quarta-feira, 21 de maio de 2008

Perversión

Esa é a pata da que coxeo: son perversa, só de pensamento, certo, pero ao final, desde o acoso sinistro do catolicismo conta o mesmo o pecado mental ca o de obra, así que a satisfacción é equivalente. E confeso isto porque onte fun patinar a unha pista que está da marxe de lá, como adoito facer des que logrei percorrer máis de cen metros sen espatifarme. Cando cheguei, decateime de que esquecera os protectores dos pulsos e estiven nun que si que non, ata que decidín calzar os patíns, porque a tentación era máis forte ca o respecto pola miña integridade. Ao primeiro estaba algo insegura, o cal é malo, pero logo funme confiando, que aínda é peor.
A pista do Castelinho é un percorrido cheo de curvas polo que pasea xente en bici, diabéticos e colesterólicos que camiñan por prescrición facultativa, corentóns que corren para non perder o tren, parellas con moito ou pouco que falar... Todos teñen en algo en común: cando me ven vir, apartan, polo que poida ser, con moi bo criterio. Onte non, onte había dúas señoras de clase e idade media tirando a alta, roupa de marca, lentes de deseño, grandes bolsos de coiro lustroso a xogo coa cor dos zapatos, desas que están afeitas a que o mundo se retire cando elas pasan. Así que cada vez que as vía de fronte, absolutamente inconscientes do perigo que eu representaba, un interruptor accionaba no meu maxín perverso unha visión maligna, da que eu saía ben parada, parada mesmo, e elas polo aire, arrastradas pola forza centrífuga dos bolsos. Pero xa dixen que a miña maldade é só mental. Tamén dixen que a efectos de pecado, conta o mesmo. Agora engado: sen arrepentimento non hai absolución e no marcador súmase un punto negativo.
Esquecida eu xa das señoronas, andaba a mellorar a técnica da pata coxa, cando perdín o equilibrio -físico, digo. E non levaba protectores dos pulsos. Desde o centro de decisións e dado que as mans son o meu instrumento de traballo, algo me mandou deixarme caer para atrás amparando os brazos do impacto, e mentres batía coa alcatra no chan, ai!, e a perna dereita saía disparada para diante en liña recta, as articulacións da esquerda contorsionáronseme de tal maneira que parecían de goma sen ser: ai!, ai!, ai! E acordoume outra sentenza da sabedoría popular de tradición católica: deus castiga sen pau e sen pedra.
En fin, que xa sabedes de que pata coxeo agora: da esquerda.

4 comentários:

eue disse...

Moi gráfica a imaxe da perna para diante. Un día boteille a miña irmá unha carreira en patíns e como a ningún dos dous nos gusta perder desde que mirabamos a ver quen remataba antes o colacao, souben que gañara cando mirei dous patíns con pernas (dúas) á altura do meu ombreiro esquerdo. Para diante.

Apertas

Sun Iou Miou disse...

Grazas, Eue, pero non me apertes de mais, que doe. (*_*)

Anónimo disse...

Non morres coas ganas de atropelar ás tipas aquelas coa cadeira de rodas a todo meter?
Por que terás que aproveitar a coxuntura....

Sun Iou Miou disse...

Couselo!!! Eu pensando que rematara aquí a miña carreira deportiva e acábasme de abrir os ollos! Quero unha cadeira de rodas! Quero unha cadeira de rodas! (Esta inactividade mátame: vou ter mesmo que aproveitar a des-conxuntura.)