quarta-feira, 25 de junho de 2008

A vella polaca. Capítulo XIV


Calquera parecido coa realidade é pura ficción


Cando dona Ludmila acabou de ouvir aquilo, sentiu que a mala morte era a que acaba de recibir ela, coma unha puñalada directa ao fígado. Entón era esa a razón de que o seu Jonas levase tres días sen dar sinais de vida, de vida para ela... Canto significado cobraban as palabras ás veces, esas que pronunciamos coma quen respira, de maneira mecánica, e que, porén, coma a respiración, son, non fundamentais, senón imprescindibles. O Rei da Lã, que se decatou da súpeta tristeza que alagara os ollos da vella polaca e que lle intuíu no xesto de apertar coas mans forte o bolso a vontade de erguerse e marchar, detívoa, estendendo o brazo cara a ela, sen chegar a rozala, mentres interiormente se dicía estúpido, estúpido, estúpido, que calado estabas máis guapo. E xusto naquel preciso instante, achegouse ao círculo —que máis parecía elipse polas caras longas do persoal— unha muller desas que se definen de “boa presenza”, aparellada cunha carpeta debaixo do brazo onde se lía Ministerio de Asuntos Sociais.

—Cagámola. Vou ver as patacas —dixo o Rei.
—Teño que ir mirar a naviarra ao estaleiro e volvo xa —escusouse o Capitão Merda.
—Eu é que teño hora marcada na perruquería —deixou caer Em Bicos de Pés polo baixo, como quen non ten fe na eficacia da mentira.
—Fódase. Teñan un día leve e proveitoso —exclamou o Violeto, pois foi o primeiro que lle veu á cabeza.

O Fausto non dixo nada, como se aquilo non fose con el, pero Miss Tollo, véndoo tan incauto, largoulle un cabo:

—Está un día estupendo para ir procurar unhas ondas. Quen se apunta?
—Ondas? Con esta calma? Non se move unha palleira, rapariga.
—Que saberás ti o que se move e o que non? Anda, que pareces parvo.

E xa o collera do brazo para turrar por el, cando a portadora da carpeta do Ministerio de Asuntos Sociais, co sorriso máis amplo que se poida imaxinar nunha boca limpa e ben coidada, de dentista semestral faga ou non faga falla, acostumada a impor autoridade, ergueu a man dereita e prorrompeu:

—Quietos parados! Tranquilidade, que é só unha enquisa.

E sentiuse entre un “uf” e “ah” colectivo, mentres o Tisco, co estómago xa algo revolto, uliscaba nos zapatos lustrados da que acababa de chegar.

—Bos días, ante todo. Permitan que me presente. Chámome Teté e ando a facer unhas preguntas sobre os hábitos sexuais dos cidadáns do Porto. A min non é que me importen, conste, pero é que estaba desempregada e foi este o único traballo minimamente digno que me apareceu e que me permite conciliar a vida laboral e familiar. E claro, como vin que aquí están reunidas persoas de diferentes franxas de idade, pois dixen, nada, que aproveito e cubro dunha sentada unhas cantas, e aínda chego a tempo de recoller o pequeno da escola. Se non é molestia, claro.
—Regalan condóns? —preguntou o Rei.
—Dise preservativos, animal —corrixiu o Violeto.
—Profilácticos, ignorantes —sentenciou o Capitán.
—Profilácticos femininos traerá tamén…? —reivindicou Miss Tollo, finísima ela.
—A min válenme todos —apuntouse o Fausto.

Namentres Sigrid, calada coma un peto e coa cabeza gacha para que non se lle vise o rubor, contaba os puntos que se lle saltaran das medias e sacaba un frasquiño de esmalte de uñas para reparalos.

—Pois non. Condóns non, pero teño bolígrafos, se queren. E non son malos para ser do Ministerio.

terça-feira, 24 de junho de 2008

Amanhece










Como cada dia, também hoje lavei a cara para acordar os sentidos: vi a cor, cheirei o aroma, notei a frescura da água, ouvi-a escorrer pelas mãos e lambi uma pétala de rosa como se fosse o tenro lóbulo da orelha dele.

domingo, 22 de junho de 2008

O meu país












... é camiñar sen reparar no salto que a ponte omite para sentir a voz do sur que evoca tantos seráns a cantar cos amigos, e entre a bruma fría e salgada que se confunde coas lágrimas presas no rostro, xorde coma un espectro, unha sombra, de pasado e de futuro, tan presente, quecéndonos, arrolándonos na noite mínima.

sexta-feira, 20 de junho de 2008

En breve

Saldadas as miñas contas co estado do benestar e do malestar e recuperado o equilibrio, prométome firmemente volver á carga con arroutadas e contos, pouca negrume -a mínima imprescindible para dar unha pincelada apocalíptica-, opinións crípticas e sobre todo sexo, moito sexo... Ai, boh, o do sexo non era aquí. Pois nada. Sexo non. Que pena.

terça-feira, 17 de junho de 2008

Ajuste de contas


FECHADO PARA BALANÇO


__________________________
Roubado do Palavras Roubadas


Os afluentes da margem esquerda


Sim, eu sei,
ao fim e ao cabo
é com pouco esforço
que sorrimos
a trocadilhos sem graça.
As cedências são pequenas
e se, passado algum tempo,
o espelho ou um olhar
de consternação...
há que fazer boa cara:
o preço pode ser alto,
mas nada de burburinho, nada
que pareça regateio.
Sim, eu sei,
no fundo o que te apetecia
era pendurar um cartaz,
onde se lesse:
"Fechado para balanço".

