Os ollos regalados para a eternidade, fose o que fose a eternidade. Era isto tamén: estar sempre atento ao movemento ou a quietude das cousas. E aínda do outro lado se falaba en sono, sono eterno! Que saberían eles, os vivos, da frialdade que se estendía polo tutano dos ósos como fíos de luz branca e aguzada, da mirada presa aos pormenores, do calcar dos pés nas sombras que crepitaban sen as sentir ninguén? A inmensidade acosaba por calquera flanco sen que coubese a parálise. Por iso, cando Xoán Lobo Vieira se detivo ante o trinque que exhibía material de deportes, o desexo se lle instalou nunhas botas de camiñar. "Se tiveses unhas desas", soproulle o pensamento ao ouvido, "andarías o mundo para distraeres o silencio dos días". Entrou na tenda, que aínda estaba fechada, sen parar mentes ás grades e o vidro que se resistían cunha inconsistencia maleable e líquida. Unha corrente de ar. Varreu as paredes punteadas de zapatos desemparellados á busca da bota que vira desde a rúa. Tomouna na man, sopesouna: era leve coma a lembranza dunha voz, só que non era o seu número. Mandou vir do almacén aos seus pés a caixa que contiña o par perfecto, asimétrico, equidistante. Extraíu senllas bólas de papel e enfiou cadanseu pé, con moita cautela para non escangallar a arquitectura primorosa e delicada das falanxes. Ergueuse. Afincouse contra a solidez imaxinaria do chan, protexido. Deu unha volta en círculo. E mais outra invertendo o sentido. Estas, asentiu.
Aínda, antes de saír, lembrouse de escoller un par de pantuflas, azuis, o forro mol de pelo artificial suave, para mellor acompañar as lecturas que ningunha lareira iría aquecer. Logo, saíu á rúa como entrara, sen reparar nos límites. E púxose a camiñar, os ollos regalados e atentos aos instantes, en dirección á noite que había de vir.
2 comentários:
Para fantasma, este Xoán tem preocupações muito terrenas, tais como saber se o número da bota lhe assenta bem no pé! E pantufas para manter os pés quentes? Acho que me perdi... ;)
Beijoquitas!
Ai, Teté, já imaginaste o que será encarar a eternidade, tanto caminhar ou poisar, com um calçado desconfortável?
Encontra-te!!!
(Ou procura-te, pelo menos.)
Enviar um comentário