sexta-feira, 29 de fevereiro de 2008

Ioió mental

Cando inventarán unha crema para as estrías do cerebro?

quinta-feira, 28 de fevereiro de 2008

E foi boa mesmo!

Pois lamento desilusionar ao persoal pero saín indemne do meu primeiro encontro sobre oito rodas. Iso si, todo hai que confesalo, os patíns xa me viñeron ensinados. Certo que caín veces sen conto, para que negalo?, pero sempre de cu e sen mazalo, que me coidei moi moito de aguantar o peso coas mans (benditos polos séculos dos séculos os protectores dos pulsos, que ben avisada estaba) para non machucar os osiños, que non levo airbags de serie. Tamén son de agradecer os ánimos que me deu o profe, que é dos que exercen no reforzo positivo: coas gabanzas que me botou, calquera diría que nacín sobre rodas. En canto ao stick, non o notei en falta nin moito nin pouco. Penso que vou poder sobrevivir sen el, visto que o meu obxectivo non é marcar goles nin defender porterías, polo de agora, mais non desespere quen mo ofreceu, que inda lle tomo a palabra.
En fin, que case me pesa non lles dar motivos para que se escarallaren á miña conta, nin para que me leven bombóns ao cuarto do hospital (de flores abstéñanse se algún día se dese o caso, por favor, que detesto velas murchar), pero é que fun tremendamente feliz esta tarde e cando son feliz teño moi pouco chiste.

A espatelarse (desta vai a boa)

Pois, xa teño os dous pares de medias, luvas con protector de pulsos, protectores de cóbados, de xeonllos (en fin, destes só teño un: procurarei caer sempre do mesmo lado e con elegancia), as botas lustradas, as rodas en perfecto equilibrio... Grazas, NetaNeta! Casco non necesito: non hai moleira que vaia rebordar se fendo a testa. Mágoa que non poida o pobo ver como me resplandece o dentame... Agora é só beber un vasiño de leite polo da prevención da osteoporose.

Notas para tugas:
1. Tetezinha: A única diferença entre espatelarse e espatifarse é que quem se espatifa diz: "Porra!"; quem se espatela diz: "Que hossstia!". Mas interna e externamente o resultado é o mesmo: trompada.
2. Rei da Lã: Dentame, por o elucidar, é aquilo que põe num copo com água (devia era ser água, quando menos...) depois de deixar agasalhadas as galinhas. Nem todos são extraíveis, mas se calhar dos fixos já não se lembra.
3. Jonas: Não terás um "stick" em bom estado que já não utilizes? Ainda não encontrei um do meu gosto.
4. Fausto: A cara boa das religiões: se eu não vou aos patins é eles que vêm a mim (ou será que é por eles terem rodas?)

domingo, 24 de fevereiro de 2008

A ir e vir chámanlle carrexar

Fun a Castela
para lavar os ollos
en horizontes.

Tamén para ver a Diego, que é outro dos nomes propios do horizonte:
tres meses,
tres días.

E para pisar de novo no barro branco que se pega nos zapatos, coma se nunca se fose desprender deles, a turrar por un. Para percorrer o páramo infinito, a estrada que de golpe se torna meandro entre os outeiros e se volve estirar coma se non fose acabar máis. Para aventar o recendo á terra mollada que trae o aire e pasmar ante o manancial mínimo que racha coma unha alfaia a cotra seca virando olmo...

Quen dixo que non se debera volver a Comala?

