sexta-feira, 31 de julho de 2009

As cicatrices do itinerario (VII) O dilema mal resolto










Saín de mañá cedo de Vila Nova de Milfontes cara ao sur, sen saber moi ben para onde, pensando en Zambujeira de Mar como moito, pero á altura de Cabo Sardão decidín virar para Odemira e ir un pouco cara ao interior, subindo xa para Setúbal coa intención primeira de pasar alí unha noite e regresar á casa no día seguinte.

En Odemira dei unhas voltas sen parar, que parecía que nada me aquelaba, máis con vontade de seguir a serpear por aquelas estradiñas desertas até que me adiantaba algún bólido deixándome tesa do susto de tan relaxada que ía, a aspirar o recendo intenso dos sobrais, que até me deu para fotografar unha porquiña que andaba a fozar á beira da estrada e que nin me mirou mal nin nada.

Así, sen máis, encontreime nunha viliña de nome Santiago do Cacém, que nin de lonxe me soaba. Parei a botar unha ollada a un muíño que tiña un aspecto moi decente. Lá me saíu a recibir un muiñeiro posto pola Câmara, amabilísimo, que me cantou as marabillas todas do lugar, me ensinou como furrulaba o enxeño, que non se diferencia gran cousa dos de auga, salvando que a roda das velas vira segundo o vento. Logo falamos unha chea de tempo de motos, de viaxes e, o mellor, indicoume, cando llo pedín, un sitio caralludo para comer, que aínda me está sabendo a carne tan deliciosa que me serviron. Ao rematar achegueime a Miróbriga, que estaba fechada aínda, e regresei a dar un paseo pola vila, tirei fotos, subín ao castelo, tomei café, esas cousas que fai unha, sempre repetidas.

Outra vez en marcha, funme arrastrando tras os indicadores (que se Setúbal, que se Tróia) até que tiven que escoller. Sabía que en Tróia había transbordador, pero como non coñecía os horarios e non quería arriscar a ter que dar a volta toda e chegar cando xa estivesen as oficinas de Turismo fechadas (e aínda hoxe me pregunto por que raio non me pasou pola cabeza preguntar, eu que sempre ando a preguntar por todo) tirei sen dó até o que descubrín que era en realidade a Vila do Choco Frito. E aínda ben.

25 de xuño de 2009

Sem comentários: