sexta-feira, 18 de junho de 2010

Oficioculto do profano

Hai un prólogo a modo de explicación das escrituras sagradas ou poesía: a voz amplificada, descendendo polo corredor central do patio de butacas, preventivamente advirte sobre os fins que se perseguen a porta fechada ―mentres os imbéciles pasean a pel de ovella polas sendas da transhumancia mansa― para dourar as vaidades dos elixidos, de entrada paga e butaca quente. Rolan os títulos de inicio e imponse, co repenique da campaíña da consagración, o silencio e as tebras na sala. Recita o oficiante de costas ao público e danza as palabras, contra un reflexo que se tece en seda de araña e chuva de pratas, unha ave triste que se recrea en muller-casa-e gato a desaprender as leccións elementais do voo.

Hai unha coreografía coral de dicentes que se alternan sobre a estampa apocalíptica que na sublimidade dos paneis se deseña. E no fin do texto, o sumo sacerdote deposita un beixo cómplice: o evanxeo segundo Cesariny. Contigo profanamos.

(Máis tarde renuncio a escoitar guitarras electrificantes, só cismo: tamén eu podía desatar un día destes a versificar en inglés as miñas ignorancias para me elevar sobre andaimes ocos co pretexto de exportar ao universo as texturas opacas da mediocridade. Fecho paréntese cun sorriso cínico que apenas se me esboza na comisura dos labios.)

Teño sono e medo de o-fender cun ronquido porcino a penumbra... E de súpeto, esperto! Polo menos haberá que concederlle ao espectáculo de calcomanía ese mérito. Non máis. Arrisco a desprenderme da etiqueta de hiperposmoderna. Non é isto o que me seduce, esa noite, non; e talvez nin nas vindeiras.

Termina o Isaque en grande, enorme, como entrou, chantado na platea, só co altifalante agora da potencia da voz e a forza da palabra espida na memoria. Ao Luiz Pacheco recomendaríalle, con todo, irreverente e acronicamente, algún método anticonceptivo, unha simple vasectomía que aforrase fames na descendencia... mesmo que a profilaxe nos privase da acidez soberbia con que apercibe contra o veleno da esperanza, ese bicho, ese bicho falsario.

No vestíbulo, durante o intervalo, róldame o maxín un experimento malévolo. Se me virase de costas a vós todos contra un canto e proferise un grito, o que me reclama a distancia ruín que me separa da vosa alegría, un único berro grave e seco, de animal ferido, que me escindise a gorxa e vos paralizase a leria incesante, aplaudiriades a intervención ou pediriades, os móbiles áxiles, unha ambulancia?

Poesia, amor, liberdade disme, e eu respondo amén, amen. E voume en paz, a cruzar serena a Serra d'Arga, na noite alta.

4 comentários:

ella disse...

Leido

Sun Iou Miou disse...

E non entendido. Non me digas máis, Ella. Non te esforces, non merece a pena. Ultimamente só veño aquí a vomitar, pero é a miña casa. Se fecho as cousas, a xente cabréase, de maneira que quedan abertas, pero ninguén está obrigado a entrar, menos a aturar isto.

ella disse...

Pero eu leo... xa sabes: porque si. E as veces entendo.

Sun Iou Miou disse...

Ella, porque si: non hai maior senrazón que máis me agrade.