P.S.:
Polo aquel de non estragar o lirismo, quedou fóra o colofón: Cheguei á casa coma un pito.

sexta-feira, 22 de fevereiro de 2008

Non sei se os frita se os coza

Outra vez os chineses foron quen de facer un magnífico experimento que vai ter repercusións na conciliación entre os labores domésticos e as relacións sociais, que vai dar solución á alimentación de multitude de oficinistas que pasan as horas mortas ao teléfono sen poder saír a tomar un caldiño quente, un mísero café de máquina. Acabou aquilo de dicir cando soa o teléfono mentres preparamos a cea: Téñote que colgar que deixei a perola ao lume... (Non máis escusas, sapiño, encanto). De agora en diante podemos cociñar e falar polo móbil ao mesmo tempo. Abonda unha conversa de sesenta minutos para facer o máis exquisito prato: ovos cocidos. E se un os prefire pasados por auga, corenta minutos chegan. Talvez demore máis ca mediante métodos tradicionais, non digo que non, pero afórrase en desprazamentos, en deixar o teléfono desatendido (tomen nota empresarios do mundo enteiro) e en inútiles cociñas de última xeración e fornos microondas a xogo, todo o cal redundará sen dúbida no aproveitamento do gasto que vai parar ás multinacionais da comunicación no noso beneficio, ou no do xefe, que convén telo contento. Certo que hai que pór os ovos (a sopa de sobre tamén valerá, digo) entre o ouvido e o móbil, pero é cousa de subir un pouco o volume. Ben, en teoría hai que colocar dous móbiles, un de cada lado, pero que traballador de prol non ten hoxe dous móbiles coma mínimo: o particular e o do choio? Así, mentres se trata un asunto laboral, chámase ao pequeno á escola para ver que tal se lle porta hoxe o mestre. Por favor. E se non, fixo que co mp3 tamén dá. Iso si, utilízenme recipientes de cerámica, non lles vaia dar un chispazo que lles frita os ovos.
Que vellez nos espera, nenos!

quinta-feira, 21 de fevereiro de 2008

Para matarse

Hoxe vou xogar un partido de hóckey sobre patíns comigo. A ver se non me esnafro. Prego preguen polos meus osiños os que poidan e saiban. A min prohíbemo a relixión.

quarta-feira, 20 de fevereiro de 2008

Soños

Este serán, mentres tomaba un café co sapiño encantadísimo en Cidadeabertaaomar díxome que tiñamos que facer realidade os nosos soños todos. Ao outro lado da rúa un cartel de propaganda electoral mostraba o busto dun individuo de barbas.
—Todos todos tamén non fai falla —respondinlle.

Lista da compra

Disco duro para copias de seguridade

terça-feira, 19 de fevereiro de 2008

A lamber paredes (The making-of)

Depois dum sono reparador, Rei de Lã, cheguei à conclusão de que não possuo um domínio da língua (portuguesa) como para lhe traduzir fielmente o texto. Aliás (que magnífica palavra, já disse? -algum dia dedicar-lhe-ei um post), se sofrer um infarto pela minha causa, dada a sua avançada idade, assombrar-me-ia esse remorso o resto da vida, até porque, aliás (disse que esta era a palavra total?), é um dos meus mais assíduos visitantes. Fique bem e vá navegar para outra parte, que vou dar umas dicas para a malta nova:

Lamber paredes: Diz-se dos adolescentes quando começam a masturbar-se porque de tanto esforço sem paragem ficam brancos, como se estivessem a lamber o gesso das paredes.
Facer as beiras: É como dizer iniciar suavemente o acosso do namoro.
Andar como un can: Isso dá para perceber, ou? (cão = can, e assim sempre, acho, ão = an)
Negro, burro, pedra: Vai tudo parar na mesma cena: erecção (não de castelos no aire, mas até pode ser quando não há cimento).
Trangallo: (“ll” sempre se lé como “lh”, minhassenhorasmeussenhores) É um pau que se coloca a um animal para lhe dificultar o movimento. Acho que isto não precisa de mais explicação. Sim, sentido metafórico. Animais somos todos, uns mais evoluídos do que outros, Darwin dixit. 'Tá? Se seguimos por ai este blogue vai acabar assinalado.
Fumegar: Bem se compreende. Aqui é na acepção 'exalar vapores', pela diferença de temperaturas...
Ferrar, chuzar, espetar: Clarissíssimo, é 'cravar, enterrar', mas nem é preciso terra.
Paxara: Isto cá é uma vulgaridade, mas condiz com trangalho, en quanto é um dos seus possiveis complementos nas relações heterosexuais. Com um trangallo e uma paxara pode-se jogar ao trompicallo.
Papuda: O mesmo lá do que cá, figuradamente 'proeminente'.
Meter pé no conto: Seria finamente 'intervir'; uma expressão equivalente em linguagem com asterisco é cortar a mexada (mexar = mijar, 'tá bem?).
Gaiola: Português diamantino, e também 'masturbar-se'.
Caldeiro: O mesmo do que 'gaiola' na acepção de 'cadeia, cárcere', não na outra.
Matar a fame:
(fame = fome) Já disse antes um gajo há séculos: "Não só de pão vive o homem" (e a mulher, diria também se for hoje, por falar com correcção lingüística). É o contrario de 'matar à fome'. Não vão dizer agora que os acentos carecem de importância.

