quarta-feira, 25 de junho de 2008

A vella polaca. Capítulo XIV


Calquera parecido coa realidade é pura ficción


Cando dona Ludmila acabou de ouvir aquilo, sentiu que a mala morte era a que acaba de recibir ela, coma unha puñalada directa ao fígado. Entón era esa a razón de que o seu Jonas levase tres días sen dar sinais de vida, de vida para ela... Canto significado cobraban as palabras ás veces, esas que pronunciamos coma quen respira, de maneira mecánica, e que, porén, coma a respiración, son, non fundamentais, senón imprescindibles. O Rei da Lã, que se decatou da súpeta tristeza que alagara os ollos da vella polaca e que lle intuíu no xesto de apertar coas mans forte o bolso a vontade de erguerse e marchar, detívoa, estendendo o brazo cara a ela, sen chegar a rozala, mentres interiormente se dicía estúpido, estúpido, estúpido, que calado estabas máis guapo. E xusto naquel preciso instante, achegouse ao círculo —que máis parecía elipse polas caras longas do persoal— unha muller desas que se definen de “boa presenza”, aparellada cunha carpeta debaixo do brazo onde se lía Ministerio de Asuntos Sociais.

—Cagámola. Vou ver as patacas —dixo o Rei.
—Teño que ir mirar a naviarra ao estaleiro e volvo xa —escusouse o Capitão Merda.
—Eu é que teño hora marcada na perruquería —deixou caer Em Bicos de Pés polo baixo, como quen non ten fe na eficacia da mentira.
—Fódase. Teñan un día leve e proveitoso —exclamou o Violeto, pois foi o primeiro que lle veu á cabeza.

O Fausto non dixo nada, como se aquilo non fose con el, pero Miss Tollo, véndoo tan incauto, largoulle un cabo:

—Está un día estupendo para ir procurar unhas ondas. Quen se apunta?
—Ondas? Con esta calma? Non se move unha palleira, rapariga.
—Que saberás ti o que se move e o que non? Anda, que pareces parvo.

E xa o collera do brazo para turrar por el, cando a portadora da carpeta do Ministerio de Asuntos Sociais, co sorriso máis amplo que se poida imaxinar nunha boca limpa e ben coidada, de dentista semestral faga ou non faga falla, acostumada a impor autoridade, ergueu a man dereita e prorrompeu:

—Quietos parados! Tranquilidade, que é só unha enquisa.

E sentiuse entre un “uf” e “ah” colectivo, mentres o Tisco, co estómago xa algo revolto, uliscaba nos zapatos lustrados da que acababa de chegar.

—Bos días, ante todo. Permitan que me presente. Chámome Teté e ando a facer unhas preguntas sobre os hábitos sexuais dos cidadáns do Porto. A min non é que me importen, conste, pero é que estaba desempregada e foi este o único traballo minimamente digno que me apareceu e que me permite conciliar a vida laboral e familiar. E claro, como vin que aquí están reunidas persoas de diferentes franxas de idade, pois dixen, nada, que aproveito e cubro dunha sentada unhas cantas, e aínda chego a tempo de recoller o pequeno da escola. Se non é molestia, claro.
—Regalan condóns? —preguntou o Rei.
—Dise preservativos, animal —corrixiu o Violeto.
—Profilácticos, ignorantes —sentenciou o Capitán.
—Profilácticos femininos traerá tamén…? —reivindicou Miss Tollo, finísima ela.
—A min válenme todos —apuntouse o Fausto.

Namentres Sigrid, calada coma un peto e coa cabeza gacha para que non se lle vise o rubor, contaba os puntos que se lle saltaran das medias e sacaba un frasquiño de esmalte de uñas para reparalos.

—Pois non. Condóns non, pero teño bolígrafos, se queren. E non son malos para ser do Ministerio.

4 comentários:

Rafeiro Perfumado disse...

Se a Teté me aparecesse à frente a fazer um inquérito desses ia ser lindo...

Beijoca!

Sun Iou Miou disse...

E ainda falta o inquérito...! Até ao próximo capítulo, Raf. (`_^)

Teté disse...

Tu metes-me em cada alhada! (sem ofensa para ninguém) Um inquérito sobre a vida sexual dos cidadãos do Porto? Mas eu sou doida, ou quê?

Mas pronto, se é só uma história, OK! Até gostei da parte de ter uns dentes muito lindos... só por aí se vê ser pura ficção!!!

Não percebo é o porquê das perguntas serem de cariz sexual e depois andar a distribuir esferográficas, mas suponho que explicarás para que é que elas servem... (`_^)

Sun Iou Miou disse...

Tu não és doida, Teté (enfim, como todos, nem mais nem menos). Em qualquer caso é o Ministério de Assuntos Sociais, que encarregou o inquérito. E nem te tens de identificar com o personagem: nas minhas histórias "qualquer parecido com a realidade é pura ficção". (`_^)

Que para que servem as esferográficas? Para nada. De ai que as ofereça o tal Ministério.