terça-feira, 30 de outubro de 2007

Xeometría

Unha aperta é a liña que une a distancia máis curta entre dous puntos.

domingo, 28 de outubro de 2007

Pola vella

Como nunca sei se lle hai que dar ao reloxo para adiante un pouco ou bastante, decido mudar de fuso horario e enguedellar o tempo por estradas e carreiros nos que o tránsito ao mediodía desaparece, porque as persoas de ben xantan en familia aos domingos. Desde Melgaço contemplo as montañas que me seducen até ao Castro Laboreiro. Arrimo a burra á beira e bótoo a sortes. As brandas e o frío, que xa aquí embaixo vai avisando, quedan para outra ocasión. Hoxe vai estar de ríos. Do Miño ao Vez, do Vez ao Lima, do Lima ao Coura. Coas maletas cargadas de noces e castañas inaugurei a hora de inverno ao atravesar de volta a raia por Onde o Aire Dá a Volta, entre o lusco-fusco de non saber se chegara á casa pola nova ou pola vella.

Poiquilotermos

Como se fose a última tarde,
animais de sangue frío
sobre a area.
Como se tal fose eran as palabras:
escollidas, precisas, meditadas,
faladas, logo de escritas faladas,
dolorosas,
doloridas.
Como se fose a última tarde
de sempre,
eran os silencios máis fondos,
máis longos ca outras veces,
a abanar no rumor das ondas.
Arredor todo tan sinxelo:
mar, penedo, veleiro.

E era só como se fose
aquela última tarde
a derradeira.

terça-feira, 23 de outubro de 2007

Canto máis se dorme, máis se descansa

Uns científicos –disque– do Laboratorio de Sono e Neuroimaxe (que manda co título) da Universidade de Berkeley de California deron en realizar un estudo polo cal viñeron a demostrar (quedoume fina dabondo a redacción?) que durmir mal pon dunha mala hostia... O caso é que de resultas das horas que botaron a experimentar cuns incautos (espero que cobrasen, polo menos) descubriron a ligazón neural entre a privación do sono e os trastornos psiquiátricos (ou sexa, a neura que che entra, e se non que llelo expliquen aos pais que botan máis dunha noite sen durmir por causa dun bebé repugnantiño, por non falar nos casos terroríficos que no mundo foron, pero mellor non entrar aí que é asunto serio e grave). E todo isto despois de observaren o que ocorre no cerebro mediante resonancia magnética (co que custa facer un escáner e as listas de espera que teñen, estes, nada, tira para diante e mete outro no tubo, e logo o barullo que fai o aparello, que tamén non axuda nada a estirar a orella) cando se dorme pouco, mal e a rastro. E van os sabios e conclúen que o sono non é luxo do que un poida prescindir á vontade, non, tch, tch, tch, olliño: échevos unha necesidade fisiolóxica, cágate lorito.

Visto o visto, voulles propor unha idea –a ver se consigo o enderezo electrónico desta xente, que polo teléfono sáeme nunha pasta­–, que como vaia adiante, dentro duns anos estades todos convidados a Estocolmo a recoller o Nobel; ou a Oviedo, ao Príncipe de Asturias, se me apurades moito, home. Imaxinade alí todos nunha foto na parede a carón do Al Gore e o curmán do outro, que brasa! Como me envolvo, concho xa. Que digo que podían facer un estudo a ver se a gana de mexar é tamén necesidade fisiolóxica ou manía, porque eu é entrar nunha cafetería e o primeiro que busco é o baño, sei preguntar polos aseos até en arxentino, flipando, ‘coita. Pois iso, que poñan aí uns cantos catas a reprimirlles a gana de mexar, con descargas eléctricas en canto achegan a man ao pomo da porta (dixen ao pomo da porta, que hai que repetilo todo), a ver que pasa. Apunto dúas hipóteses de partida. A) Se aguantan, é que mexamos por mexar, coma quen come pipocas no cine, vaia. B) Se estoupan, amigo, haberá que ir pensando que a privación da evacuación de augas menores provoca a explosión da vexiga (e mira que aguantan, que hai por aí cada botelo...). Pero ai como saia a B! Había pór eu dereitos os que piden os cueiros de incontinencia pola Seguridade Social. Os caprichitos cadaquén do seu peto. Iso si, se sae a A: papel hixiénico con receita médica. Avisados están.

