Pipipí, pipipí, pipipí, pipipí, pip... o espertador soou un bo anaco. Cando cos ollos fechados e apalpando sobre a mesa de noite o deu apagado -se non fose pola alarma, xamais se erguería á hora-, largou un salaio compracido. Gabábase de dormir dun tirón. El achacábao ás ceas frugais e á conciencia serena e impoluta. En canto ao primeiro, algo de verdade había: deitábase co estómago practicamente baleiro, coa dixestión xa feita, non por unha actitude espartana ante a existencia, como presumía rotundo, senón por roñicas, que era dos non comían por non cagar. O da conciencia, porén, era miraxe: non é que a tivese tranquila, nin limpa; simplemente carecía dela. Até é posible que fose defecto conxénito, pero iso sería evidentemente argumento para outra historia.
A muller ao lado roncaba, impertérrita, talvez demasiado. A un observador alleo á película daríalle a sensación de que era unha treta. E el aceptábao porque tampouco tiña interese en iniciar un intercambio de palabras insubstancial que a estas alturas de matrimonio non conducía a nada. No cuarto de baño procurou facer o menor barullo posible, lavouse pouco e mal. Debruzado sobre a pileta, deu unha pasada polos sobacos e o trangallo, salpicando algo no chan, por se a Jennifer pedía guerra, e poucas as grazas. Espremeu gozoso un carafuncho que lle afeaba o nariz coa cara a dous centímetros do azougue e eliminou os restos coa punta da toalla. Logo engominou o pelo o xusto, sen estragar xel, mollándoo abondo para que non se lle despegase en todo o día. Descolgou do galán o blazer azul de botóns dourados e tras fechar a porta do dormitorio, contemplouse no espello da entrada mentres o vestía polo corredor adiante.
Na cociña colleu o tarro do café instantáneo, quentou auga no micro e fóra, chimpouno dun grolo. Entón si, puxo o abrigo e saíu largándolle tal golpe á porta, que tremeu o misterio. Que espertase agora se quería a pandorca. O que espertou foi o veciño amentándolle os mortos.
Cando chegou á sucursal xa tiña a Jennifer e mais o Eustaquio á espera, entalados de frío. Ao velos, agardou a que ambos a coro o saudasen, como era o costume ditado polas xerarquías. Antes de franquearlles o paso e disimulando por detrás do subordinado chiscoulle o ollo á bolseira. Ela correspondeulle semiocultando cos dedos os dentes branquísimos e cun falso rubor que sabía que o puña a cen por hora.
Cada mañá era igual. Entraba no despacho, conectaba o ordenador, lía o correo electrónico, revisaba na prensa local as esquelas e chamaba á central por se houbera algunha incidencia. Despois fechaba a porta, como se gardase alí algo importante que non debían ver ollos profanos, e acenando á moza co dedo índice da man dereita a apuntar ao teito, dicía:
—Tst! Saio un segundo a almorzar, señorita Jennifer. Se preguntan por min, que estou reunido.
—Vaia tranquilo, don Sexismundo —respondía ela invariablemente. E rebentáballe na cara o globo do chicle.
Xusto cando se dirixía á porta, viuna vir ao lonxe. O corpo encolléuselle instintivamente. Toda aquela fachenda que gastaba ante os empregados véuselle abaixo sen metáforas. Correu a abrir, cos pés e a dignidade a rastro.
Tras o vidro blindado, o Eustaquio torcía o fociño chascando a lingua, ao tentar extraer de entre os dentes unha migalla de galleta que lle estorbaba. A Jennifer, que tamén reparara en dona Ludmila, debatíase entre permanecer no posto ou ir retirar dun salto o ficus. A indecisión perdeuna.
4 comentários:
¡Que ven contas! Perdera o capítulo II e estiven un rato coas historias polacas. ¡O sabía! Engancheime ó conto.
Saludiños dende o sol
Miss Tollo
Tes que ver a versión apócrifa, Miss Tollo, que está nas ligazóns do lado direito! Sen ler esas "estórias" antes, isto non se entende. (E despois de lelas, comprenderás que o que sae aquí é un lixo...)
Há um sentimento, muito comum entre os tugas, que se chama...'falsa humildade'!
Não sejas tuga, por favor!
Tem-me que não vivo, ti Jonas: um dia apaixonado, ao outro quer voltar para Cordoaria... Que faço eu com o argumento? Já não sei se não converterei a velha polaca em psicopata assassina.
(Tenho a sensação de que estou a virar tuga perdida. Salvem-me! Ou salvem-se?)
Enviar um comentário