Assim falou José Alberto Oliveira em Nada tão importante que não possa ser dito (...ou mostrado?, digo eu)

segunda-feira, 16 de junho de 2008

Dúbida















Cal será o problema de Vero: a falta de auga ou a falta de sentidiño... lingüístico?

sexta-feira, 13 de junho de 2008

Que vos dean...

...unha boa fin de semana a todos. Dentro de hora e media voume para o Sur . Non me busquedes, que o que para uns é sur para outros pode ser norte, ou leste ou oeste, e incluso para min pode ser unha simple metáfora de felicidade.
Por imposición allea aceptada de bo grao, tócame folgar hoxe, mañá e pasado. Que stresssssss...!

quinta-feira, 12 de junho de 2008

A vella polaca. Capítulo XIII

Tocou no timbre da pensión ilegal que sen cartel anunciador rexentaba La Queue Bleue, unha emigrada retornada, quen dous seus anos en Francia só trouxera de bo o alcume e os aforros que malamente lle permitiran reconverter a casa herdada dos pais no número 13 da Cedofeita en acubillo para almas perdidas e paixóns desatadas a horas intempestivas. Unha corda accionada por man humana desde o primeiro andar tirou do pasador, mentres el convidaba a entrar a miss Anyeska coa man aberta mirando ao ceo, aproveitando, iso si, o xesto para lla pousar no cu apaxando a firmeza da nádega, como querendo confirmar o que á vista estaba. Pulsou o minúsculo interruptor redondo, do tamaño dun botón de camisa, e ao prenderse a luz, véndoo cagado das moscas, limpou o dedo discretamente contra a perneira esquerda, aproveitando desta vez o xesto para tentear a firmeza do material de seu, que polo que notou ía estando no punto. Subiron as escaleiras coma quen non ten présa, cando o certo é que os corazóns galopaban a un ritmo que ao vello fíxolle temer un inoportunísimo infarto. Pero non, que miss Anyeska, tomándoo pola man, sacudiulle os negros pensamentos da cabeza e deron chegado ao alto, onde tras a mira aberta espreitaba a dona da pensión, que abriu decontado ao recoñecer o Jonas.

—Avemariapurísima, guapetón! Canto tempo sen vir por aquí, lubrián! Dá acá unha aperta!

E arrencontrachegóuselle con tal violencia, que ao sentir a presión no peito daqueles seos enormes dos que recordaba mellores días e que lle evocaban tamén mellores días, viuse nun vou non vou de dúbidas, que só os ollos verdes que o fitaban, como furándoo, polas costas, lle lembraron ao que viña.

—Entón esta moza que me traes?
—Nin tempo me deches para presentacións, muller. Desculpade. A señorita Anyeska, unha amiga polaca. Madame La Queue Bleue, de aquí do Porto.
—Encantada, neniña —acertou a dicir a caseira, cando en realidade pensaba "Cago nas polacas! Que terán as polacas decristo?!", pero incapaz de ocultar o desgusto que se lle debuxou nos labios, pois fora outra polaca, había xa tantísimos anos, a que lle roubara o seu amor.
—Un prraserrr…
—correspondeu a polaca cun aparente acento do norte que a incapacitaba para pronunciar axeitadamente o "r" gutural e o sonoro "z".
—E quererás un cuarto, lerchán? Vai para o tres, que está libre. Agora mesmiño lévovos unha botella de champaña.
—Deixa estar, non te molestes —cortouna o Jonas, temendo non só unha interrupción no baile, senón e sobre todo o infame espumoso que se bebía naquela casa.
—Pois, nada, nada. Ala, a pasar boa noite. E non me facer moito barullo, pillabáns, que hai xente a durmir.

E sen máis dilación, abriron a porta do cuarto número tres e unha vez botada a chave por dentro, miráronse como se de toda a vida se coñecesen prendidos nun silencio que apenas durou tres segundos, ao quebráreno as gargalladas sutís de ambos, de puros nervios.

—Hehehe —riu el.
—Hihihi —besbellou ela case ao tempo.

terça-feira, 10 de junho de 2008

A vella polaca. Capítulo XII

—Pero entón, o Fausto ese… quen é? Non o coñezo.

Á señora Bukowski a paixón que sentía pelo seu vello louco impulsábaa a non querer perder detalle de canto o rodeara naqueles tres días de ausencia.