Gelo

Levo días a darlle voltas para mirar de lle facer aquí un oco, tantos días como hai des que souben que morrera. Sequera que sexa para que quede constancia de que existiu como parte do decorado do meu mundo. Acotío achegábase á tenda no 600 para mercar o xornal, contra o mediodía, e entraba na Pepa a tomar un café mentres o lía. Non é toda a xente a andar en 600, por iso chamaba a atención. Nas poucas ocasións en que me permito o luxo de facer unha escapada á Pepa ao mediodía —case sempre porque me chaman da Caixa apurados, que necesitan conqué para facer efectivas as pensións dos vellos e eu rapizo o que teña para aí solto e fágolles ese favor...—, víao sentado na primeira mesa á esquerda, segundo se entra, invariablemente. Ao entrar eu e saudar, levantaba a cabeza, respondía a sorrir e seguía ao seu. Poucas veces falaba, nin que oíse as barbaridades máis gordas que se soltan por alí en plena euforia do café co chupito dos que xa veñen comidos. En silencio, sempre no seu recuncho, case nin dei pola súa ausencia cando subín haberá dez días e non o vin. Pero non estaba, nin vai estar máis, nin el na primeira mesa da esquerda segundo se entra, nin o 600 branco á porta, careca cos faros redondos coma ollos abertos. Pensándoo agora, ambos tiñan un parecido. Sorrintes e pequerrechos, ocupando apenas espazo. Vai este para os dous.

domingo, 21 de outubro de 2007

Paradoxal mente

Coma nos seus tempos hippies seguía plantando marihuana e avogando polo amor libre, pero tamén xa non fumaba.

sábado, 20 de outubro de 2007

Trabei nun cacho de ceo

Busqueino na internet e xa non teño dúbida. Os síntomas son inequívocos; o diagnóstico, definitivo. Rebentoume por dentro unha nube e desáugome.

sexta-feira, 19 de outubro de 2007

Ollos negros, papo rubio

Sei que o outono se instalou á fin porque de mañá cedo cacho o pisco a petiscar nas migallas que deixo para os paxaros no peitoril da fiestra da cociña. Máis ollos ca cabeza, foxe a refuxiarse no arce en canto presente a miña sombra do outro lado do vidro. Pouco e pouco, a medida que avance a estación, irá collendo confianza, coma cada ano. Coma cada ano sei que o outono se instalou á fin.

Meu, son eu

.

quinta-feira, 18 de outubro de 2007

Cancro

Outro que vai e morre dunha longa e grave enfermidade. Hai xornalistas que querían algunha lección que outra sobre a función dos nomes das cousas. Porque, en fin, se un morre dunha enfermidade, é natural que esta fose grave, se non non morría. O curioso é que nin sempre é longa a tal enfermidade longa e grave da que continúan a morrer algúns, nin tan grave como para que todos os que a padecen morran dela. Logo están os que cando van amentar a tal longa e grave enfermidade baixan a voz como se estivesen a falar, que sei eu, de almorrás, que é unha enfermidade longa, máis non grave, por máis que dolorosa e incómoda.
Enfermidades longas e graves hai moitas, tampouco é cousa de porse a citar aquí todas, pero para iso cada unha ten o seu nome, o cal permite ademais aplicar o tratamento axeitado, se o houber, se o paciente ten diñeiro para custealo ou se ten o privilexio de vivir nun país coma este, cun sistema sanitario social (da estafa dos seguros sanitarios privados, falo outro día, que hoxe non estou de quero) que xa quixeran en moitos outros países dos chamados ‘grandes potencias’ (ou era prepotencias?), con listas de espera incluídas, si, e en boa hora. Mais ao que ía: ao pan, pan, e ao viño, viño. E á longa e grave enfermidade, cancro.

terça-feira, 16 de outubro de 2007

Canny linguist

Nada máis baixar do avión no aeroporto de Vilamormallo sentiu unha comechón urxente. Entrou no cuarto do hotel e procurou nas páxinas de contactos o número máxico. Ben disposta e co seu terrible acento escocés pediu un cunnilingus. Ao cuarto de hora tiña a petar na porta un arteiro lingüista. Abondou que este empregase unha lingua viva para desfacer a confusión.

