terça-feira, 14 de julho de 2009

O príncipe desencantado (III) De peixe con patacas e princesas

Durante o traxecto desde o aeroporto de Luton ata a capital, entretívose en estudar polo miúdo (e aínda lle sobrou tempo) un mapa da illa e como sempre soñara co sur, un sur calquera, ao ler (se ben mal) Reading, pensou que lle ía coma funil en boca de xerro un choio de xornada parcial nunha biblioteca. De maneira que sen parar a dar sequera unha volta por Soho, transbordou (de ilusión tamén) a unha barcucha de remos que o levou Thames abaixo ata a vila acatedralizada. Postos os pés na terra, a lei do funil viróuselle en contra e acabou por se empregar cun contrato precario pero á mantido nun quiosco de fish&chips, que ao cabo de seis meses lle proporcionara máis libras no peso ca no peto.

Descontan as crónicas das reais andanzas que unha noite de venres, contemplando no espello o pelo a pingar da graxa dos vapores oleosos da cociña e a barrigada que lle rebordaba por riba do cinto do pantalón, acusou, por primeira vez na vida, conciencia do paso do tempo. “Vou ter que arranxar unha muller que me manteña”, pensou polo baixo mentres de alto anunciaba imbuído de divina graza:

—Vai sendo hora de encontrar unha princesa que conveña á miña condición para perpetuar a dinastía!

Ao día seguinte de mañá cedo, mentres almorzaba o seu cafeciño con leite e torradas (dúas), única comida en que conservaba hábitos continentais e zafaba do peixe con patacas, examinou ávido a sección de contactos do Reading Evening Post Weekend publicado na véspera á procura do apartado “Príncipe busca Princesa (e viceversa)" ata que deu co que lle encheu o ollo:

"Princesa verdadeira con certificado médico de lesión producida por garavanzo no tecido muscular da rexión lumboilíaca esquerda busca príncipe agarimoso e simpático con reino en perspectiva para fundaren familia e comeren perdices nun ambiente de felicidade e harmonía. Son rubia natural, de peitos xenerosos e largas ancas. Dote garantido (máis información a través de correspondencia privada, se calla). Reserva absoluta."

(A continuación indicábase un enderezo de correo electrónico que se omite por preservar a intimidade da devandita.)

8 comentários:

Anónimo disse...

Non hai dúbida: este é o culebrón do Vrao (agora que o amor chama á porta ao guión non lle falta nada máis que algunha morte; dou por sentado que os fillos ilexítimos e/ou desaparecidos virán máis tarde)

Sun Iou Miou disse...

Amor, amor, Kaplan! Quen falou de amor? Moi romántico me volveu vostede da Grecia. Mortes? Non pensara niso pero aínda estamos a tempo, non é mala idea e a prensa sensacionalista británica nolo vai agradecer (repárese en que xa vou empregando o plural maxestático ou de inmodestia).

No que si lle dou a razón é en que é un culebrón, talvez non do verán pero si viperino. (`_^)

condado disse...

É o que me gusta dos príncipes: Vai sendo hora... E vai

Sun Iou Miou disse...

Seica che pode o republicanismo, Condado. Tranquilo, que isto acaba mal fixo. Sonche eu boa! (`_^)

Teté disse...

Há um provérbio português que diz "quando a esmola é grande, o pobre desconfia!" Ora assim devia estar esse príncipe pelintra, que esse anúncio de "princesa verdadeira" tem tudo para se desconfiar. E mesmo que não, o homem, que além de pelintra está gordo e gorduroso, não tem um espelho sincero que lhe diga: "mas para que é que uma princesa verdadeira me queria a TI?"

E ainda que mal pergunte, a que condição é que ele se refere: a de príncipe ou a de cozinheiro-vendedor de fish&chips?

Vamos lá ver como é que se perpetua essa dinastia... (`_^)

Sun Iou Miou disse...

Cá, Teté, também temos esse ditado, mas substituindo o pobre por santos: "Cando a esmola é moita, ata os santos desconfían", hehehe.

Mas estou-te a ver com muito preconceito com as gorduras do príncipe... E então a beleza interior?

E depois, a mal perguntar pior responder, não te queiras adiantar à história. Haja paciência.

Beijoquita

Tá-se bem! disse...

Desculpa mas não tenho os óculos aqui ao pé... cof cof.. de maneira que só entendi que o príncipe era gordo.. seria?? ehehehe

Sun Iou Miou disse...

Já imagino que ficaste como alguma "coisa" mais interessante a te encher o olho, Tá-se bem!