sábado, 27 de novembro de 2010
Cardialxias imaxinarias
Resumiulle a aflición que a envolvía: a dor elíptica, radial, torácica, a falta de ar que os tentáculos da ausencia inzaban ásperos, o dominio infrutuoso do tremor na voz que se quebraba case. Só entón el apartou a mirada do ordenador para a pousar clara nos ollos do obxecto-suxeito de estudo. Un instante longo, permeable. E acenou para a padiola. Deitou o corpo ela ás indicacións da auxiliar, espido de cintura para arriba (sendo máis sucinto indicar topless, a intención significativa viraría outra), pinceladas de xel, refucidas as perneiras do pantalón para as ventosas dos tornecelos. ECG en repouso. HTA. O estetoscopio frío sobre as costelas que o lenzo da pel ampara, sen sopros, sen sopros, e no espazo da consulta un silencio estrito de avenidas antes das badaladas aos domingos. E así, o magro posuídor da bata branca de nove a tres marca a ergometría (vulgo, proba de esforzo), cables polo peito en conexión wifi, de pés descalzos, os calcañares a bater doridos na cinta mecánica nun paseo de dimensión única ―temporal―, con destino resultados, aceleración en aumento, paulatino, aumento: rego sanguíneo regular e... Non arritmias, non arritmias, dise sobre a paciente: non datos de cardiopatías. Tamén non consta no informe pericial que haxa corazón vivo alí dentro ou necrótica carne no lugar en que o mar se soña, asinou o doutor, a tantos dun novembro frío.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
4 comentários:
Parece mentira, pero o músculo-hardware aguanta o que lle boten. E o músculo-software tamén, ou aínda máis.
...e con todo latexa...
Vostede cre, Kaplan? Non fíe na dureza do hard, nin na mole sedución do soft. "Efémero" é o adxectivo, até para a dor.
Tun-tun, tun-tun, tun-tun, Ela, al tuntún.
Enviar um comentário