peor.
A xente é que non sabe que andar en moto esixe moita máis concentración ca ir en coche. Un mínimo despiste, unha ollada fóra do sitio e vas engrosar estatísticas. Pero non coincido contigo en que se ande máis rápido nin facendo máis loucuras ca antes, todo o contrario. Eu vexo que en xeral, vaise moito máis devagar (aínda que só sexa polos radares). Non tes máis que ir pola autovía a Vigo para comprobalo. Claro que abonda un só tarado para montar a festa.
O problema é que cada día hai máis e máis motos na estrada e curiosamente en Galiza. Non sei de ningunha cidade con máis motos ca Vigo, en proporción.
E si, debín facer uns mil quilómetros ou máis esta finde e sen ir moi lonxe. A ver se remato o choio e podo colocar algún post contando algunha anécdota. Que estrés!
Enviar um comentário