sábado, 26 de janeiro de 2008

O peso dos silencios

Tiña a equipaxe preparada. Repasou a lista dos imprescindibles que fora escribindo nos días anteriores. Pastillas, móbil, cargador… O paquete cos silencios colocárao ben centrado na mochila polo aquel do peso. Para viaxar sempre os comprimía porque así apenas avultaban. Dese xeito, cando conviñese, era só descomprimilos en función do oco que tivesen que ocupar. Antes de saír lubricou a cadea á conciencia, limpou a viseira do casco e equilibrou a carga, non fose escorar nunha curva por causa dos silencios. Cheiraba á herba acabada de cortar e aos plásticos queimados. Puxo o motor en marcha e o son rouco e fondo púxolle o corazón a cen. Na gasolineira parou a encher e de paso verificou a presión dos pneumáticos: deulle ao máximo, non se lle fose ir a moto por culpa do peso dos silencios. Axustou o contaquilómetros a cero, meteu a primeira e acelerou... pouco. Foi aumentando a velocidade paseniño e cando superou o sinal de fin de limitación de cincuenta, mandoulle un xiro de pulso e dobrou instintivamente o corpo cara adiante. Polo espello retrovisor comprobou que non viña ninguén, deixouse ir cinguíndose ás curvas con suavidade, esvarando case polo asfalto.
De alí a quince días regresou. A herba do veciño seguía como acabada de cortar e había, claro está, un certo cheiro aos plásticos queimados preso no ambiente. Ao descargar a equipaxe decatouse da liviandade
da mochila e chocoulle. Algo lle quedaría atrás, pensou, e sentiu un nó na gorxa que lle premía contra o esófago. Nada máis entrar na casa abriu a mochila e faltoulle tempo para baleirar o contido, entre a urxencia e a inquietude. Sobre a mesa foi depositando o cargador, o móbil, unhas poucas pastillas... Remexeu coa man no fondo, virouna, sacudiuna. Nada. Notou unha gana irrefreable de falar e correu ao piso de arriba a conectar o ordenador. Vamos, vamos, díxolle polo baixo, que é para hoxe, cada día estás máis lento, voume ter que parar algún día a eliminar programas inútiles. Abriu o blog e deu en escribir, en escribir, en escribir con tal lixeireza nos dedos que non lle quedou un só oco sen ateigar.

5 comentários:

kanjas disse...

Que mota é? :P

Sun Iou Miou disse...

Vejo que alguma coisa si percebeste, 福斯托, curioso. Poderia ser uma BMW F650GS, mas só porque não tenho altura (física) para uma 1200GS. (^_^)

Teté disse...

Ui, de motas não percebo nada!

Mas há dias assim, em que os dedos são ligeiros na transmissão do que vai pela mente, e outros em que são perros e a cabeça não ajuda...

Quanto a partir de mochila às costas para a aventura, voltando com a vontade de sentir os cheiros e de entrar nas rotinas habituais, é tão humano!!! Às vezes, somos tão iguais... (^_^)

Raposo disse...

Gustoume o do paquete de silencios. Si, imprescindibles en calquera viaxe.

Sun Iou Miou disse...

Só quen gosta de motas percebe, Teté, o que é sentir o motor dela vibrar.
Ás veces, Raposo, é bo andar sen ir a ningures, só por sacudir algún peso que outro. Por certo, que cada vez que entro no teu blog e vexo a túa foto recordo unha historia que calquera día destes contarei, a ver se así escorrento a pena.