sábado, 12 de junho de 2010

Avuvuzelada









Nunca resistín a colocarme, à mantenta, xustamente e sen rede, no cordel dos equilibrios agudos que a curiosidade me brinda sobre mares de tiburóns ou vénuses papamoscas: a vida é estes riscos que nin sempre respectan as distancias e os medos, xamais a miopía. Será mellor isto, dígome, que o sosego dos muros altos e as arameiras electrificadas que abrasan moscas e estorniños. Do que se fala hoxe e tanto se vai falar nin sei nin me interesa, fóra o seguinte. Recibo a dose matutina e flipo a cores sen bandeiras. O intrépido xornalista, desprazado miles de quilómetros, felicítase de non ter que pisar a rúa nin enfrontar os ollos delincuentes e viciosos dos desprotexidos, do hotel para o estadio, do estadio para o hotel, acomodos idénticos aos que podería ter no salón da casa en pantalla plana e conexión satélite, con muito, dito sexa de paso, menos gasto dos erarios públicos para alivio dos meus ouvidos cansos. O outro comenta con orgullo patrio, desde o reduto rúgbico e de aí branquísimo e coloradote, de fala enxertada que raña na gorxa, como até o céspede para o campo novísimo e adhoc dos adestramentos futboleiros dos vermellos se importou en prácticos tepes das españas nun avión cargado de despropósitos. E eu insístome, en fin, descansa, non te esixas comprensións que te fritan as conexións sinápticas, rapariga (hoxe falo galego e, con todo, podía non), que aínda tes que lidar coa serie dos réptiles invasores e malísimos.

Namentres, entre cantigas exultantes, zunidos plásticos en demostración de potencia viril e moito abanar de farrapos identitarios (só hoxe souben, con atraso relativísimamente breve, a través dunha fenda de conciencia nos noticiarios), vinte e seis anos despois!!!, dítase sentenza: uns nove mil euritos de multa e dous anos de cárcere zafados con fianzas liberadoras duns centos de patacóns por cabeza de delegado autóctono. Non é mal choio, non, o da neglixencia criminal sobre a miseria. Bhopal apenas é un punto redondo nos mapas de papel... sen vuvuzelas que o asistan. E eu ao meu, que é mudarlle as pilas ao teclado.

4 comentários:

ella disse...

Si, o de Bhopal e para rugir con vuvuzelas e con toda clase de instrumentos rugidores.

Cambiache o fondo de armario...gústame así e non sofre tanto a miña vista.

Nótoche peleadora hoxe, **

Sun Iou Miou disse...

Vaia, Ella, canto me alegro. Unha vez puxen un fondo gris como este porque me parecía que lle ía mellor ás imaxes, pero houbo quen me protestou porque non vía. Por iso aumentei o tamaño da letra... Parece que o meu público vai tendendo á presbicia. ;)

Non estou pelexadora: é só que me alteran as rutinas de almorzo con noticias e sulfúrome.

Chousa da Alcandra disse...

Pois para escribir sen pilas, tés un teclado moi ben configurado!. Xa dirás a marca e o modelo.
Igualiño que a cámara fotográfica, que tan ben captura plantacións coma sombras de fotógrafas empoleiradas en valos pétreos que impiden discernir se levan saia longa ou é que xuntan moito as pernas cando fan fotos. De ser este último caso, ten tino. Reducir a base de substentación chimpa fotógrafas coma quen esmaga herba carrexada en avións ateigados de despropósitos...
Ñó, cando me lanzo non teño freo. Xooo Chousa, xoooo.

Bicos

Sun Iou Miou disse...

Non, home, Chousa, está o pisca-pisca, que avisa de que as pilas se terminan. Non lle vou dicir a marca nin o modelo, pero vendéronmo por bo e por pouco gastador e non me enganaron. Estou contenta con el. E ademais escribe que dá gloria todo o que lle mando.

En canto ao da sombra faltou polo menos unha hipótese: a de que teña só unha perna e gorda. ;) Pero non estou subida nun valado: é a sombra das herbeiras da gabia.

E non se me corte, que aínda se fai mal. A contención só lles rende aos profesionais da (in)saúde mental.