Aproveitando o rebumbio que se formara á volta de dona Teté, co reparto dos bolígrafos, a señora Bukovski érguese do banco paseniño, leve coma a sombra na que virara había uns minutos, pensándose cadáver, baleiro, nada, ar que nin pesaba, mais pesando en troques tanto a pena dentro.
—Se tivese un encarnado —pediu o Capitão—, vaime ben para subliñar barrabasadas do xornal, que logo largo para acirrar nos amigos.
—A min calquera cor me vale, que para o que escribo... —recoñeceu o Rei.
—Eu de haber, queríao verde, que é a cor dos campos —pediu tímido o Violeto.
—Pois a min non sendo azul, coma o mar cando está calmo, sérveme calquera —conformouse o Fausto.
—Negro, eu quéroo negro, e de punta fina —non puido deixar de esixir Miss Tollo.
Dona Teté rebuscou no bolso para tentar satisfacer o persoal, sentíndose un tanto ridícula no papel de soldado en misión humanitaria que distribúe caramelos entre a criallada. Mirou para Sigrid, ofrecéndolle un.
—Deixe estar, que eu escribo con pluma. Agradécese de todas formas.
—Pois, nada, entón, imos ao que viñemos. Se non lles parece mal, para aforrar tempo, que vostedes son persoas sen prexuízos, fago cada pregunta e vanme respondendo un por un. A ver, a primeira: "Consideran que a muller finxe no orgasmo?".
—Home, perdón, digo, señora —saltou o Violeto coma un resorte—, sobre iso hai
estudos feitos.
—E opinións variadas —engadiu o Rei.
—Todo depende —sentenciou calmo o Capitão.
—Cando di "a muller", a que muller se refire? —inquiriu Sigrid, preocupada polos matices—. Porque se o di pola propia, quérese dicir, a esposa, coma quen di, a compañeira, ou a moza, é unha cousa. Agora se se refire á "muller" en abstracto, coma persoa de sexo e xénero feminino, aí xa é outra completamente distinta.
—A min iso non me pasa, porque son perfecto —borreou o Fausto.
—Querías, guapiño de cara. Se eu falase... —retrucoulle a Miss Tollo.
—Entón ti, moza, opinas que si? —cortou a Teté, queréndose aferrar ao primeiro comentario que se podía considerar resposta.
Estaba o Fausto cos ollos arregalados e disposto a argumentar, cando ouviron un grito do outro extremo da Cordoaría. Em Bicos achegábase aos pinchos para non magoar os pés cos pedregullos do xardín e en evidente estado de excitación.
—Ai, Violeto!
—Que foi? Di, flor.
—Ai, Capitão, entón hoxe non leu o xornal?
—Nin pachorra tiven entre tanta historia e tanto conto para me informar das verdades.
—Daquela non saben o que pasou esta noite?
—Máis unha noite pasou. Que había de pasar? —puido dicir o coro grego se houbese, que non había.
—Houbo redada na pensión de La Queue Bleue!
—O que?! —e aí si exclamaron todos a coro, sen xentilicios adxectivos.