Post postum: Idea orixinal rapizada no haicu.

Corpore insepulto

Non sei se será polo frío, pero ultimamente érgome coa lingua morta na boca.

segunda-feira, 15 de outubro de 2007

Sic itur ad astra

Esta mañá batín a miña plusmarca mundial de remadas: 1663 en trinta minutos, cunha media de 61 remadas por minuto nos dous derradeiros. Está claro: non tendo alma tíraselle máis proveito ao corpo e o osíxeno purifica o cerebro.

Desalmado desánimo

Tentei vender a alma ao demo pero non houbo pauto, ignoro se por non existir o demo ou por non ter eu alma.

sábado, 13 de outubro de 2007

Silencio

Cando non fai falla máis nada chámase tamén felicidade.

sexta-feira, 12 de outubro de 2007

Historia verídica da muller do enxeñeiro

Hai historias que son certas, por moito que un se resista a crelas, pois non nacen de dentro, senón de sucedidos auténticos que un día de finais de setembro cruzan o aire e pousan nos ouvidos, sen querer. Así foi o que aconteceu con esta, co río por testemuña e a viña que nos cubría, que impediu que a historia fuxise cara ao ceo, como de seu faría, xa que era de fume e ese debía ser o seu destino.

Quen sabe xa se era á tardiña. Probablemente. Estabamos nós e o dono do chiringuito. E a parella aquela, claro. Un matrimonio deses maduros, gordos os dous coma bocois. Ela era filla da terra, contaba —só ela falaba—, e emigrara de nova ao estranxeiro, onde coñecera aquel bendito, moreno e grande, que á forza de silencio non delataba que fose alemán. Seu home, explicaba orgullosa, era enxeñeiro, o que aquí chamabamos —ao cambio?— un mecánico. Calquera que saiba un chisco de alemán ou inglés, entenderá logo o conto, pero non está aí o chiste deste relato. E ela continuou. Nós mirabamos o río na procura das primeiras garzas reais e apenas atendiamos ao nobelo. Non ía connosco. Até que quizá unha frase máis alta ca as outras nos furou os ouvidos. Non tiñan fillos, que case sempre son unha alegría. Case. Sabía ela dun sucedido, verídico, por outra banda, que aparecera na prensa alá na Alemaña, nunha revista, disque, digna de todo creto. E por non ter non tiña desperdicio.

Isto era un matrimonio con tres fillos louros, branquiños. Eran moi felices. El tiña boa posición e ela, en consecuencia, decidira deixar de traballar para se dedicar á casa, algo que alá non é frecuente, pero que en vista da familia numerosa tiña a súa razón de ser. Total, que viviron uns anos de harmonía. Os rapaces ían á escola, a roupa estirada, impecable, o pelo pegado á cabeza coa raia ben marcada eles, a rapariga cos bucles caendo sobre os tirantes do pichi de cadros, con cadansúa mochila aos ombros. Tiñan unha rancheira grande para os domingos e un utilitario para os cotíos. El ía ao traballo no tren, que era máis ecolóxico. Ela mercaba unha vez á semana nun hipermercado instalado nos arrabaldes que tiña desas máquinas, aquí non as hai, contaba, para reciclar todo tipo de materiais, e contedores selectivos: papel, vidro, latas, toda a pesca. Non cociñaba mal e na casa eran bastante galdrumeiros, así que estaban lucidos, colorados, como di o outro: non lles entraba o becho no corpo. Por certo que non o dixen, pero vivían nun deses chalés que lles chaman adosados (a RAG nos colla confesados), tan monos, flores nos balcóns e un mini-xardín por diante e por detrás con can piloneiro incluído. Os veciños eran todos xente de ben, aquel era un barrio fino, non de ricos, ollo. Xente honrada e traballadora, que alá prospérase máis. É outra cousa.

