terça-feira, 23 de outubro de 2007

Gelo

Levo días a darlle voltas para mirar de lle facer aquí un oco, tantos días como hai des que souben que morrera. Sequera que sexa para que quede constancia de que existiu como parte do decorado do meu mundo. Acotío achegábase á tenda no 600 para mercar o xornal, contra o mediodía, e entraba na Pepa a tomar un café mentres o lía. Non é toda a xente a andar en 600, por iso chamaba a atención. Nas poucas ocasións en que me permito o luxo de facer unha escapada á Pepa ao mediodía —case sempre porque me chaman da Caixa apurados, que necesitan conqué para facer efectivas as pensións dos vellos e eu rapizo o que teña para aí solto e fágolles ese favor...—, víao sentado na primeira mesa á esquerda, segundo se entra, invariablemente. Ao entrar eu e saudar, levantaba a cabeza, respondía a sorrir e seguía ao seu. Poucas veces falaba, nin que oíse as barbaridades máis gordas que se soltan por alí en plena euforia do café co chupito dos que xa veñen comidos. En silencio, sempre no seu recuncho, case nin dei pola súa ausencia cando subín haberá dez días e non o vin. Pero non estaba, nin vai estar máis, nin el na primeira mesa da esquerda segundo se entra, nin o 600 branco á porta, careca cos faros redondos coma ollos abertos. Pensándoo agora, ambos tiñan un parecido. Sorrintes e pequerrechos, ocupando apenas espazo. Vai este para os dous.

5 comentários:

Teté disse...

Epá, isto hoje é só desgraças, de mortes de pessoas e cães...

Sun Iou Miou disse...

Atão, qual foi o cão que morreu? Está o mundo a abalar e eu não dei por isso? Tanto trabalhar não pode ser bom.

Sun Iou Miou disse...

Pronto, Teté, já vi n'ófaxafavor. Sem comentários.

eue disse...

Emocioneime

Sun Iou Miou disse...

Andamos asolagados ultimamente e hoxe, por fin, son as nubes de fóra as que rebentaron. Podemos chorar á vontade, eue, que non se nos vai notar (e menos aí, onde a chuvia que esvara polo rostro tamén sabe ao sal).