—Ah, o Fausto, xa. Aparece por aquí ás veces. É un mozo, un tolo do BB, ou como lle chamen a iso, que o meu inglés é prehistórico. Ándalle para aí sempre cunha máquina fotográfica e un caderno de debuxo. Gústanlle estas nosas historias de vellos e achégase a escoitalas e a meter baza. E a festa, como a todos, non lle sabe mal. Ten tempadas en que desaparece e cando volve di que estivo de exames, pero a min dáme que desconfiar, porque trae no pelo o sal do mar e nos ollos ondas de felicidade debuxadas. O seu ti Jonas tíñao desafiado a navegar sobre unha táboa de lavar a roupa e había de ser bonito de ver. Pero como lle dicía, se se me permite continuar, a outra noite, ao pouco da visita da policía, presentouse no xardín unha suripanta á que nunca viramos, desas que lle fan perder a calquera a cabeza e a facenda. Así que puxémonos todos á volta dela, a baballar, e o que máis ou que menos, disimulando a súa cara, dona Ludmila, teso coma carapau. E cando ás nosas preguntas existenciais (de onde vén?, a onde vai?, que fai aquí…?) para disfrazarmos outras urxencias contestou que era polaca e que se chamaba miss Anyeska, ao lampantín iluminóuselle o rostro e perdeu vinte anos de golpe. Ergueuse dun pincho, chantóuselle diante e estendéndolle a man esquerda coma un galán de película pediulle para bailar, ou iso deducín eu, porque largoullo en inglés, e eu de idiomas de fóra non entendo nin papa. E alí quedamos todos, cos fociños dunha cuarta, mentres a parelliña se afastaba a procurar unha pensión, como logo se soubo, de mala morte.

segunda-feira, 9 de junho de 2008

Cabeciña a miña (no ar)

O primeiro que fago ao me erguer pola mañá é pór a radio. Escoito as noticias mentres almorzo e hoxe o tema é recorrente: a folga de transportes. Se non ouvo cincuenta veces as variacións do tema, non é nada. Póñome diante do ordenador e só teño unha teima na cabeza: que non me esqueza enviar o traballo polo que sacrifiquei unha que puido ser divina fin de semana. Non ben dan as nove estou co teléfono na man. Tirurí tirurí benvidos, dime a maquinucha con voz sedutora, e hoxe nin me pide para pulsar números varios. Iso é que vou falar con xente, penso optimista. E é. Respóndeme unha persoa humana.

-Bos días. Atende Conchi. Dígame.
-Bos días. Quería enviar un paquete a Cidadeabertaaomar.
-Sentímolo, pero non facemos entregas nin recollidas por causa da folga.
-Ah. Claro. Lóxico. Natural. Pois nada. Bos días.
-Bos días.

Bos non, estupendos días... perdidos.

________________
P.S.: Traballo feito non corre présa (non se consola quen non quere).

sexta-feira, 6 de junho de 2008

Qual trópico?















Alguém está com pena de me ver aqui no lugar de trabalho?

Luz















Há dias, como ontem, em que aparece um instante mágico prévio ao pôr-do-sol, quando o ar vira transparentíssimo, quando nem o canto do melro que me embala racha o equilíbrio do rio entre marés, e é tal o sossego, que sinto o impulso de o apreender com as mãos, com os olhos, o nariz, a boca e os ouvidos para não me fugir mais, para me alimentar no lusco-fusco e nas noites breves deste Junho. 'Tá-se bem.

quarta-feira, 4 de junho de 2008

Orfeo e Eurídice

Que digo eu que se Orfeo baixou ao inferno á procura de Eurídice, sorteando mil perigos e penalidades, conmovendo terribles monstros coa soa arte da súa voz e a súa lira, por que non se deixou estar alí con ela, tan ricamente, en vez de empeñarse en arrastrala de novo ao mundo, a pagar a hipoteca, a quitarse de comer para encher o depósito da furgoneta, a estar pendente de se chove non chove, a malvivir das escasas rendas dun músico ambulante? Home, non me xosques...

terça-feira, 3 de junho de 2008

Bzzzzzz! Plaff!

Queda oficialmente aberta a veda contra os mosquitos! Valen tanto as armas químicas de destrución masiva de última xeración como as selectivas de toda a vida, léase especializada paleta made-in-China ou improvisada pantufla (made-in-China tamén?). Avisar avisei.

