sábado, 12 de julho de 2008

A vella polaca. Capítulo XVII

Tiña frío, un frío de dentro tan intenso, que parecía que o mundo enteiro se lle conxelara de golpe no peito. Pé ante pé camiñaba, só por andar, sen reparar para onde, por fuxir da sombra que cincenta a acosaba esvaída e silandeira, ondulada sobre os lastros da calzada, tamén ela moribunda e indiferente. Pasáballe a vida pola cabeza, como din que pasa nas milésimas de segundo que preceden á entrada no alén xentes que carecen de autoridade para afirmar tal estupidez, que nunca de alá volveu quen puidese ratificalo, antes quen o experimentou salvouse para contalo, o que lle nega veracidade. O Tisco ía atrás dos seus calcañares, coas orellas gachas tamén, alma penada non sendo, que calquera o xulgaría empatía coa ama, cando apenas eran os primeiros síntomas das augas mortas que bebera do estanque a revelarse ben vivas nos estragos incipientes das bacterias que se lle reproducían sen descanso no ventre minúsculo.

O caso é que nese retroceder acelerado regresou o maxín da señora Bukovski ao Báltico dos veráns coa mamá, tan nena aínda, a carranchas nos ombros do papá, seu cabalo e cabaleiro andante; ás novelas que lía as agachadas baixo catro mantas durante o inverno de case sempre noite; aos paseos polos faiais estrados de follas triscantes, a bailar nos refachos de ventos arremuiñados, ou ás carreiras que as treboadas súbitas desferraban na señardade dos seus quince outonos; á ledicia parva da primavera que ferve o sangue e pon color no rostro de papoulas e de trigos verdeados nos ollos. E aínda correu logo para diante o tempo ata o día, ese día, en que cruzaron as miradas dun banco a outro da Alameda, cando acabou el por achegarse a preguntarlle polo que lía, coma se lle importase, só por recibir a resposta tímida dela, que lle explicaba coma se tivese algún interese para ambos a conversa, que era unha en palabras ditas e outra en palabras caladas. Pasou de alí á mañá en que foron todo nervios, présas, non pensar nada, sentir apenas vivas e apertas e recendo de flores e o sabor dos bicos, xa non máis sal de lágrimas. Logo ouviu a voz do papá na despedida, roto pola mágoa que a ledicia dela lle alimentaba, e era só un eco repetido a sacudila enteira, o seu nome pronunciado coma xa ninguén soubera:
—Ludmila! Ludmila! Ludmila!
Espertouna do delirio unha man a lle pousar no ombro, e virouse co sobresalto abafado de xestos de quen nada espera, o alampar a atrapallarlle a fala ao mensaxeiro que a procuraba:
—Pensei que non a daba collido, que entre correr e chamala a berros polo nome, non respiraba, e vostede sen inmutarse.
—...
—Que non me mire así, ou non me coñece xa? Que di o Rei que vaia na brasa, que pasou algo gordo; non sei o que dunha redada, dixo Em Bicos. Alá no xardín quedaron todos a ler a noticia no xornal que traía o Capitão baixo o brazo. A min só me dixeron para levala de volta sen falta.

E ela, sen vontade de seu, deixouse arrastrar pola man do Fausto, que a collera entre firme e delicado, co ímpeto de quen cumpre ordes cabais que non se deben desacatar so pena de desgraza irremediable.

8 comentários:

condado disse...

O aparello que teño diante chámase monitor-en-forma-de-onda e cando a imaxe tratada está correcta o espectro vai entre cero e cen, marcando entre os picos de luz branca as tonalidades todas... Esto da polaca está subindo de nivel, cheguei a Ludmila, Ludmila sen respirar... Até aplaude o monitor...

Sun Iou Miou disse...

Grazas, Condado. Para un visitante que hai na rede, é bo que lle guste. Non é por nada, pero non me canso de lelo. Ata nin parece que o escribise eu. Pode ser que haxa unha boca negra que me dite. O peor é que está para rematar, e cando o termine non sei o que hei de facer.

condado disse...

Pois fai coma eu nas cancións, rescata cachos, illas, e compón outro, cecais poda ser o comezo dunha novela... Eu comprométome a maquetalo, xa sabes...

Sun Iou Miou disse...

Non hai practicamente nada que rescatar, Condado. Na vida escribira tanto como des que abrín este caderno e se algo escribín foi para o lixo. En fin, malo será que non apareza por aí alguén a me inspirar outra película.

condado disse...

Ben, mellor sen ataduras, o bagaxe vai con un, o camiño está sempre por andar e coma dicía Cela a inspiración e estar oito horas ao día diante do cuaderno ( e o das horas o sabes ti mellor ca el)

Sun Iou Miou disse...

Penso que é así, Condado. Cadaquén é cadaquén. O caderno sempre vai comigo. A inspiración é que non. O malo son os personaxes, que fan o que lles peta e trastócanmo todo, pero en fin, ao cabo, o relato é deles.

Anónimo disse...

¡Por Dios, sun iou miou, non nos deixes neste sin vivir e cóntanos xa que pasou!
¡E sacas un final feliz do maxín ou rómpocho a crisma! Advirto.
Sigrid

Sun Iou Miou disse...

Sigrid, se ha de haber un final feliz para uns, terá que haber un final triste para outros. Ti verás de que lado estás... Eu sei cal lle toca a cada quen, sen que por iso estea da miña man, que se estivese, ai...
Paciencia, que xa non tarda.