Prontos: vou trabalhar, que o meu alter ego está-me a apertar a cravelha.

segunda-feira, 18 de fevereiro de 2008

Parte

Hoxe erguinme con vocación de Servizo Público: Que saiba o mundo que na Aldea das Carrouchas chove, en canto ao tránsito, non se ouve zoar un motor en quilómetros á redonda. Laven coa punta dos dedos os ollos e aproveiten para saír da casa e ir amodo aos postos de traballo, non me escorreguen.
(Se algo ten de bo erguerse a estas horas é que pola radio, en lugar das noticias cotiás de desastres e embotellamentos, os locutores aínda non se deitaron e están colocados e felices polo exceso de endorfinas que produce unha lixeira falta de sono. Coma min.)

domingo, 17 de fevereiro de 2008

A lamber paredes

En vista de que o dos microrrelatos non pretendía ser erótico senón case porno decidín experimentar e mandar outro texto. Non terei máis que facer?, dirán algúns. Pois teño. Pero un pouco tamén hai que enredar, cunha lingua ou coa outra: será que a teño bífida. Toda vosa.

Pé no conto
Ao primeiro fíxolle as beiras. Logo xa andaba coma un can tras ela, negro o día enteiro e a noite coma un burro, longa noite de pedra... mentres ela brincaba, amolecendo por dentro. El rozouna co trangallo, ela recuou a fumegar cara ao baño, entrou nun retrete e el atrás. Ela xemía baixo o son amortecido da música: férrama, chúzama, espétama. El debruzou a boca sobre a paxara papuda, lambeulla e ela gritou incontrolada. Cando a policía meteu pé no conto non lles quedou outra que mandar cadansúa gaiola no caldeiro para matar a fame.

sábado, 16 de fevereiro de 2008

Vaiche boa a navalla!

Antes de saír da casa deixei anotado na axenda o nome de usuario e o contrasinal. Levaba días pensando: a onde vai un blogue parar cando desaparece o seu creador? Imaxino os visitantes entrar un día e outro e outro, sen atopar entradas novas, ata que cansos por último renuncian a asomar o nariz. Sería un triste final. Así polo menos, se un día non volvo, espero que alguén teña o detalle de abrir a porta e deixar por min unha mensaxe de despedida.
E mentres cismaba nisto, fogueteada pola Nacional 13, sorteando coches cuxos ocupantes pasmaban a contemplar o fermosísimo solpor sobre Caminha -e eu sen paraxe para me demorar en tirar unha foto que arquivar na memoria dixital- dei en observar uns ferros chantados no medio da estrada para separar non sei o qué, talvez a mínima diferenza entre salvar a vida ou deixala espetada sobre o asfalto, coma un raxo de polbo nun escarvadentes. Mesmo así seguín retorcéndolle a orella á burra, que non chegaba, cagoentodo, por esa manía de apurar un pouco máis sempre no choio, como se dez minutos máis ou menos rendesen algo...
O caso é que cheguei, xa coas luces apagadas, e contemplei fascinada un musical que me fixo sorrir, que me fixo recoñecer que compensara o esforzo, as présas, a tensión... Tomara eu poder facer un día a versión galega das cancións para dobraxe. Que gozada! E logo que hai certo tipo de películas que me levan a evocar a meu pai sentado na sala da casa un domingo pola tarde. Esta foi unha desas. E sentino sorrir ao meu lado, sobre todo, cando eu apartaba a vista da pantalla para que non se me metese polos ollos o chafariz de sangue que ciscaban os degolados ou tapaba os oídos ante o chascar das cascudas machucadas. El, pola calada, escarallábase.