segunda-feira, 2 de junho de 2008

Frío frío non é que fose

Des que me convertín en Penélope liberada, logo de descubrir que se pode saír a tecer e destecer fóra casa coa calceta nunha saca plástica —que ben me custou, vale, admítoo, unha ten as súas limitacións—, retomei os vellos costumes, como ir tomar uns tintos co Condado no alto de Covas, (curvas á ida e non sei por qué o dobre de curvas á volta), segar a herba antes de que me coma e sesión de cine cun dos meus J preferidos. E a iso último dediquei o serán do sábado sen acabar de comprender a relación entre o título e o argumento, a non ser que fose metáforico, claro: amor, calor, que así calquera pon títulos. E aquí non había desculpa de que o título fose traducido, que diso aínda entendo algo e sei por experiencia que as traducións dos títulos fainas xente que manda moito por aí arriba pero que nin sabe de que vai o conto nin ten interese ningún en saber, pero debe de ser porque exercer o poder os pon arreites. O caso é que nesta o título era tal que a frase que din sempre as nais aos fillos cando os ven saír da casa no inverno. Pero é que inverno non parecía que fose, nin finais de maio de 2008 —quero dicir na película, que na realidade si era, sen que fose así tanto frío, é máis, estaba unha noite de xeito—, nin o río que saía era o Amazonas, que non fai falla ir moi lonxe para ver ríos así e máis amazónicos aínda. A voz que nos arrolaba a contracorrente, ela si, evocaba paraísos non encontrados, e salvounos de naufragar pola parte da tenrura. Pola parte da distensión, zafamos tamén a noite ante o cadro dos rapaces na perruquería, cabezas pegadas, a emitiren uns chop chop chop ao ritmo do choqueleo das coxas da clienta que de fronte, tan a gustito, compensaba a calor do secador na cabeza. Pero se todos tiñamos tanta calor, para que entón se había que abrigar nada?
________________
P.S.: Perdón polo caos pero é que cheguei algo mareada de tanta curva dobre.

Hoje não é segunda!

Ó pessoal! Digam uma mentira aos patrões (e quem for patrão, diga uma mentira a si) e vão para a rua dançar, que hoje é dia de tentações!

quarta-feira, 28 de maio de 2008

Disuasión política

Non, non é que o meu veciño estea a facer declaración de independencia. Dou fe de que non van por aí as súas tendencias. Só pretende, creo, axotar os melros da cereixeira. Que mecanismos perversos actuarán na súa mente para el crer que unha bandeira do BNG e un farrapo vermello poden disuadir os paxaros de lle petiscaren nas cereixas? Sairalle o conto coma aquela vez que lles puxo a radio de noite aos xabaríns para non lle fozaren na millaxe e aos dous días os animaliños xa tiñan lá o botellón montado? En todo caso, parece porfiar en non recorrer á violencia, o cal sempre é de agradecer.

terça-feira, 27 de maio de 2008

Um só sentido

Porque a vida é um trânsito, jogo com a metáfora das vias públicas, com as suas duas ou múltiplas faixas, os seus sentidos duplos ou únicos, avenidas e becos sem saída, intersecções ou confluências, para reflectir sobre as relações afectivas. Por acaso, não é amizade uma ligação em dois sentidos? É óbvio: ninguém pode ser amigo dum outro se o outro não é amigo dum. Porém, a expressão do amor pode ser unidireccional, e é amiúde para esplendor das artes e aflição de quem sucumbe à indiferença do amado. E de ai pergunto apenas por perguntar: Amarmos a quem não nos ama terá um único sentido?

segunda-feira, 26 de maio de 2008

Chuvia

Espértame a bater en pingas grosas contra os vidros. Non me causa estrañeza: é como se levase aí e así toda unha vida (que a vida toda dalgún alguén sen dúbida leva). Gústame sentila nos ouvidos e na pel. Certo, non lle gusta a esa parte miña que preferiría andar na moto, na bici, a patinar... a escorrentar espectros. Pero gústalle a estoutra que se deixa enchoupar de boca aberta mirando ao alto cincento, aos convexos espellos diminutos que adornan árbores e herbas, ás pozas sedutoras desta desfasada adolescencia.

Teño auga no cabelo, nos ollos, na lingua, nas mans.
E coas mans viro auga toda.
Só me falta o aceiro inoxidable da coiraza a facer augas.

sábado, 24 de maio de 2008

A vella polaca. Capítulo XI

E mentres o historiador relataba a súa versión dos feitos, que non era máis nin menos verdadeira —malia a presuntuosa afirmación da autora deste conto— ca a outra, a dos chamados textos apócrifos, tecleados en cibercafés e cuartos de pensión barata ou luxoso hotel polo mesmísimo ti Jonas, fóronse xuntando arredor os habituais do parque. E así achegáranse os xubilados técnicos en inspeccións de obras de profesión xogadores de malhas, nin se inmutaron os homes de bronce e aceiro de Juan Muñoz a rir uns dos outros e os outros duns, e permaneceron impasibles máis tres personaxes nos que se debía adiviñar unha alegoría botánica, un intelectual —sexa o que iso for— e un poeta de oficio, que asistían en silencio respectuoso á narración. Foise logo animando o mañanceiro serán coa aparición dun trío composto por un pastor de cabras de colorido ou floreal nome a evocar o ton das montañas de Cerveira nalgunhas tardes de verán e plasmado en óleo por Xavier Pousa; unha moza que camiñaba en bicos de pés e levaba na man un par de sandalias de cor innomeable, pois a luz arrincáballes ora reflexos amarelos, ora violetas, ora laranxas; e un capitán de barco sen porto de abrigo que sabía de cor o requetelido Diario de Notícias que lle asomaba por entre o sobrazo. E foise animando, digo, porque estes tres contribuiron a satisfacer a larica e a secura da concorrencia cunhas botellas de tinto Alentejo e un queixo da Serra, que tras un intercambio de miradas furtivas nun hipermercado dos arrabaldes, decidiran acompañalos voluntariamente ata a saída por baixo dos respectivos gabáns e sen pasar pola caixa, xunto cuns petiscos de elaboración caseira rescatados do caldeiro do lixo do albergue, a onde foran parar por orde dunhas autoridades sanitarias con nómina mensual e cea diaria.

