Com 'hoje e hoje e mais hoje' é que perdeste , Kaxinjengele, o poder!
Kaxinjengele e o poder.
Uma fábula angolana
reproduzida por
José Luandino Vieira
Mundo pequeno este. Noutro día fun, como é costume, dar unhas patinadas á outra marxe. Pensaba nas persoas ás que de tanto cruzarme con elas vou recoñecendo: o trapicheiro que dá voltas e voltas na parte máis retirada do xardín sempre cunha saca plástica, o matrimonio de velliños que van collidos da man, a moza que anda en bicicleta e que debeu marchar de vacacións porque leva uns días faltando, unha parella da Aldea das Carrouchas, as señoras dos boxers, a patinadora novata á que incluso eu podo dar consellos, o mozo que camiña e corre para mirar de baixar uns quilos, as raparigas do equipo de vólei... e o home enxuto de barba recortada e pelo branco que me sorrí cos ollos agora xa recuperado do susto que levou a primeira vez que pasei zoando por el...
Onte rematei de ler Os contos do nascer da terra de Mia Couto, e como os libros que tiña en lista de espera na mesa de noite despois desa xoia non me inspiraban demasiado, decidín cruzar o río e mercar algo de xeito. A sorpresa é que había unha pequena feira do libro, así que aproveitei para facer acopio. Entre os que escollín había tres do José Luandino Vieira. Cando fun pagar, dixéronme que no domingo -isto é, hoxe- ía estar na feira a assinar autógrafos.
Nunca antes me achegara a ningún escritor para pedirlle un autógrafo pero desta vez non puiden resistir a tentación de lle levar o meu No antigamente na vida (parecíame que era asoballar presentarme con todos os que lin del xa e gastarlle a caneta, así que elixín o que maior significado tiña para min). Cando facendo un esforzo por vencer a timidez e o respecto que me impuña, me acheguei a el, logo me recoñeceu:
-A señora não é quem me quis atropelar no outro dia de patins?
E aí xa foi o principio dunha conversa que me esgotou os adxectivos.
2 comentários:
¡Muller, cóntanos esa conversa, se boa! Porque si que son esas casualidades da vida que fan, mesmamente, que esta mereza a pena.
Estasme a pedir moito, Sigrid. Se normalmente durmo pouco, esta noite o meu sono foi un pisca-pisca continuo.
Nalgún lugar dixen que ás veces só lle encontraba sentido á vida na posibilidade de ler mais un Libro, e para iso cómpre que haxa persoas como o José Vieira, que transmitan a vida con esa forza. De todas formas, estivemos a falar das súas "estórias", das experiencias que viviu e a maneira en que estas se reflectían na escrita, das dificultades que atopaba na lectura e para aí e de que mesmo así, ou tal vez por iso, me producía un pracer brutal. Case nada.
Enviar um comentário