Antes de entrar a ler isto, recoméndase que pasen por aquí.
Non me gusta traballar aos luns de noite porque non se quita un pataco. Polo día, aínda aínda, que a xente érguese tarde e logo veñen as présas por chegar ao choio, e outra cousa non, pero se hai que correr córrese e se non —para que nos imos enganar?— tamén. A min é iso o que me gusta no fondo: o barullo do tránsito, as bucinadas nos embotellamentos, insultar veña ou non veña a conto (sen ánimo de ofender, conste, só pola festa, que a min, ao cabo, se un se me pon no medio, a carreira sobe e saio gañando, pero algo haberá que lle dicir a esa manda de inútiles que circula por aí para que esperten e aparten do medio, deus que os deu!). Logo ademais hai cada cata raro, que mete medo, como me aconteceu o outro día, por estas horas, que xa só de pensalo esfurrico e non é que sexa covarde, pero ó caralliño, o que ten cu ten medo, con perdón. E se non cóntolles, a ver que facían —que hai moito afouto de barra de bar, ai non!— no meu pelello.
Pois foi como digo hai hoxe oito días, destas mesmísimas horas, as tantas, estaba eu na praza Camões á espera de clientes. Pola rúa non se vía unha alma, fóra un individuo pequenote que había sentado nun banco a mirar para as estrelas (como se se visen, con tanto farol!): unha calma de arrepiar. Sorte a miña que levo sempre na guanteira unha petaca de augardente para levantar o ánimo, se non, non hai que ature esas horas mortas, tanto silencio que marea. E de temperatura nin se fale, un bafo condenado, e aquí un servidor sen se poder deixar estar en camiseta de asas, que hai que amolarse, tanta etiqueta. Será máis bonito suar coma un pito, pero engravatado, iso si. Home home... En fin, que me estaba a entrar un can, que non me tiña (pásame cando ceo forte e atacárame cun arroz de zarrabullo que me fai a calloa que é de lamber os dedos) e deixeime ir topeneando... Mi ma, o susto que levei cando petaron no vidro! Nin sabía onde estaba de primeiras. El non era o fulano que vira sentado no banco? Tamén lle puido acordar antes ao pasmón! Se se descoida fáiselle día. Pero claro, era brasileiro, que logo se delatou no acento, e esta xente anda a outro ritmo. Total que montou e pediume que o levase para a parte do Benfica: se fose a unha hora decente, nin lle pagaba a pena ir en coche, que chegaba antes a pé! Xa dixen que as noites dos luns non renden. Cando me mandou parar, estabamos ante unha mansión de tres pares, que non gaño eu para comprar aquilo, vamos, nin en sete vidas a pencar noite e día, e veñen estes e móntanse no dólar en hora e cuarto. Entón pregunteille, por curiosidade, non que me importase:
—E logo como vive nunha casa destas sendo que isto aquí é caro, carísimo?
—Traballando, meu! —contestoume todo farruco.
Aí xa me tocou os bemoles!
—Mire, machiño, eu son da terra, vivo aquí e traballo aquí hai case vinte anos e aínda non gañei nin para mercar un chabolo e vostedes os brasileiros chegan e dun día para o outro xa son os donos do mundo?!
En mala hora dixen tal! Pois non vai o outro e me espeta...
—Sabe o que? Eu ando nunha rede de traficantes e asalto un banco ao día.
Arrenégote pecado! Nin lle cobrei. Deixei o guicho cos cartos na man e saín queimando roda para a comisaría, cunha humidade quente na entreperna. Así e todo, xa me estaba vendo nos papeis, a miña fotografía a toda cor e os titulares:
UN TAXISTA, HEROE DO DÍA!
A policía metropolitana descobre
unha rede brasileira de ladróns de bancos
grazas á colaboración desinteresada dun cidadán exemplar
A policía metropolitana descobre
unha rede brasileira de ladróns de bancos
grazas á colaboración desinteresada dun cidadán exemplar
Ao final para nada. Porque polo visto o cata tiña tanto de bandido coma eu de heroe. Ou quen sabe, que igual subornou os axentes... Bos son uns e outros! O asunto é que eu quedei sen cobrar a carreira e sen os meus quince minutos de fama. E aínda ben, que a muller estaba a durmir cando entrei pola porta e puiden botar o pantalón ao lixo sen dar explicacións…