sexta-feira, 21 de dezembro de 2007

Ironía do destino

Será que a carreira de Filosofía consiste en transcender a Metafísica?

domingo, 16 de dezembro de 2007

Retruque

Ás veces desconfío que haxa espías na rede dedicados a quitarnos a razón. El non acabo de recibir unha de piroliñas ao aire coa que rematar o ano para compensar todos os tiros, explosións e patadas que me tocou soportar nos once meses anteriores? Abrir a boca é o que ten: o xesto ideal para que che entren moscas ou che poñan unha mordaza. Vale máis falar calado.

Desafíos retóricos

E agora tocan os desafíos que teño pendentes. Por un lado o dos tests da radio comercial, que suxeriu a grafonola, dos que non pasei do primeiro por razóns facilmente deducibles: tocoume carbón. Debeu de ser que nas miñas respostas brillou pola súa ausencia o espírito natalicio. Grazas que non creo no Papa Noël (son máis dos Reis Magos) porque non sabería que facer con ese cacho pedrolo agora que van prohibir as caldeiras que o empregan como combustible.
O outro reto mandáronmo desde o quiproquó e xa me tentou máis: trátase de construir un relato ou un poema cos títulos dos dez últimos textos colgados intercalando as frases necesarias para lle dar sentido, que non deixa de ser complicado facer o único texto con sentido deste caderno. Pero vaise intentar, que non é pouco, e así entreteño a mañá mentres o sol vai fundindo lá fora a xeada.
Sobrevivir, xa se sabe, é a cuestión, aínda que co tempo acabemos desenmascarados deste disfrace de xeoide co que nos defendemos. E así, sen empacho ningún á hora de retractarnos -onde dixen digo, digo Diego- a vida lévanos a descubrir que a mata má nunca morre, que quen a ferro mata a ferro morre e ao que morre polo seu gusto a morte sábelle ben. Mais dentro deste ton de melancólica determinación, vén aí sempre un instante que nos devolve a esperanza, porque hai días de choio que son domingo e domingos, coma este, que ende ben non son días de choio, mais o choio dos días (e aquí ía dicir algo que non vou dicir porque me perde a boca e case mexo fóra do penico), domingos en que non porfiamos en converternos en superheroes: escribindo, limpando, facendo exercicio, cociñando, visitando a familia e/ou os amigos, vendo exposicións, indo ao cine, ao teatro... concentrando todos os praceres que o resto da semana nos nega, como se non nos quedasen 16801 días por diante para gozar, mesmo que precisemos dun corazón plástico para sobrevivir.

Corazón plástico

Á espera de que me acontecese algo tan interesante como para merecer sisuda reflexión neste caderno, dei en andar a rozar polas leiras dos outros mentres a miña quedaba a monte. Pero que se pode facer se o tempo (o tempo que hai que nacín, que tamén é unha seca) non axuda e a preguiza se instala nas palabras? Até que... chegou o correo postal a salvarme! Dúas cartas dúas ofrecéndome tarxetas, pola miña cara bonita, por ser eu quen son: non é para levantar a moral máis escachelada? A primeira apela ao meu corazón nestas datas tan sinaladas, co cal non sei se me poderei resistir. Ofréceme un deseño exclusivo, co fondo a elixir entre "o que máis me represente", a saber: a paixón polos touros, a alma do Mediterráneo ou a bandeira ondeando ao vento... tres formas tres de entender o meu país (ignoro por que non me incluíron no abano unha con foto da familia real, co ben que arde o plástico). E por último, o engado total: un lote de ibéricos de Jabugo de balde, que aí xa... case asino. A segunda tamén apela ao meu corazón e vén a substituir o antigo e socorrido sobre con manoseados billetes co que se agasalla cando non queremos romper a cabeza en elixir un regalo para as persoas que máis nos importan... Que grande invento o plástico. Acaso non é moito máis elegante tirar a tarxeta da carteira cos dedos índice e polgar e entregala na caixa entre o índice e o corazón cun xentil xiro de pulso do que andar a contar nos billetes cotrosos ou moedas de lustre esquecido que ademais, coma o chocolate, se acaban?

sexta-feira, 7 de dezembro de 2007

16801 días!

