quinta-feira, 22 de maio de 2008

Derradeira vontade















Imaxino quen lle pon cancelas á mente? que un moribundo me saúda na rúa, xa vestido co traxe pasado de moda que lle vai servir de mortalla, e cunha leve inclinación de cabeza, sen máis preámbulos, me explica que antes de morrer lle gustaría que lle lesen o mellor escrito da literatura galega. Eu sorrío, porque non necesito escarvar para escoller o nome do autor, e para non estragar os minutos preciosos que lle quedan na complicada elección dun texto concreto entre tantos prodixiosos, tomo o primeiro que me pasa polo maxín, collo o home pola man xa case fría, séntoo ao meu carón á sombra dun tulipeiro de Virxinia, e como se abrise o libro, aclaro a voz, e digo:

Vai: O galo de Portugal.

Fago unha pausa, levanto a vista e miro para o moribundo, que cun sorriso me anima a empezar. E empezo, con licenza de don Álvaro Cunqueiro.

Pois: "Sempre lle ouvín falar a meu señor amo Merlín con moito respecto da antiga cidade de Braga, de onde era nativo, e nela tiña rico aposento nun pazo da rúa dos Confidentes un xentil cabaleiro portugués, de fina nobreza e moitos posibles, don Esmeraldino da Câmara Mello de Lima, visconde de Ribeirinha. Foi iste don Esmeraldino visconde, polo que dil teño escoitado a un seu criado de librea i escopeteiro, o home máis fermoso de Portugal no seu tempo, mui lucido de luares, e cunha mirada tan triste nos grandes mouros ollos, que parecía, dicen, que cando demoradamente vos miraban, que era como si unha brétema de escuros aloumiños saíse, pra envolvervos, por entre a azadeante seda das longas perfebas..."

E cando remato o conto, o meu moribundo fecha os ollos, que eran mouros tamén, e vaise sen se ir e eu penso, mentres o contemplo sereno nesa tarde que pode ser de outono ou primavera cálidos, que se se puidese elixir a forma de morrer de morte morrida, esta non era mala.

20 comentários:

condado disse...

Eu sempre que estou a pasmar ante unha paisaxe que teña son de auga penso que non oporía resistencia, pero si a máis contanme un conto: ficho!
E... mire... Podería elexir o día se non é moito molestar?

Sun Iou Miou disse...

Ah, si, Condado, o da auga é un atractivo fatal. Talvez o escenario, para redondealo, o habería que situar á beira dun río, nin moi grande nin moi pequeno, feito á medida dos soños. Que triste debe de ser morrer na cama dun puto hospital... (alguén me escoita?)

R.R. disse...

¡Claro que alguén escoita! Aquí sempre hai alguén que escoita. Pero ó caso. Ía falar de que dan ganas de coller o libro e poñerse a ler e non parar, qué jicho o Cunqueiro.

E o día e a escenografía do acto sempre se poden escoller, pero quítaselle á morte o máis gracioso que ten, que é a sorpresa. A cama de hospital é triste, si, pero tamén dependerá da compañía e das sensacións da viaxe en si. Hai quen di que é un chute de endorfinas e pracer, pero non me fío eu da opinión dos que volveron, a ver se vai ser que o que contan é a viaxe de volta. En todo caso, estando nunha cama de hospital ha de ser xusto cando acaba a dor, así que triste de todo de todo non é...

Muaks.

Sun Iou Miou disse...

Oi, R.R., estás incontinente! Sigo pensando, e non me falta experiencia, para ben ou mal, que por moi grata que sexa a compaña, non quero morrer nunha cama de hospital. De feito, se non morrín, foi precisamente porque me neguei a morrer nunha cama de hospital. (E as vistas eran horrorosas...)(`_^)

R.R. disse...

¿Incontinente? Si, eu sempre.

E ademáis teño que ir ó baño :-S

Sun Iou Miou disse...

Non te me ofendas, R.R., é que tiven que coller folgos para acabar de ler, e quedei cunha sensación como de que tiveches que coller folgos para acabares de escribir, claro que son sensacións miñas... E vai ao baño, vai, que bañarse é bo.

Anónimo disse...

Pois eu sempre pensei en morrer camiñando. Como que se ten que ser, que sexa, pero que por min non quede o intento de seguir.
O do cunqueiro, non mola, porque despois dun conto sempre vai o seguinte, e non quero ter que renuncial a leelos e reelos máis veces. É dos dous únicos autores ós que teño releído na miña vida.

Sun Iou Miou disse...

Morrer a camiñar, Couselo, como os elefantes solitarios, ata que o cansazo esgote e non se sinta máis nada.
Creo que se non existise Cunqueiro, non estaría eu aquí a estas horas a escribir nunha lingua que non era miña, por iso, de cando en cando, téñoo que ler de novo (a novo), que non é o mesmo que reler.

Jonas disse...

Lima, sou eu.
De ascendência judia, também.
Galo português da zona de Braga e da Ribeirinha, idem.
Será que Don Esmeraldino era meu parente?

Sun Iou Miou disse...

Talvez o don Esmeraldino fosse teu avó, ti Jonas. Algum dia deverias ler esse conto e o Álvaro Cunqueiro todo. Aposto que gostavas. (`_^)

Teté disse...

Nunca li, nem conhecia o autor, Sun!

O último livro que li de um autor espanhol e que adorei foi "La Sombra del Viento" de Carlos Ruiz Záfon. Parece que agora saíu outro do mesmo autor...

Adorava morrer assim, com alguém a contar-me uma história... (`_^)

Sun Iou Miou disse...

Acho que te resultaria um bocado difícil de entender, Teté, é pena.
Do Ruiz Zafón saiu agora um outro, sim, com grande aparato mediático, mas eu não li, aliás, não posso dizer que gostasse tanto assim de La sombra del viento como para comprar a cegas este segundo. (Mas numa loja ao lado do trabalho duns amigos oferecem o livro pela compra dum pernil de presunto ibérico, estou a pensar, `_^)

Sun Iou Miou disse...

Esqueci dizer, Teté, a minha opinião não conta: sou um muito esquisita em questões de literatura.

condado disse...

O r.r. parece que non entendeu que andamos a falar de morte placentera e polo tanto desexada. Iso da morte por sorpresa é unha carallada, non estás atento e podes morrer mesmo sen enterarte de que vai a cousa. Claro, como deixa de escreber cando lle peta e despois volve sen avisar...

R.R. disse...

¡Mondié, qué mal me explico! Nunca debín deixar As Figueiras.

Sun Iou Miou disse...

A ver, Condado e R.R., aclárense entre vostedes. Aquí unha, posto que a morte parece que é inevitable, preferiría escoller a forma e o lugar, polo tanto, repito, se puidese elixir, non sería por sorpresa nin sería sen sentir (que a min iso de "morrer no acto", por ambiguo, só me vale nun dos posibles sentidos).

condado disse...

Marcho, teño que supervisar o barco que me están a contruir nos asteleiros de Camposancos e se non se aproveita a maré non damos feito. Aínda me quedan illas por descubrir antes de pensar en mortes...

Sun Iou Miou disse...

Pois nada, Condado, que che sexan favorables os aires e as augas, que a min tócame seguir choiando contra vento e maré.

condado disse...

Tamén estou de garda na capitaldelreino, espero, pero trouxen a Cunqueiro, a ver se pola tarde non hai máis accidentes

Sun Iou Miou disse...

Pois, iso, Condado, que estean tranquilos, que non amarguen a fin de semana. E boas lecturas.