segunda-feira, 7 de julho de 2008

Responsabilidades

Blogando de aquí para alá, que é outra maneira de procurar Ítaca, lembrei unha anécdota que me aconteceu hai mil anos, durante aquela miña madurez temperá que deu no que deu agora: unha adolescencia serodia. O caso é que estaba xa de vacacións e meus pais marchaban de viaxe. Antes de irse, miña nai deixoume o cargo de espertar ao día seguinte os meus irmáns máis novos ás oito, que tiñan escola aínda. Non había fallo. Sempre madruguei e nin sequera necesito que soe a alarma. Antes de saltar o tic, xa estou eu tac, a saltar da cama.
Total que esperto e decido comprobar a hora que é. Cago en! Ás oito e vinte! Érgome na brasa, ao bordo da histeria, entro no cuarto do meu irmán, prendo a luz e bérrolle:
—Esperta, que é tardísimo, que me quedei a durmir, que non chegades!
Meu irmán rosma polo baixo e eu vou para o cuarto da miña irmá, que esa xa non era nada fácil de levantar. Sacúdoa unha e outra vez ata que por fin logro que pisque os ollos polo menos. Mentres ela paseniño volve ao mundo, vou para a cociña mangada a preparalles o almorzo, porque se non non daban feito e perdían o autobús. E cando estou nesas, ouvo gritar a meu irmán no cuarto:
—Idiota! —Sempre foi o seu insulto preferido.
Achégome a pedirlle desculpas, azorada, e véxoo xunto á fiestra, coa correa da persiana aínda na man.
—Perdoa, perdoa, pero quedeime a durmir, non me soou o espertador e...
—Ti miraches para fóra?
Era noite negra. Volvín os ollos cara ao reloxo e entendín: vira as oito e vinte, cando eran as catro menos vinte...

4 comentários:

Anónimo disse...

vaia, o de vde. foi bastante máis lamentable que o meu! :-)

Sun Iou Miou disse...

Sobre todo para meus irmáns, Kaplan, que inda non mo perdoaron. (`_^)

Teté disse...

Ah, Sun, isso já não é ser madrugadora, é noctívaga mesmo! 20 para as 4??? Coitados dos manos, com o sono interrompido em plena NOITE! (`_^)

Sun Iou Miou disse...

Pois, Teté. Salvou-se foi a pequena, que não chegou a deixar a cama, profundamente dormida como estava. (^_^)