Devalo

Onte á noite díxome o sapiño encantadísimo que había que esquecerse de construir castelos no aire, que cumpria pousar os pés na terra. Despois abriu o armario, sacudiu o disfrace de tigresa e marchou a devorar a noite. Eu quedei a deixarme consumir por ela. Esta mañá comprobei que, sen lugar a dúbidas, minguara outro pouco.

sexta-feira, 15 de fevereiro de 2008

Suxestión

Se xa está inventado o papel dixital, por que non inventa algún cerebro privilexiado klíneses para enxugar lágrimas virtuais? Pensar na de árbores que se cortan cada vez que un chora non contribúe precisamente a estiñar o pranto.

quarta-feira, 13 de fevereiro de 2008

Choio pendente

A operación arregañar a queixada tivo un éxito rotundo e por consello do público dei en roubarlle horas ao sono vendo unha comedia. Claro que desta, como non as tiña todas comigo, non arrisquei a levar o sapiño encantadísimo, non me fose saír a conta furada e se me atoubase resolutamente ata a primavera. En mala hora, porque fartei de rir, e de alto, que no cinema é como volver á infancia. E sendo os catro gatos que eramos había incluso comentarios distendidos que non se reprimían e ecoaban na sala, provocando outra gargallada maior. Mágoa destes carallos dos estadounidenses, que sempre dan unha no cravo e outra na ferradura, e gozan xuntando ateos con crentes, pobres e ricos, brancos e negros —como para demostrar que o do gran soño (norte)americano é real—, no mesmo cuarto e con sentenza moralizante. Pero abstraéndome diso, escangalleime cunha historia peliculeira sobre o cancro e as segundas oportunidades que dá ter unha morte anunciada.
Díxenvos xa que vos quería? Pois dito está. E outro choio pendente que borramos da lista.

terça-feira, 12 de fevereiro de 2008

Botaporela

Que saibades que acabo de colgar no concurso de microrrelatos eróticos do Vieiros o texto que teño máis embaixo titulado Martes de Entroido ao mediodía, por se vos apetece votar, por sun-iou-miou ou por quen vos pete. Quede claro que non vos penso nin convidar a un cocido, nin regalar catrocentos euros, nin obrigar a asinar ningún tipo de contrato sobre costumes máis ou menos tradicionais. Se gaño, iso si, precisarei de acompañante a Venecia.

domingo, 10 de fevereiro de 2008

Vicio

Ameázame o sapiño con non volver ir ao cine se porfío en levalo a ver películas tristes. O de ameazar é unha esaxeración, claro, porque o di cun sorriso e con tal suavidade, que calquera que imaxinase a conversa observándonos á distancia pensaría que me está suxerindo a repetición da experiencia. Pero é el así, e co traballo que me dá arrincalo do tobo, urdo unha frase a modo de sentenza lapidaria de carácter positivo:
—Polo menos, con aquel pai, a criatura tivo a opción de elixir o sexo e a tendencia sexual —Ao contrario que o rapaz, penso e calo, coitado, que o tiña negro.
—Pois tivo.
Ou tamén:
—Tranquilo, que é unha película e o triscar de ósos créano escochando garabullos —A realidade é moito peor, pero iso gárdoo para min.
—Pois é.
Ou:
—E vivían coma pachás, malia que o pai del dilapidara a fortuna que amasara o avó —E da fin terrible fago coma que non a vimos.
—Pois vivían.

