domingo, 15 de novembro de 2009

A vocación de ser triste

Non é estraño que ás veces
non soe ledo o meu verso rebelde,
pois eu son triste. Xa cruzaron o [Flexetón
tres cuartos dos meus lectores.

E vós, amigos! Quedades ben poucos,
e quérovos cada vez máis por iso...
Que curto se fixo o camiño
que semellaba ser o máis longo.

Só o silencio me responde. Anna Akhmátova (Tradución de Ekaterina Guerbek e Penélope Pedreira)


Mándame o Mourave un documental sobre Emil Cioran, que devoro, os ollos e os ouvidos presos ás imaxes e os sons, procurando absorbelo alén dos escasos fragmentos traducidos e o meu descoñecemento do romanés (da lingua, do filósofo). Velaquí o mellor convidado ao té das cinco para esta fin de semana que se finxe apocalíptica. É domingo, pleno outono, e fóra venta e chove como se nunca mais fose estiñar a ferida das nubes. Fóra, tamén, impera o silencio dos paxaros: de sempre me inquietou a sorte das aves durante as zarracinas.

Na illa en que hoxe habito resóame o troupeleo da caveira con que o neno Cioran xoga en solitario ao fútbol, bailando no límite da inocencia co remorso, a adolescencia que o expulsa do paraíso montañés, a iniciación na filosofía, a fascinación xuvenil pola parafernalia do nazismo, o distanciamento con que observa o ambiente intelectual francés. Fascíname o seu rostro de louco e a evidencia lúcida do seu discurso, sacódeme o razoamento con que xustifica a decisión de renunciar á escrita. Agora xa o sei: talvez eu non teña tempo de escribir moito, pero sempre vai ser de mais, porque é privilexio só dalgúns saber cando se debe parar... (ou mesmo, se se debe escribir nada?)

6 comentários:

Anónimo disse...

Xa sabe: aos que blogueamos para unha inmensa minoría cómprenos collerlle o gusto, máis ben por aquilo que non nos sentirmos tristes de máis.

Sun Iou Miou disse...

Produce vertixe, Kaplan, a consciencia da inmensidade de palabras que se escriben cada día.

Kapikua disse...

Son Iou:

o Xónas abriu a tasca (pelo menos hoje estava aberta)

Beijo

Sun Iou Miou disse...

Eu sei, Kapikua. E é bom lê-lo de novo.

Eni.g.ma disse...

platon non escribiu nada e mira ti...

Sun Iou Miou disse...

Ui, Eni.g.ma, quen e onde me largou a min esa frase e non hai moito?

En canto á resposta... non todo o mundo é Platón e algúns teñen quen escriba por eles. `_^