Soubo así a vella polaca que a tardiña en que o seu marido saíu para dar un paseo e non volveu, houbera festa rachada no xardín, porque si, sen necesidade de aniversarios, só por celebraren que estaban vivos, ou porque a alguén lle tocaran catro chicas nunha lotería calquera. E cando advertida da rebuldaina a policía urbana por algún veciño de ben se persoaron uns seus representantes a impor orde e silencio, soprenderon in flagranti (vulgo, cachárono na allada) o Jonas a aliviar a vexiga contra o umeiro. Quixéronlle aqueles soprar unha multa por escándalo público, exhibicionismo e atentado a un ben patrimonial vivo, pero ao interfecto o exceso de alcol traboulle a lingua de tal maneira, que os incomprensibles improperios en arameo que xurrou pola boca fixeron crer aos axentes que estaban ante un perigoso membro da delincuencia organizada rusa e gardando o talonario de infraccións, sacaron o formigo dos pés, coma quen non viu nin oíu nada de nada, mentres o Rei, o Capitão Merda, o Violeto e o Fausto vitoreaban e aplaudían o farruco que en mala hora os librara de iren durmir quentiños a mona ao caldeiro.

Ao Tisco, que non daba feito a sacudir o rabo cada vez que lle caía unha codia de queixo, ben que nin todas fosen ao chan, entroulle unha sede negra, e non se lle ocorreu mellor idea que mandarlle un grolo longo e sentido nas augas chocas do lago, arroutada que lle suporía unha furriqueira brava que ao día seguinte por pouco o manda ás patacas. Pero iso, como digo, aínda foi ao día seguinte.

quinta-feira, 22 de maio de 2008

Derradeira vontade















Imaxino —quen lle pon cancelas á mente?— que un moribundo me saúda na rúa, xa vestido co traxe pasado de moda que lle vai servir de mortalla, e cunha leve inclinación de cabeza, sen máis preámbulos, me explica que antes de morrer lle gustaría que lle lesen o mellor escrito da literatura galega. Eu sorrío, porque non necesito escarvar para escoller o nome do autor, e para non estragar os minutos preciosos que lle quedan na complicada elección dun texto concreto entre tantos prodixiosos, tomo o primeiro que me pasa polo maxín, collo o home pola man xa case fría, séntoo ao meu carón á sombra dun tulipeiro de Virxinia, e como se abrise o libro, aclaro a voz, e digo:

—Vai: O galo de Portugal.

Fago unha pausa, levanto a vista e miro para o moribundo, que cun sorriso me anima a empezar. E empezo, con licenza de don Álvaro Cunqueiro.

—
Pois: "Sempre lle ouvín falar a meu señor amo Merlín con moito respecto da antiga cidade de Braga, de onde era nativo, e nela tiña rico aposento nun pazo da rúa dos Confidentes un xentil cabaleiro portugués, de fina nobreza e moitos posibles, don Esmeraldino da Câmara Mello de Lima, visconde de Ribeirinha. Foi iste don Esmeraldino visconde, polo que dil teño escoitado a un seu criado de librea i escopeteiro, o home máis fermoso de Portugal no seu tempo, mui lucido de luares, e cunha mirada tan triste nos grandes mouros ollos, que parecía, dicen, que cando demoradamente vos miraban, que era como si unha brétema de escuros aloumiños saíse, pra envolvervos, por entre a azadeante seda das longas perfebas..."

E cando remato o conto, o meu moribundo fecha os ollos, que eran mouros tamén, e vaise sen se ir e eu penso, mentres o contemplo sereno nesa tarde que pode ser de outono ou primavera cálidos, que se se puidese elixir a forma de morrer de morte morrida, esta non era mala.

quarta-feira, 21 de maio de 2008

Doideira

Tenho um tornozelo inchado que nem uma bota de vinho cheia de vinho e não sinto dor. Será que estou a virar insensível? Será que sendo já, ignorava? Será que o corpo me está a morrer pé ante pé? Ou será que endoideci?

