E agora tocan os desafíos que teño pendentes. Por un lado o dos tests da radio comercial, que suxeriu a grafonola, dos que non pasei do primeiro por razóns facilmente deducibles: tocoume carbón. Debeu de ser que nas miñas respostas brillou pola súa ausencia o espírito natalicio. Grazas que non creo no Papa Noël (son máis dos Reis Magos) porque non sabería que facer con ese cacho pedrolo agora que van prohibir as caldeiras que o empregan como combustible.
O outro reto mandáronmo desde o quiproquó e xa me tentou máis: trátase de construir un relato ou un poema cos títulos dos dez últimos textos colgados intercalando as frases necesarias para lle dar sentido, que non deixa de ser complicado facer o único texto con sentido deste caderno. Pero vaise intentar, que non é pouco, e así entreteño a mañá mentres o sol vai fundindo lá fora a xeada.
Sobrevivir, xa se sabe, é a cuestión, aínda que co tempo acabemos desenmascarados deste disfrace de xeoide co que nos defendemos. E así, sen empacho ningún á hora de retractarnos -onde dixen digo, digo Diego- a vida lévanos a descubrir que a mata má nunca morre, que quen a ferro mata a ferro morre e ao que morre polo seu gusto a morte sábelle ben. Mais dentro deste ton de melancólica determinación, vén aí sempre un instante que nos devolve a esperanza, porque hai días de choio que son domingo e domingos, coma este, que ende ben non son días de choio, mais o choio dos días (e aquí ía dicir algo que non vou dicir porque me perde a boca e case mexo fóra do penico), domingos en que non porfiamos en converternos en superheroes: escribindo, limpando, facendo exercicio, cociñando, visitando a familia e/ou os amigos, vendo exposicións, indo ao cine, ao teatro... concentrando todos os praceres que o resto da semana nos nega, como se non nos quedasen 16801 días por diante para gozar, mesmo que precisemos dun corazón plástico para sobrevivir.
5 comentários:
Gostei muito do teu texto, Sun! Tem nexo e, simultaneamente, faz lembrar uma montanha russa - volta ao ponto de partida, que é o da sobrevivência...
Obrigada, Teté. De jogar com as palavras é do que mais eu gosto. Ora, testes? Eles acabam sempre por descobrir o meu fundo perverso e isso dói (>_<)
Moi na liña dos telediarios de fin de ano con todas as noticias pasadas, pero ligadas e dependendo unhas das outras, que ten máis arte. E, ademais, sen ter que ler o de "por que no te callas", que para algúns foi o único que sacamos en limpo do ano. non te canses
o anónimo de antes son eu, o Couselo, pero non sei por que ese carallo de programa non me deixa envialo como tal
Xa sabes, Couse, que o do "corta e pega" é recurso moi utilizado entre os escribáns. Heiche de pasar un que fixo o meu alter ego, que ten máis miolo.
E non te me embebedes moito, que estamos nunha idade moi mala (^_^).
Enviar um comentário