segunda-feira, 12 de maio de 2008

Pés sobre pedras















Cando sábado Condado me propuxo acompañalo a gravar non sei o que en Castro Laboreiro, aceptei sen pedir explicacións. Será porque son baixiña e os sitios altos son a única oportunidade que teño de ver o mundo desde outra perspectiva. Chegamos ao mediodía, así que non quedou outra que parar a comer (e beber) coma señoritos nada máis chegarmos á vila. Había algunha foto disto, pero non vos quero facer auga na boca, non paga a pena.
Coa dixestión a rillar no estómago saímos á procura dun lago, do que necesitaba unhas imaxes para unha curta que ten media argallada. Como non convén que nunca nada sexa fácil, que a vida é moi dura, non fomos polo sendeiro que el coñecía, ca!, senón por outro polo que intuía que se tiña que chegar. Paramos á beira da estrada e puxémonos a subir por un camiño empedrado no que un indicador dicía Meadinha. E subindo, fomos seguindo as torres de croios que marcaban o itinerario. Un monte e mais outro e etcétera, o raio do lago que non aparecía. Entón tocou abandonar a senda e gabear entre carqueixas, uces, carrascos, ata que confesei de alto a miña angustia:
-Ouviste, e se parto unha perna, que fas comigo?
-Bótote a rebolos -contestoume.
E eu quedei moito máis tranquila, porque morrer alí de fome e sede non me apetecía nada, pero esfragada ten o seu aquel mítico.
Por fin, e porque non podía ser doutra maneira, que o país non é tan grande, vimos o lago ao lonxe e un camiño algo máis abaixo que conducía a el. Antes de eu abrir a boca, o Condado matizou:
-Desde aquí parece unha poza, pero é grande.
Non é que me convencese moito, pero foramos a iso. Por certo, que aí foi cando me confiei, e levei unha escorregada, que se non me agarro nun toxo coa man esquerda, a estas horas non volo conto. Pero non morreu ninguén.
-A cámara? -preguntou el- Pasoulle algo?
-Ilesa, na mochila, por favor -contestei.
-Pois veña.
Total que tocou baixar, baixar, baixar. E parar de cando en vez a sentir o silencio que non é tal. Ata que chegamos e era tanta paz e tanta beleza, que non collía nas mans nin na mirada. Calcúlolle que unhas dúas horas e media ou tres nos levou a ida. Entre a camiñada e aquel barulliño da auga a correr, a sede era negra, pero as cagadas de bosta que non deixamos de pisar en todo momento, aconsellaban a abstención total. Eu tirei fotos, o outro andou para aquí e acolá coa cámara e fómola virando.
Á volta fomos un anaco por onde viñemos, pero logo xa collemos por outro diferente, que era o seu, e cando nos quixemos dar de conta (probablemente non nos levase nin unha hora), cos xeonllos meus a sufrir polo esforzo continuo da pendente, estabamos na civilización, ao pé dun regato, mudando de golpe dos grises aos verdes.
Naturalmente unha vez no coche, ninguén mudou o sentido da marcha. Tiramos para diante, por unha estrada, como todas, magnífica, estreita, chea de vacas a pastar, de xigantes de tres brazos na néboa, de curvas, de solpor, de verdes que se tinguían de negro...
___________
As fotos prométoas, cando saiba por qué non me saen as que eu quero!

12 comentários:

Anónimo disse...

Como se nota que mantiveches os pes na terra durante varias horas seguidas, que se te entende perfectamente todo o que queres dicir...

Sun Iou Miou disse...

Cando aparece por aquí alguén a dicir que se entende todo, xa me dá medo, Couselo. Os pés estiveron sobre pedras e bosta, mais non había. Téñoo que reescribir, teño que explicitar que o pasei quinindiola?

Lúa Neghra disse...

Son preciosas, as imaxes... Hai uns anos pasamos a correr por Castro Laboreiro, cando saïamos desoutro paraíso que é Entrimo, pero non paramos a coñecelo con xeito.

O dos toxos está calculado: a natureza ponos onde sabe que as e os excursionistas miopes podemos esfuciñar, para que nos acollan nos seus espiñentos brazos e non nos pase nada. Eue sacoume unha vez dunha marea de toxos, no Pico Sacro, que conseguiron reterme para non caer ao abismo.

Sun Iou Miou disse...

A min o que me salvou non foi o toxo, Lúa, senón que o Condado fose só á caza de imaxes, porque se chega a levar a escopeta, fixo que me ferra un tiro para que non sufra antes que me desangre.

Raposo disse...

Que casualidade, eu estiven por Castro Laboreiro facendo unha ruta circular de sendeirismo de 19 km. Preciosa, por certo.

Sun Iou Miou disse...

Ah, Raposo, estiveste a facer a ruta que eu teño pendente desde hai tanto. É fermosa aquela desolación na que ata as flores mínimas se volven grandes.

Cristina disse...

Eu tomei unha cervexa alí nun barciño da zona, afectivamente a natureza entra polos pulmóns directamente ao corazón, desde o paseo que din en coche.

Sun Iou Miou disse...

Daquela podes pasar o control, Tutú, e benvida. Os bares sempre son boa alternativa se hai con quen compartir a cervexa. (`_^)

Rei da Lã disse...

Tanto pedregulho...
Era chegar-lhe lume!

Sun Iou Miou disse...

Então, Rei da Lã, lume na pedra dá pedra-de-fogo? Virávamos ricos a fazer isqueiros.

Anónimo disse...

Iso era precisamente o que entendera

Sun Iou Miou disse...

Uf, Couse, aínda ben, por un segundo crin que transmitira sufrimento. (`_^)