Os preámbulos talvez non fosen tan longos e nin sequera necesarios, pero a memoria, cando almacena unha historia contada, ocúpase de adornala. É a vantaxe do ouvido sobre a vista: non se recibe todo feito e un pódeo recrear á vontade. Ese foi o ambiente que imaxinei para aquela familia modélica, dun louro e branco que fería na vista —quen teña fotofobia vai comprender: é só pensar neses días toldados en que o sol pugna por saír e se filtra nunha luz intensísima que levanta dor de cabeza e excita os lacrimais.

Terían, un supor, os seus máis e menos coma todos os matrimonios, pero os fillos, que son os que dan os desgustos, inda non estaban en idade de dalos. O máis vello creo que andaba polos oito anos, ía para nove. O cativo cumprira os tres. E claro, hai rutinas que se seguen. Sen pretender sermos groseiros, xa saben o do sábado sabadete, que rima, que curioso, con foguete, canivete... Aquilo era coma un rito. Pola semana non, que el chegaba rebentado de traballar. Pero era chegar ao sábado e veña, chúzalle. Non perdoaba.
Ás veces viaxaba fóra. Marchaba por varios días e non pasaba un só sen chamar a preguntar polos pequenos. Se algún estaba malo, inda chamaba a cada parada (isto foi no século pasado xa e os móbiles nin se ventaban). Logo se puñan malos os tres, iso ben seguro. Conto isto das viaxes, porque para min, que todo veu dependido daquilo. E é que, por moito que digan, os homes casados non deben andar sós polo mundo, que logo pasa o que pasa. Pero non quero falar adiantado.
En fin, que un día ela quedou preñada. Normal. Supoño que tomaría a píldora, pero ás veces falla. Todo o mundo o sabe, el non haberá fechacancelas que o avalen. Un máis na familia. A ela que lle gustaban tanto as criaturas aquilo non lle pareceu unha carga, senón unha beizón. Os cativos estaban entusiasmados. O home polo visto tamén. Así entre nós, andaba finchado que non lle collía unha palla no cu, machote el, peito de lata.
Todo correcto. A barriga medraba, a vida continuaba. E pasaron os nove meses de rigor. Emoción, nervios, dor, contraccións, ambulancia, ninoninoninó. Todos a correr. E el, que non fumaba, daba voltas polo corredor do hospital, dun lado para o outro, como se fose a primeira vez. E sentiuse un berro: o cuarto fillo acababa de nacer. De alí a pouco saíu o médico, o gorro verde, a máscara no queixo e cara de circunstancias. O home asustouse ao velo e pensou no peor. No peor que podía imaxinar, isto é, que o outro nin pola cabeza lle pasara. Angustiado preguntou pola muller, se estaba ben. E o médico respondeu que si, que tranquilo. Logo preguntou que se a criatura tiña algún problema. E o médico respondeu que problema, problema non, que tranquilo, que estaba coma un buxo. E que podía pasar a velos, á nai e ao fillo. E o que viu foi a súa muller loura e branca, pálida, máis pálida ca nunca. E ao carón dela, nun berce de metacrilato, diminuto, un bebé de pelo rizo e negro, de pel negra, cos olliños pechados, seguramente tamén negros. Candonga! Lurpia! Que me enganaches! Que vergoña! Eu que tanto che quería! Tivérono que reducir á forza, que pouco faltou para que correse o sangue. Ela choraba e choraba sen comprender. Coitada. Con toda a razón do mundo e sen ninguén que lla dese, no bordo da loucura mesmo. Sorte dos adiantos, que xa daquela os había, o CSI non naceu onte. Porque ela porfiou que lle fora fiel por mariasantísima ou o que aló se estile. E ao final descubriuse o pastel. Fora el, que un venres á noite de volta co camión fixera o amor nun destes das luces violentas que hai ás beiras das estradas cunha señorita máis ben tirando a morena, tampouco se fixou moito, que no reservado había pouca luz. E non se lavara. Ao chegar á casa xa no sábado de madrugada deitouse coa muller e pegoulle os xermes da outra.

