Era para ser un domingo fantástico. O madrugón excesivo de onte permitiume acabar incluso coa parte do traballo que calculara que me había de quedar para hoxe. Ceei cos amigos e deiteime algo máis tarde ca de costume, pero conseguín durmir, intermitentemente, iso si, ata as oito, e sen espertar coa cabeza a estoupar. Almorcei devagariño no eido, bloguei un pouco, marchei ata a outra marxe na bici a tomar un café e ler na praza da Nova, volvín e decidín subir a comer para aí para arriba para a montaña. Non me quería afastar moito, para poder volver a tempo do autógrafo. Era un día perfecto. Xantei divinamente, sen deixar nada, ata sobremesa caseira, e aínda lin un chisco do João Vêncio: os seus amores mentres tomaba os cafés de rigor. Cando decidín dar un paseo pola Serra d'Arga, antes de baixar para o val de volta, a burra nin orneou: quedara muda redonda. Ao principio non entendín que lle pasaba: morta non parecía que estivese. Veña a apertar botóns de aquí e de alá... nada. Ata que me dei de conta de que levaba cos piscas de emerxencia postos desde que parara no caixeiro autómatico na Aldea das Carrouchas. Estupendo. A moto sen batería e o móbil sen cobertura da rede que me corresponde. Adoita pasar cando máis falla fai. Moi amables, algúns do bar se ofreceron para arrincala a empurróns, pero non houbo maneira. Tamén non había quen tivese unhas pinzas. Eu só pensaba que non ía chegar a tempo ao autógrafo. Deixáronme un móbil e chamei ao Condado. E alá apareceu a rescatarme unha vez máis o meu heroe (a anterior xa a conto outro día, que ten máis miolo). Arrincouna á primeira e para celebralo, -he!, listos nós- decidimos tomar un café. Cando quixemos volver arrincala, dixo que tentar o demo unha vez fora bastante. E seguiamos sen pinzas. Así que baixamos á Nova, pasou o que se conta no texto anterior, e alá fomos monte arriba, monte abaixo coas pinzas. Desta si, todo foi ben. O mundo sorríame.
Pero como non podía haber tanta felicidade, da casa do Condado á miña, que haberá douscentos metros, caeume da mochila (que, total, para aquí a ía fechar de alí a aquí?????) a tapa dun compartimento da moto que non colocaramos no sitio (porque necesitaba para iso a chave e non queriamos apagar a moto outra vez aló) e fun incapaz de encontrala por máis voltas que dei, co cal terminei histérica perdida este domingo de subidas e baixadas físicas e psíquicas.
Sem comentários:
Enviar um comentário