Perversión

Esa é a pata da que coxeo: son perversa, só de pensamento, certo, pero ao final, desde o acoso sinistro do catolicismo conta o mesmo o pecado mental ca o de obra, así que a satisfacción é equivalente. E confeso isto porque onte fun patinar a unha pista que está da marxe de lá, como adoito facer des que logrei percorrer máis de cen metros sen espatifarme. Cando cheguei, decateime de que esquecera os protectores dos pulsos e estiven nun que si que non, ata que decidín calzar os patíns, porque a tentación era máis forte ca o respecto pola miña integridade. Ao primeiro estaba algo insegura, o cal é malo, pero logo funme confiando, que aínda é peor.
A pista do Castelinho é un percorrido cheo de curvas polo que pasea xente en bici, diabéticos e colesterólicos que camiñan por prescrición facultativa, corentóns que corren para non perder o tren, parellas con moito ou pouco que falar... Todos teñen en algo en común: cando me ven vir, apartan, polo que poida ser, con moi bo criterio. Onte non, onte había dúas señoras de clase e idade media tirando a alta, roupa de marca, lentes de deseño, grandes bolsos de coiro lustroso a xogo coa cor dos zapatos, desas que están afeitas a que o mundo se retire cando elas pasan. Así que cada vez que as vía de fronte, absolutamente inconscientes do perigo que eu representaba, un interruptor accionaba no meu maxín perverso unha visión maligna, da que eu saía ben parada, parada mesmo, e elas polo aire, arrastradas pola forza centrífuga dos bolsos. Pero xa dixen que a miña maldade é só mental. Tamén dixen que a efectos de pecado, conta o mesmo. Agora engado: sen arrepentimento non hai absolución e no marcador súmase un punto negativo.
Esquecida eu xa das señoronas, andaba a mellorar a técnica da pata coxa, cando perdín o equilibrio -físico, digo. E non levaba protectores dos pulsos. Desde o centro de decisións e dado que as mans son o meu instrumento de traballo, algo me mandou deixarme caer para atrás amparando os brazos do impacto, e mentres batía coa alcatra no chan, ai!, e a perna dereita saía disparada para diante en liña recta, as articulacións da esquerda contorsionáronseme de tal maneira que parecían de goma sen ser: ai!, ai!, ai! E acordoume outra sentenza da sabedoría popular de tradición católica: deus castiga sen pau e sen pedra.
En fin, que xa sabedes de que pata coxeo agora: da esquerda.

terça-feira, 20 de maio de 2008

Vida de can? O que?!















Quen fora can de meu para tirar o can que teño tirada na herba coma el!

sábado, 17 de maio de 2008

A vella polaca. Capítulo X

Para Sigrid, porque os personaxes teñen vida propia,
cunha aperta forte forte


Na Cordoaría aquela mañá era coma outra calquera, porque no mundo, salvo hecatombes, todas as mañás son iguais, quérese dicir, sempre diferentes. Couselo pousou a funda do saxo sobre o banco e abríuna, disposto a montalo, cando Miss Tollo, que acaba de regresar do estanco, exclamou:

—Aí a vén!

E todos souberon a quen se refería, menos dona Ludmila, que dirixíu a mirada cara ao punto en que as dos outros todos confluían, ou sexa, nunha muller, nin alta nin baixa, con aspecto de clocharde exquisita e finas medias de cristal nas que aguzando a vista se advertía unha incipiente carreira, aproximándose do ganchete dun home maior, de traxe gris e bigote pedrés, moi acicalado, que camiñaba sen que se sentise o bater das solas dos seus zapatos no chan. Porén, o único que distinguíu ao lonxe, por causa da miopía, foron os sorrisos abertos que ambos traían en forma de saúdo.

—Se antes non llo digo, dona Ludmila, velaí a ten. Esa é Sigrid.
—E o señor que a acompaña? É o marido?
—O marido? Non, é o finado do pai, que lle morreu no sábado e desde entón nin el se separa dela, nin ela del.

E Ludmila entendeu, sen necesidade de máis explicacións, mentres desde atrás unha figura como de ar denso lle botaba a man por riba do ombro e a bicaba na fronte. E sorriu tamén ela contaxiada polos que acababan de sumarse ao grupo.

—Bos días. Como hai tanta animación xa destas horas?
—Bos días, Sigrid, e a compañía. Esta é dona Ludmila, a muller do ti Jonas, que lle estaba a contar o da outra noite.
—Ai, que ilusión! A gana que tiña de coñecela.
—E eu a ti, neniña. E de darche as grazas tamén, polo que xa sabes. Cando queiras, pasas pola mercería da señora Júlia, que che dean unhas medias, das boas, de seda, sen reparar en gastos. Di que vas da miña parte e que mas carguen na conta.
—Ai, se non lle importa, dona Ludmila, case levo das baratas, as que me dean polo mesmo prezo, que total para o que me duran...
—Pois levas das baratas e das boas, para unha ocasión especial.

