Téñovos dito que non sei facer dúas cousas á vez e non me credes. A ver se agora. Ía preparar unha herba luísa, que me presta moito polas tardes. Pensaba, ai de min infeliz, que para iso non cumpría utilizar o caletre, que este podía estar mellor empregado en dar á frase que estaba a traducir a mellor das formas de que era capaz. Total que mentres a auga non fervía, eu remoía, recolocaba, trocaba sinónimos aceptables, alternaba construcións verbais con sintagmas de núcleo substantivo, sumida noutra dimensión.
Ferveu a auga, servina, chimpeille o sobre e fun para o ordenador coa cunca, que quedou alí ao lado a pousar. Isto todo sei que o fixen porque non teño servizo doméstico, non porque me lembre de facelo. Nun alto, mirei para a infusión e descubrín un líquido escuro a máis, do que non se desprendía un mínimo recendo ao limón.
Visto que aquilo era té e do negro (de excitantes non andaba carente), resolvín pingalo con leite para cortarlle o amargor. E aló vou con el para abaixo, abro a neveira, a cismar nun adxectivo que non me convencía, collo o cartón, inclínoo sobre a cunca e vexo saír polo bico un líquido de cor laranxa. Non sabía se rir, pero polo si ou polo non, rin, que se perde menos. Collín o cartón bo, o do leite, e engadinlle unha nube, a ver. Xa vos digo que non me quedou mal de todo. Frío, iso si.
Agora vou ver se dou co adxectivo. Que hei de dar: teño o cerebro entregado.
6 comentários:
Pior que entregado é estragado :-)
Unha vez eu no super comprei viño don simón en vez do cartón de leite; non queira saber como me quedou o café do almorzo.
Así que herba luísa polas tardes.Que aproveite
Estache ben: si prepararas un cubata...
É que a herba luísa, Kaplan, faime bem ao estómago. No cerebro polo que experimento non tem beneficios visibles.
Café con viño don simón! Debeu ir bonito ese día ás clases. ;)
Se preparase un cubata, Raposo, vai ti saber o que era capaz de misturar: vinagre de módena con sifón?
E encontraste o adjectivo?! :)))
Sempre encontro, Teté, mas ás vezes ando para aí uma hora às voltas; outras, desisto e fica para o dia seguinte... Nunca vou sair de pobre neste ofício... ;)
Enviar um comentário