Eran as tres da tarde e chovía, chovía, chovía… chovía a deus dala. O cal non ten nada de particular en pleno mes de decembro, nunha época en que os outonos aínda eran chuvia e verdín e frieiras nas mans. De cando en cando acórdame aquel día. Coma hoxe, en que boto contas dos 16801 días que pasaron e dos outros tantos que me quedan por diante (`_^), un a un, minuto a minuto, sentindo cada pinga de auga a esvarar pola cara como se fose, como que é, única e irrepetible. Coma hoxe, que chove, chove, chove... Coma hoxe, que estou de días!!! (^_^)

quinta-feira, 6 de dezembro de 2007

Superheroes

A pantasma do Boneco Diabólico Norris perségueme. Des que rematei a serie, levo dúas películas de artes marciais ás costas. Debe de ser que os programadores queren desenganchar paulatinamente o público. Pero, en fin, xa se viu que a violencia pura e dura suscita menos críticas cá irreverencia e os proxenitores están moito máis tranquilos se os seus fillos ven asasinatos ca piroliñas ao aire. Aínda ben que os pequenos teñen bastante máis xuízo do que se lles supón, pero por se acaso aconsello aos pescadores de cana que non deixen a tanza ao alcance dos cativos. Xa se sabe o moito que lles gusta imitar os seus heroes da tele.

quarta-feira, 5 de dezembro de 2007

Case mexo fóra do penico

Hoxe pasoume unha desas gloriosas das que teño que tomar nota para non a esquecer cando llela conte aos sobriños-netos. Fun á clase, pero tiven que entrar non por onde entro habitualmente -que en realidade é unha manobra prohibida pero se non veñen vehículos detrás de min nin de fronte fágoa porque se non cómpre dar moita volta (Oi, se algún día me cachan os de Tráfico, largarei a frase mítica: Ui, perdón, non me dera conta do detalle)- senón por onde hai que entrar á Facultade cando se vén de onde eu veño. Total que ía un pouco indecisa contando pavillóns por ver cal era o que me tocaba (Son só catro, pero ás veces nin servíndome dos dedos, que lle queredes?, nunca sei cantos teño nunha man), aparquei lindamente. Entro toda decidida e xa me chocou que unha porta que sempre está aberta estivese entornada, pero pronto, alguén había hoxe ao que o barullo dos estudantes lle molestaba. E dereitiña aló fun a cumprir relixiosamente coa rutina de mexar antes de ir á clase (e antes e depois do que sexa, creo que disto falei noutra parte), cando me desconcertou a disposición da parede do baño que protexe de miradas alleas o que alí dentro se fai cando se abre a porta. Cando vin os tres urinarios en ringleira case me dá un pasmo. E limpos, impolutos, como se os acabasen de instalar. Freguei os ollos mentalemte: non daba creto. Como era posible que en dous días (luns inda estivera alí... alí?) fixesen tal obra? A todo isto eu seguía plantada, mirando. Non, non había ninguén. Pero se chega a haber, era o mesmo, porque tiña tal sorpresa enriba que non había maneira de baixar da póla. Saín e revirei a cabeza para ler o cartel: HOMES, dicía. Pois cambiárono. Ou serei eu co raio do problema de lateralidade, que non me aclaro. O de MULLERES, logo, estará onde estaba o dos HOMES. En efecto. Entrei. Metinme nun dos retretes e ao pechar a porta caín da burra: confundírame de pavillón. Co que a min que me custara fixar na cabeza para que lado ficaba o de MULLERES, e agora isto. Si, si, si, lápidenme, xa me vale.
Aclaración: tampouco é que fose pasar nada, que non é nin será a primeira vez que entro nun de homes, as cousas como son (unhas veces polas présas, outras porque non hai cristo que entenda os crípticos debuxiños cos que adornan as portas nos bares modernos), e mexo, que non vai afundir o mundo por iso. Pero a cara de desconcerto que puxen ante os tres branquísimos urinarios, -pena de cámara de seguridade- debeu de ser de antoloxía.

domingo, 2 de dezembro de 2007

Hai días de choio que son domingo

O bo que teñen as lagoas da memoria é que nos deixan ver de novo unha película, reler un libro, volver a un lugar que en tempos visitamos, sentindo outra vez na pel a emoción da estrea, o corazón vivo, os ollos toldados, coma quen contempla cada solpor irrepetible.

Así, mentres mido cada frase, mentres escollo cada palabra e a coloco no seu sitio, conmóvenme as notas lentas do piano e a tenrura da voz que narra a historia. Que privilexio, ás veces, este meu choio: falar pola boca doutros...