O vello temperou a carraspeira, impaciente por continuar co relato do que entre uns e outros apenas lle deixaran esbozar os preliminares.

—Que foi, Rei da Lã? Tes cardos na boca xa destas horas? —inquiriu Miss Tollo, que estaba moito máis relaxada despois de botar o cigarro.
—O que teño é falta de tabaco, así que larga un pito, roñosa.

A moza agachou e levantando unha perneira dos vaqueiros quitou o paquete do calcetín e ofreceu, non de moi bo grado, unha rolda á concorrencia. O Rei, vendo que ninguén máis quería, colleu dous.

—Para logo —xustificouse sen que ninguén llo pedise.
—Entón como foi o da Anyeska que non era tal? —preguntou dona Ludmila, xa tamén o seu algo desexosa de saber o que fora do seu Jonas.

E nese momento, do saxo saíu unha melodía suave, como de contornos sinuosos, na que todos recoñeceron o "María" de West Side Story, e a Sigrid detívoselle no rabicho do ollo dereito un brillo que se apresurou a enxugar cun pano que parecía de encaixe, pero era feito de escuma mariña, a cal, como todo o mundo sabe, son as bágoas que verten as sereas polos náufragos sen illas nas que acougar.

quarta-feira, 14 de maio de 2008

De viva voz

Que nazan palabras onde algúns porfían en semear silencios.

segunda-feira, 12 de maio de 2008

Pés sobre pedras















Cando sábado Condado me propuxo acompañalo a gravar non sei o que en Castro Laboreiro, aceptei sen pedir explicacións. Será porque son baixiña e os sitios altos son a única oportunidade que teño de ver o mundo desde outra perspectiva. Chegamos ao mediodía, así que non quedou outra que parar a comer (e beber) coma señoritos nada máis chegarmos á vila. Había algunha foto disto, pero non vos quero facer auga na boca, non paga a pena.
Coa dixestión a rillar no estómago saímos á procura dun lago, do que necesitaba unhas imaxes para unha curta que ten media argallada. Como non convén que nunca nada sexa fácil, que a vida é moi dura, non fomos polo sendeiro que el coñecía, ca!, senón por outro polo que intuía que se tiña que chegar. Paramos á beira da estrada e puxémonos a subir por un camiño empedrado no que un indicador dicía Meadinha. E subindo, fomos seguindo as torres de croios que marcaban o itinerario. Un monte e mais outro e etcétera, o raio do lago que non aparecía. Entón tocou abandonar a senda e gabear entre carqueixas, uces, carrascos, ata que confesei de alto a miña angustia:
-Ouviste, e se parto unha perna, que fas comigo?
-Bótote a rebolos -contestoume.
E eu quedei moito máis tranquila, porque morrer alí de fome e sede non me apetecía nada, pero esfragada ten o seu aquel mítico.
Por fin, e porque non podía ser doutra maneira, que o país non é tan grande, vimos o lago ao lonxe e un camiño algo máis abaixo que conducía a el. Antes de eu abrir a boca, o Condado matizou:
-Desde aquí parece unha poza, pero é grande.
Non é que me convencese moito, pero foramos a iso. Por certo, que aí foi cando me confiei, e levei unha escorregada, que se non me agarro nun toxo coa man esquerda, a estas horas non volo conto. Pero non morreu ninguén.
-A cámara? -preguntou el- Pasoulle algo?
-Ilesa, na mochila, por favor -contestei.
-Pois veña.
Total que tocou baixar, baixar, baixar. E parar de cando en vez a sentir o silencio que non é tal. Ata que chegamos e era tanta paz e tanta beleza, que non collía nas mans nin na mirada. Calcúlolle que unhas dúas horas e media ou tres nos levou a ida. Entre a camiñada e aquel barulliño da auga a correr, a sede era negra, pero as cagadas de bosta que non deixamos de pisar en todo momento, aconsellaban a abstención total. Eu tirei fotos, o outro andou para aquí e acolá coa cámara e fómola virando.
Á volta fomos un anaco por onde viñemos, pero logo xa collemos por outro diferente, que era o seu, e cando nos quixemos dar de conta (probablemente non nos levase nin unha hora), cos xeonllos meus a sufrir polo esforzo continuo da pendente, estabamos na civilización, ao pé dun regato, mudando de golpe dos grises aos verdes.
Naturalmente unha vez no coche, ninguén mudou o sentido da marcha. Tiramos para diante, por unha estrada, como todas, magnífica, estreita, chea de vacas a pastar, de xigantes de tres brazos na néboa, de curvas, de solpor, de verdes que se tinguían de negro...
___________
As fotos prométoas, cando saiba por qué non me saen as que eu quero!

A monte

En canto tire os picos que teño espichados na man esquerda e escolme a memoria dixital e a psíquica, prometo un relato conciso da escapada do domingo.