O caso é que levamos unha racha de angustia que precisa dunha inxección de comedia intelixente urxente, e iso que o outro non ve a metade das que eu vexo, pero tampouco ten o limiar do sufrimento á altura do meu, ao que se suman os 45 quilómetros de ida e outros tantos de volta que lle chimpo á sesión masoca. De maneira que a ver se un día destes aparece na carteleira algo que nos sacuda a negrume, porque se non estoume vendo caer no vicio solitario para a eternidade.

quinta-feira, 7 de fevereiro de 2008

Sentenciado

Levaba toda a vida a levantar muros, paredes, valados; a encofrar, rexuntar, revocar, alicatar, lucir; a tellar e retellar... De pouco lle servira ter as mans cuarteadas e os poros da pel entupidos de po de xeso e cemento, o pelo pedrés desde a adolescencia, pois era no oficio malo con avaricia, por non dicir chafulleiro sen remedio. Cobraba barato, iso si, e a tarifa á baixa salvábao e íalle dando para comer, malamente para vestir, escasamente para vicios. Consciente da súa cativa habilidade, nunca se gabou das obras que facía, mesmo que contra o seu tellado tamén non botase pedras. Cando remataba o choio e mentres gardaba no peto o sobre dobrado coa paga, espetaba rotundo:
—Bonito non queda, pero seguro tampouco.

terça-feira, 5 de fevereiro de 2008

Pola causa

Voume travestir de femia esplendorosa a ver se así os cociñeiros do Entroido das Carrouchas me serven unha ración de cocido no seu sitio, coa súa pataquiña, as súas verzas, a chouriza que non falte, un algo de galiña, cacheira, unhas febras de xarrete, unha lasca de touciño entre o pan e unha cunca de tinto con ou sen pintas, que vai a rego cheo. Logo mándolle un danacol e novos.

Isto, que parece que non, é un acontecemento histórico: desde os doce anos que non me disfrazo. Pero mira, hoxe estou de quiero.

Martes de Entroido ao mediodía

Acordáballe a primeira vez que sentiu nos labios —firmemente fechados en actitude defensiva— aquela delicada suavidade, lixeiramente salgada, ofrecéndoselle tras un recendo penetrante, que ao sacudir nas ventas unha conexión directa ás profundidades do hipotálamo, deu en vencer a súa resistencia. Soubo entón o que era o pracer prohibido. Intuíndo os remorsos, medio avergoñado, preparouse para consumar a repetición daquel ritual orxiástico entre diabólico e divino. Porco amore! Perdíao o touciño.

Van

Ouveando cabálganme as sirenas
a envoltura falsa que me abrangue,
monótono o badalo e rouco tangue
no padal resequido polas penas.

Fúranme os ouvidos cos seus gritos
até os músculos, os ósos, até as veas,
chantan nos artellos coma areas
faíscas que son guizos infinitos.

Non permiten coas súas luces que te acene
e suxéitanme á padiola con correas
os verdugos que decretan que non cinga

esta man o teu van de vidro lene,
estes dedos os teus pulsos sen cadeas,

o teu corpo antes que se extinga.

segunda-feira, 4 de fevereiro de 2008

Lume no cancro

Esta carta envieina esta mañá ao programa En días como hoy de Radio Nacional e en vista de que a leron, quizá porque a consideraron interesante, decidín colgala aquí, traducida, por se a alguén lle serve de algo.

O 22 de decembro de 2003 diagnosticáronme un linfoma de Hodgkin. E foi como se me tocase a lotería, porque de entre todas as posibilidades, aquilo era o que mellor prognóstico tiña. Así o vin naquel momento e creo que iso foi fundamental para que hoxe estea aquí escribindo: iso e a SANIDADE PÚBLICA, e o meu médico -o doutor Novoa-, toda a planta terceira do hospital, os amigos e a familia, que me levaban e me traían e me axudaron a subsistitir durante aquel ano que estiven a tratamento (porque coa baixa de Autónomos, en fin..., ese é outro tema). É certo que un día, ao principio, ao ver que non melloraba, pensei que aquilo se acababa, e que me mentían, como, por desgraza, tantas veces vira que se facía. Pero despois de falar co médico, pasóuseme, e nunca máis. Había momentos malos, fisicamente falando, pero o importante era pensar que aquilo era pasaxeiro, que era una gripe un pouco longa, e que ao menor síntoma de mellora, ou ás veces sen el, había que levantarse e camiñar, primeiro un pé, logo o outro, aínda que fose devagarísimo devagarísimo, pero camiñar.

