quinta-feira, 3 de janeiro de 2008

Tamén a noite é día

Antes de que empecen a soar as alarmas, isto é apenas un exercicio de memoria. Non é presente: é só gratitude de quen non quere esquecer un tal día coma hoxe hai catro anos na planta terceira.


Ollos abertos e silencio.
Vaise achegando o carro e en silencio
ábrese a porta e dous dedos suavísimos
levántanche lixeiramente o brazo,
colócanche o termómetro,
tómanche o pulso.
Bos días, din, e sorrín case en silencio,
que por esta noite rematou a quenda.
Logo nada.
Polas físgoas da persiana vai penetrando a luz.
É día.
O carro das pastillas detense na porta
e entra un barullo de aluminio
e vasiño sobre a mesa,
un bos días alto e forte,
e un barullo de fregonas,
de camas levantadas
—ollo que hai corrente—,
de auga que flúe,
das pisadas do familiar
que sobe sen folgos polas escaleiras
—hora punta nos ascensores—,
e suspiros… antes de abrir a porta.
Cheira ao café e séntese o barullo das culleriñas
a remexer, a remexer, a remexer,
e renxer o celofán que envurulla o pan
e bater o coitelo contra o prato, clanc,
despois de untar a
manteiga, clanc,
despois de untar a
marmelada, clanc.
Bata branca e fonendo ao pescozo
—por favor, saian un momento—
e as palabras tan precisas, tan necesarias.
Avanzando co goteiro polos corredores,
unha volta, dúas voltas, tres voltas,
espréitase un certo barullo na sala
de voces altas, de voces baixas,
de consellos, de receitas, de remedios,
de mans que rozan cabezas peladas,
de brazos que suxeitan, que amparan,
de toses do enfermo que regresa
de fumar un cigarro furtivo na terraza,
de panos de papel apertados contra o nariz
para disimular o pranto.
E un silencio espeso,
roto polos carros da comida
que nos devolven aos cuartos,
á sopa, ao puré, ao iogur e a compota,
á determinación con que se come
malia ás náuseas.
De unha a tres e media
detense o mundo
e pesan os minutos
coma as pálpebras nos ollos.
Vaise achegando o son dos termómetros
que tintinan até que se abre a porta
e dous dedos suavísimos
levántanche lixeiramente o brazo,
para controlar a temperatura,
para tomar o pulso e a tensión.
Boas tardes, din, e sorrín abertamente,
que é bo para espertar ver un sorriso.
E de súpeto é un balbordo de teléfonos que soan,
de nocas a petar nas portas, de saúdos, de apertas,
de pétalos que rompen
contra as paredes de azul ténue,
da brisa que desprenden as páxinas
do libro que nos pousa nas mans
coma unha pomba mensaxeira.
E volve de novo o cheiro ao café
e séntese o barullo das culleriñas
a remexer, a remexer, a remexer,
e renxer o celofán que envurulla as galletas
e bater o coitelo contra o prato, clanc,
despois de untar a marmelada, clanc.
Que hai que comer, hai que comer,
—si, hai que comer, hai que comer—.
Vaise indo, vaise andando a tarde,
tan fugaz que xa logo está aí a cea
—que pronto se cea nos hospitais,
tamén che digo,
até as nove e media que non traen o almorzo—,
e o silencio cóase silandeiro
por todos os recantos,
engólese coma o amargor das pastillas.
É medianoite, a hora da camomila,
do descafeinado, do iogur,
do cacao, ou da tila,
e máis unha xerra de auga, por favor, grazas.
Ollos abertos e silencio,
e por fin nada.
Esperta outra vez a suor que enchoupa
o peito, as sabas, o cabezal…
Haberá que chamar outra vez
e chegan outra vez os anxos brancos
co sorriso aínda pintado na noite
e todo é calma outra vez.
Ollos abertos e silencio.

2 comentários:

Teté disse...

Xi, Sun ainda bem que é passado... espero que distante!!!

Sun Iou Miou disse...

E se for futuro, que seja também distante, muito distante!!! (`_^)