Hai mestres que deixan pegada. Logo, pasados os anos un lembra con gratitude a quen lle ensinou a comprender a escrita, sensación de maxia que se redescobre ao aprender linguas con sistemas de representación diferentes ao da propia. Pero ocorre ás veces que disimulando a atención ante as conversas alleas óuvense de esguello relatos interesantes. Coma aquel de cando o T se encontrou nunha cafetería da Vila co taxista da Aldea das Carrouchas e este perguntoulle ao tempo que sinalaba para o vello que o acompañaba:
-Mira quen está aquí. Acordaraste del, ou?
O T fitou para o aludido e ignorando a man que a tremer lle tendía, espetoulle:
-Aínda non morriches, fillo da puta?
Pois é, polo visto hai mestres que deixan pegada: na palma das mans, nos cadrís, nas costas, no papo da perna, no crecemento desmesurado das orellas...
5 comentários:
Eh, eh, eh! A minha professora primária morreu logo no ano a seguir a eu ter saido da escola. Não sei se para evitar esse tipo de "recepção" uns anos depois, embora se bem que reguila, não tenha sido das mais castigadas com esses "mimos" que o taxista não esqueceu...
Por desgracia eu tiven dúas desas profesoras das que deixan esa pegada tan amarga, pero por sorte tiven moitos máis profesores fantásticos, que me inculcaron cousas marabillosas.
Mestres dos que baten tiven só un (quizá era a mentalidade da época: pau para os que non querían/podían/sabían? ir ao rego), mais non se asañou nunca comigo e eu adorábao: culpa del é a miña adicción ao café, pero iso, agora que o penso, dá para unha fermosa historia que haberá que contar algún día conxurando recordos.
vaia... sei que algúns dos meus alumnos gaban a miña esixencia e outros a padecen pero, dende logo, síntome moi contenta porque -polo de agora- ningún deles me saudou asi!
A esixencia non ten nada que ver coa mala baba e a incompetencia, torre, é máis, é imprescindible, creo. Os que padeceron mestres (era bo retirarlles ese título) desa caste recordan as aulas con amargura e iso é ben triste. Ben por ti se os fíos que teces son duradeiros.
Enviar um comentário