Harmonía

Está un tempo de acordeón: un día de chuvia, un día de sol; un día de chuvia, un día de sol...

domingo, 3 de fevereiro de 2008

Cultura pop

O contrario da arte, que se crea para que perviva, son as entradas deste diario, escritas para consumir logo e esquecer decontado. O mesmo acontece coa parafernalia do entruido (máscaras, carrozas, versificacións...),artellada con data de caducidade. O que vai a seguir é un hip-hop de puntadas con agulla e fío que tramou menda e que se largou durante o entruido do ano pasado na Aldea das Carrouchas, con música do mestre Arremecágona (este blog pronúnciao cadaquén como puder e quixer), o sensual sexo, digo, saxo (en que estaría eu pensando?) de Couselo e os coros da Excelentísima Comisión de Fiastas do Entruido das Carrouchas. Como houbo moitos que non ouviron e algúns que non escoitaron, velaí vai de recordatorio:

Pasou o nadal e non fartos de consumo
semellan anoréxicas damas de pasariala
os porcos do cortello superviviantes da comediala
as baleas do mar, os loitadores de sumo
ao lado deste corpo do que me gabo e presumo
son unha bomba ambulante, botopormín, botaporiala.
Propósitos de aninovo non coñezo nin fago
non me quito das patacas nin me quito do touciño
nin me quito da augardiante, do tabaco, nin do viño.
Desde o amencer á noite, engulo, chucho e trago
por non perder peso hai días que nin cago,
nas fiastas de guardar, eu guardo no fociño.

Cultura pop, cultura pop
chiflar sen escalas, rillar nonstop.
Cultura pop, cultura pop
e para rematala beillar no hip-hop.

Hai vicios máis peores ca este meu polo cocido.
Que hai quian xunta ladrillos apegados con cemento,
quian arrasa os nosos montes que son vida, son sustento
quian xunta cartos en sacas negras coma o seu contido
quian entra e sae da cadea sen que lle chamen bandido
quian convierte a democracia en permanente esperpento.
E demos grazas, e demos grazas
que non nos poñen bozos nin mordazas
E demos mazas, e demos mazas
pra mazarmos a eito en tantas desgrazas.

Cultura pop, cultura pop
chifrar sen escalas, rillar nonstop.
Cultura pop, cultura pop
e para rematala beillar no hip-hop.

Disque agora os pitos van andar con cueiros
perfumados con chanel coma a loura Marilín;
ducha diaria ás galiñas en tódolos galiñeiros
desodorante nas alas e ambientador de xasmín;
e ós galos vanlles botar millo con pipermín
pra escorrentar ó cantaren piestes e malos cheiros.
E non hai frescuallo que máis infeste,
non hai tufo no mundo que menos preste
polo norte e o sur, polo oeste e o leste,
non hai fedor na terra que máis deteste.

Cultura pop, cultura pop
chifrar sen escalas, rillar nonstop.
Cultura pop, cultura pop
e para rematala beillar no hip-hop.

Seica espallou a moda nas igrexas da bisbarra
de pór músicas celestiais en potentes altofalantes
pra envanxelizar a xente á forza de dar tabarra.
Onde alá van as campás que nos espertaban antes?
Iou quiárome máis no infierno rodeado de moinantes
A que me esperte ós domingos da resaca esa fanfarra.
Quian non desbarra? Quian non desbarra?
Chega o domingo, ié que non marra.
Veña guitarra, veña cinzarra,
Déixache a cachola que cha escacharra.

Cultura pop, cultura pop
chifrar sen escalas, rillar nonstop.
Cultura pop, cultura pop
e para rematala beillar no hip-hop.

