terça-feira, 4 de março de 2008

Desenfreado

Des que me alcanza a memoria sempre tiven un atractivo irresistible para os tolos e os borrachos. Acórdame na excursión de fin de curso en oitavo ás Canarias, trece aniños, que se me presentou a altas horas da noite no hotel empuñando en alto (non cheguei a velo, pero sempre o imaxinei así...) un ramo de rosas vermellas o mozo aquel a quen só eu dirixiu media palabra, que é máis do que adoito pronunciar normalmente. O escándalo foi maiúsculo, claro, porque os adultos teñen a mente perversa, pero aquel brazo estirado coas rosas tan tan vermellas, tan de sangue escuro, sempre representou para min a angustia de quen entende media palabra coma unha declaración de amor.
Pouco despois foi no instituto. Pedro, que se pasara de vez un día nas Cíes cunha infusión de estramonio (iso sóubeno anos depois), apareceu a media mañá polo Centro e depois de intentar arrincar a miña bici do cadeado (eu era a única tola á que se lle ocorría daquela moverse en bici por Cidadeabertaaomar, agora creo que hai dúas ou tres persoas...), entrou perseguido polos gritos de alto do bedel, e montou a de dios largando patadas contra a porta da azotea ata que a botou abaixo. E todo porque eu debía ser a única no mundo que lle falaba, e calquera que me coñeza sabe que os discursos non son o meu.
De todo isto lembreime polo caso que me aconteceu estando por fóra do valado do meu eido a podar unha glicinia. Era domingo, un domingo de sol morno a media tarde, cando a xente da aldea troca a roupa dos cotíos pola dos días santos e aparca a eixada, mentres os urbanitas transplantados segamos o céspede e podamos sen atender á lúa enfundados no chándal mercado na feira. Sentín o runrún do carriolo a subir polo camiño. Viña de branco inmaculado, camisa aberta, pelo en peito, e pantalón curto. Mais detalles non me pidan, que son pouco observadora, pero o Luís da Mangueira debíase sentir coma quen que pasa no seu BMW descapotable (que gusto poder ceibar esta palabra, puto VOLGA que o pariu co seu convertible!), cabelo ao vento... o rei do mundo. Apenas virei a cabeza para saudalo, que un saúdo a ninguén se lle nega, mesmo que sexa un peco insoportable. Como é meu veciño, a estas alturas xa aprendera que... confianzas ningunhas. E velaí que se detén no medio e medio e grita non sei que. Eu, para quitalo de enriba, díxenlle:
Ata logo, Luís, non che entendo nada co barullo do motor.
En mala hora: apagouno. Entón afincou a queixada nas nocas da man dereita, estilo Pensador de Rodin, e espetoume, así, sen preámbulos, fóra palla:
Que pena, muller, tu aquí tan soa...
Ui, que carallo pensei eu, non sei se de alto se de baixo, agoniada só pola perspectiva de ter que mandalo a pastar para que non me amolase, que nese intre, pouca perspicacia a miña, aínda crin que se refería ao grande que era o eido e o moito traballo que me tiña que dar manter aquilo dominado.
―De cando en cando hai que botar unha cana ao aire!
―Ui, que carallo, Luís! ―Aí xa si que me saíu da alma fóra, pero el non se me achantou.
―Eu, xa sabes, para o que faga falla... E puxo así a cara de medio lado en plan galán interesante cunha cella levantada.
E eu que estiven para estoupar a rir, nun instante de lucidez, dixen quita, quita, que este a gargallada igual a interpreta coma un si e armámola. Total que endereitei o espiñazo e salteille coma damisela alporizada mais seria ca unha pataca:
―Mira, Luís, non me fales máis na vida!
E volvéndolle as costas, moi digna, tiquitiquitiqui, subín cara ao portal, a paso firme, escangallándome de risa, sen sacudir os ombros para que non se me notase. E nisto que o sinto berrar como poseso. Vírome e alá o vexo ir, detrás do chimpín, que lle marchaba polo camiño abaixo. Fixen unha finta mental de correr a botarlle unha man, que non son tan ruín, pero o sentidiño retívome. Quita, quita
―dixen―, que aínda o vai entender mal, que se zafe. Aló o quedou, intentando sacar o carriolo da gabia e mandando baixar todos os santos do ceo.
Estaba claro que o sex bomb esquecera pór o freo de man.

8 comentários:

La queue bleue disse...

Hahahahha. Esso é trunfar mesmo :P

Sun Iou Miou disse...

Son puntos de vista, La Queue Bleue. Eu contémploo coma una derrota máis... (-_-)

Anónimo disse...

Moita risa que me dá... A peke-Gradicela tamén é un imán para os tolos...

A miña parella éo prós ionquis... :D. Cando imos xuntos e vemos un alí no cabo da rúa tentamos dar un rodeo porque xa sabemos o que vai pasar...

Sun Iou Miou disse...

Igual podiamos montar unha asociación, Cesare, os ionquis non os citei pero tamén entran no catálogo.

Teté disse...

Ai essas bombas sexy são tão curtidas! E quando não é connosco ainda mais piada tem... Tipo estarem sentados no mesmo café, a fazerem olhinhos a uma amiga nossa... E as caras de parvo que fazem??? Ai, fartei-me de rir com este post... :D

Sun Iou Miou disse...

Eu estive uma semana a rir soa, Teté. Quem conhece o personagem ainda ri mais. Essas só a mim! Mas pelo sim pelo não retirei-lhe o saúdo...

Anónimo disse...

Este penso que é o que terías que ter enviado a vieiros.

Xa podiamos estar os dous en Venecia, que xa sabes que sería unha mágoa ir ti tan soa, e que eu estou para que fixer falla

Sun Iou Miou disse...

Couselo, acórdache na revista o problema que tiñamos para vos manter á raia co número de caracteres? Pois mira o que ocupa isto é o que ten que ocupar um microrrelato: 550 caractares máximo, creo que eran. O do entroido tiña 500 xustos, que pensei que era iso o máximo e divertinme facendo que cadrase; o outro, xa vin que eran 550 e deixeime ir ata os 530, sen fiar tan fino. O meu é a micronovela... (^_^). E xa vou sentir o de Venezia, si, que contigo ou sen ti ía tremer o misterio! En fin, viva o despostismo ilustrado!