Epílogo: Inda houbo logo muller casada e con fillos que sen pudor e cos ollos arregalados preguntou ao ouvir o conto de segunda man: “Pero iso non pode ser, ou?" Se cadra, ela que era tan branca tamén e tiña os fillos louros, temía que o home lla xogase.

quinta-feira, 11 de outubro de 2007

Neutrite

En tempos de tanto conflito de xénero reclamo para o neutro un lugar de maior relevancia na sociedade. Neutros, neutróns ou neutrinos unímonos para facer valer o noso dereito á indefinición, á imprecisión e á máis absoluta indecisión. Sabemos que a nosa postura neutral ante os temas que afectan o xénero humano e a todo xénero de especies é vista a miúdo con desprezo por quen desde a definición e a precisión se adscribe a unha categoría determinada. Nós, xunto cos determinantes indeterminados e os infinitos infinitivos verbais, avogamos por unha conxugación en presente indefinido e futuro imperfecto sen condicionais nin pretéritos.

Nota: Caso de as nosas peticións non seren atendidas, non digo eu que si nin que non, pero todo pode ser que se forme unha bomba de neutróns de consecuencias prácticas tales como pouca destrución de estruturas e moita mortaldade de seres mortais. Agora que xa digo, iso depende.

quarta-feira, 10 de outubro de 2007

Canibalismo

A cada paso, con cada xesto, imos cavando a nosa tumba cada día. Non é un día máis o que vivimos, senón un día menos, e furamos na terra temerarios e inconscientes, abrindo a foxa coas uñas sen cortar. Haberá que procurar, logo, para non esquecer cal é o destino de cada acto, ir adornando as paredes xa esculpidas de trofeos: as cabezas cortadas dos amigos que devoramos.

segunda-feira, 8 de outubro de 2007

Leer Raum

Vielleicht jemand hat angemerkt daß in diesen Logbuch war ein Blatt ausgerrißen. Da erzählte ich einem Metapher über Freundshaft und Liebe. Zu gelegener Zeit wird es hier wieder blühen, weil tief in Erden sind feste Hyphen gebieldet. Unterdessen wird eine Wunde in meinem Heft und in meinem Hertz offen bleiben.

domingo, 7 de outubro de 2007

sexta-feira, 5 de outubro de 2007

Revelación

Recompuxen circuítos, desembarullei cables cruzados, enchufei o enchufe no enchufe, curei os dedos queimados… e desatei a mercar calcetíns coma se o inverno fose a ser duro ou longo —con permiso de don Jaime Gil de Biedma e sen menoscabo ningún dos tres versos que sempre por estas datas me acosan incensantes— na esperanza de que non se confirmase definitivamente. A modulación da voz feminina que se ouvía de fondo a pronunciar o sintagma "moda de inverno" levoume a reparar en que non era gravada, non anunciaba grandes ofertas na planta terceira, nin un pague en tres meses sen intereses. Agucei ou ouvido, levantei a vista e contemplei o espectáculo. Talvez naquela noite triste de outubro subsistise aínda a posibilidade da alba. Alí revelóuseme que o inverno ía ser punk. Estarrecida, naquel momento só pensei en eue. El terás que reconverter a carreira e pasar ao pop, meu?

quinta-feira, 4 de outubro de 2007

Pousa

Vou facer un alto en canto soluciono unha avaría técnica no hipotálamo que me ten en servizos mínimos ou queimo os fusibles de vez e para sempre. Pásame por meter os dedos nun enchufe.

segunda-feira, 1 de outubro de 2007

Amanita caesarea

Era outono.

Un verteu as bágoas na pel de Outro,
Outro queceulle a Un a pena co alento.

E ao cabo,
enlazados na suavidade dunha aperta,
o mar e o ceo fundidos contra o horizonte imposible
crearon o prodixio:

un cogomelo digno dun príncipe.