Os semáforos do Punto son seres independientes
que acenden cuando lles peta ou cuando lles apetece.
Pra regula-lo tráfico tian cores convenientes
A eles tanto lles dá, que son autosuficientes.
Xogan a se pór en verde os dous cando lles parece
Por ver esnafrar ós coches e a máis dun partir os dientes.
Tanto lles dá e tanto lles tian
Vermello, que verde, quian vai e quian vián.
Tanto lles dá, parécelles bian
Que turren, que choquen cincuenta ca cian.

Cultura pop, cultura pop
chifrar sen escalas, rillar nonstop.
Cultura pop, cultura pop
e para rematala beillar no hip-hop.

Chantaron da noite á mañá nos camiños uns letreiros
Que nos tian desorientados a veciños e forasteiros.
Puxeron Fontenla a Fontiala e á Quirincosta, Cunqueiro;
Castelao ao Camiño Viello, abofé son chafalleiros.
¿Que tian que trocar nadias os nomes destes carreiros
que tiñan nome bian posto polos nosos devanceiros?
Seica llela abala, seica llela alomba,
Como lles digan nin como se chamen.
E tomba que dálle, e dálle que tomba
mentres os veciños non llelo reclamen.

Cultura pop, cultura pop
chifrar sen escalas, rillar nonstop.
Cultura pop, cultura pop
e para rematala beillar no hip-hop.

Vienres de foliada organizan na capital
con desfile de carrozas a golpe de talonario
só por quitar as plumas máis balorentas do armario.
Pro quian queira ver entruido non topará outro igual
Có que en Goián facemos co cocido comunitario,
tortillas, torresmos e viño e a sopa do carnaval.
Sopa no pinico para toda a tropa.
Nin cunca nin caneco nin prato nin copa.
Onde se atopa? Onde se atopa?
En Goián tomamos nun pinico a sopa.

Cultura pop, cultura pop
chifrar sen escalas, rillar nonstop.
Cultura pop, cultura pop
e para rematala beillar no hip-hop.

Data de fabricación: Entruido de 2007
Data de caducidade: Entruido de 2007

sexta-feira, 1 de fevereiro de 2008

Chapuzar polas pozas

Na honra dos membros deste goberno hai que lles recoñecer que saben actuar con eficacia, en ocasións. Aló polo mes de decembro decidiron que ían tomar medidas contra a seca e ata o de agora non nos podemos queixar. O mes de xaneiro deixou algunha que outra rega e hoxe volve chover como se non fose parar máis nunca, tras uns cantos días de intervalo en primavera diurna, —cos bruscos cambios de temperatura dos que os seres vivos normais se salvaron pola elasticidade das células mentres as pedras escachaban por inertes, por inercia.
Despois do xantar (‘almoço’ para os da banda de lá, que logo desnórtanseme, aínda que pola deshora a algúns pareceralles ‘jantar’) subín ao centro a tomar un café ou dous. Ameazaba chuvia, pero non tiña gana de ir no coche, así que collín a bici, consciente de que se non era á ida, á volta comohaidiós caíame. Ben podía ir a pé, pero son vinte minutos a paso lixeiro e tiña que vir para a casa… a perder o tempo no diario en lugar de traballar e levantar o país, para que nos imos enganar. Entón vin a primeira poza e entráronme unhas ganas irrefreables... que refreei. Xa bastante sona de tronada teño. Tívenme que conformar con volver á casa coma un pito e cismando que, total, se me había de mollar por que non me puiden dar o gusto de pinchar nunha poza ata que me chegase a auga a por debaixo do lóbulo das orellas. Un día destes, non hai fallo.

Tamaño

Cada día agoníame máis o do tamaño. Non paran de chegarme recados a insistir na súa importancia, quérese dicir, a do tamaño grande, que tamén os hai pequenos e medianos. E ben sei que é certo, porque se medise máis do metro cincuenta e tres que mido, poucas as grazas, tiña unha GS1200 entre as pernas. Por iso pregunto a quen me poida responder por experiencia propia, se os remedios que ofrece o mercado son efectivos e cales as consecuencias colaterais. Estou por probar pero teño medo de me enganar na dose e que sexan as orellas o único que me medre.