A xente tenlles tirria ás salas de espera. Non adianta. Son sitios nos que hai que estar á espera, ninguén nos engana póndolles nomes máis politicamente correctos. Todo ha chegar e un día destes igual mudan os letreiros por outros que digan: "Recepción de consultandos", pois vale, pero haberá que agardar na mesma.
A min, como son rarita, en troques, non me disgustan nada, sempre que a cousa non pase da hora e media. Ese é o meu límite. De aí para adiante, bufo e fungo. A non ser que se arme un motín, co persoal exaltado, as auxiliares a pór cara de póquer aguantando a maré (que cos médicos ninguén se mete, ca), que entón gozo co espectáculo.
A sala de espera da consulta de oftalmoloxía, na que en tempos e por cuestións alleas a min pasei horas mergullada nos libros de bioloxía, a espera era sempre prolongada e a xente enredábase a falar por engordar a paciencia. Aquel día, un coro de voces femininas arrincoume do sanguinario ciclo vital dos carrachos.
-Pois fulanita disque se vai amigar con un que coñeceu no baile.
-Ai, agora háichevos moito diso.
-Pois a min, mira, non che me importaba nada.
-Estache boa. Íanme coller a min, aos meus 77 anos, 31 que levo de viúva... Xuntarme cun home eu agora? Teslles que facer de comer, estirar a roupa... Póñencho todo perdido. E logo fúmanche, róncanche, danche voltas na cama. Quero eu nada unha hipoteca desas! San Roquiño nos libre dese mal!
Pois, non hai como as aulas de campo.
2 comentários:
ehehehe! É a voz da experiência... Ela lá terá as suas razões
Beijoo :)
A voz da má experiência, meu.
Beijozito. (`_^)
Enviar um comentário