Namentres poden ir tomar un café e unha bóla de Berlín.

sábado, 10 de maio de 2008

Bestial

O país inzado de mortos e eles celebran o referendo como se nada.
_________________
No fondo consólame saber que a miña capacidade de sorpresa segue viva.

sexta-feira, 9 de maio de 2008

Criação

Estou a pensar em elaborar um desacordo hórrtho-grAphikoh comigo mesma para o aplicarem ou não no resto do mundo.

quinta-feira, 8 de maio de 2008

A vella polaca. Capítulo IX

A pedra dos bancos, as baldosas frías dos portais mal fechados, as soleiras de mínimo aconchego... apenas convidan a prolongar o sono unha vez que o tránsito e os pardellos desatan en estridencias. Así que os asiduos da Cordoaría, uns almorzados, outros ollando cobizosos as pombas, foron xuntándose arredor da estraña parella, a dama e o vagabundo, picados pola curiosidade uns, a ver se quitaban tallada os outros. A primeira en chegar foi Miss Tollo, cuns pantalóns que xa naceran raídos e unha carpeta a protexer o peito nun xesto de colexiala das monxas que non abandonaba —o xesto, a carpeta— para non dar por perdida a identidade. Precedida duns ollos de sorpresa permanente, deu os bos días, correspondendo á lingua perversa do vello cun sorriso tan branco coma o seu candor.

—Almorzaches, rapariga?— preguntoulle dona Ludmila, que xa a coñecía doutras veces e profesáballe un cariño maternal.
—Hoxe almorcei, dona Ludmila, un bo café con leite e torradas, que onte andei a facer enquisas. Mañá quen sabe?
—Pois entón para mañá, que quen sabe. Gárdao e non o gastes en vicios
— e estendeulle un billete, como quen non quere a cousa.
—Nunca. Aquí me ten para o que faga falla. Agradéceselle.

E levantouse a mercar un paquete de rubio do pisco, que era o que máis lle sabía despois do café. Non tardou en aparecer Couselo arrastrando a alma e o saxo, cunha cicatriz no pescozo que provocou na señora Bukovski un arrepío e unha pregunta.

—E iso? Quen foi o canalla que llo fixo?
—Iso —adiantóuselle o vello— foi o Jonas, que estando a durmir, aquí o infeliz deu en tocar o saxo ao carón del. O seu marido díxolle que parase de tocar a gaita, e como este o que toca é o saxo e é un orgulloso, non parou. Total, que
o cabrón colleu a tapa dunha lata de alcriques que ceara e rebandoulle o pescozo. Está vivo de puro milagre, e por dobre motivo, que a Sigrid quíxolle facer un torniquete cunha media de cristal e se non pasan nese momento os sanitarios, desangrado non morre, pero asfixiado fixo.
—A Sigrid? Anda por aquí? Quen é?
—Xa aparecerá, non se apure, que en canto este quita o instrumento báilanlle as mulleres na palma na man.
—E o meu Jonas entón foi para a cadea?
—O que, miña señora? Para a cadea quen? O rapaz portouse coma un home, que non o denunciou, que dixo que se lle fora a man coa merda do abre-fácil. E máis lle valeu, dito sexa de paso, que aquí ratas non queremos. E o Jonas será un cabrón, pero é da casa.
—Pois moitas grazas, mozo. Se algún día precisa dun instrumento novo, non ten máis que dicilo.
—Unha requinta non me viña mal —musitou o Couselo.

E xa a dona Ludmila estaba a botar man á carteira, que sempre lle gustaba levar conqué para imprevistos.

Cabeciña

A universidade de Boston realizou un estudo no que se demostra que o consumo prolongado de ibuprofeno reduce os riscos de padecer alzheimer.

Vou ver se non me esquece mandarlle unha dose de cando en vez.

Do máis fondo

Teño frío,
un frío que xamais sentira,
frío que aterece o miolo dos ósos,
que entala o miolo de dentro do máis fondo,
frío de xeo glacial que o sol nunca ha de lamber,
frío eterno de inverno interminable,
frío de paraíso deshabitado e húmido,
frío do baleiro que deixa un corpo que nunca estivo...

quarta-feira, 7 de maio de 2008

Concurso de traslado de cadáveres

Os das pompas fúnebres están de folga contra a Consellería da Presidencia da Xunta, que quere montar un concurso de traslado de cadáveres. Como será o raio do concurso? Con azafatas a levar a contabilidade e o que sexa capaz de trasladar máis cadáveres en menos tempo leva o premio gordo? Non lle vexo o escándalo ao das autopsias dos cadáveres corruptos nas mesmas instalacións nas que se velan os cadáveres incorruptos. Até o podía emitir en directo algunha televisión en plan coma a vida mesma, total, xa estamos afeitos ás dos ceseís.
Se o sei antes, plántome esta mañá en Santiago para ver a manifa, desde fóra dos coches, claro, que dentro non me quero nin ver, e ademais penso que se fose dentro tampouco me vería nin vería a manifa nin nada e non polos vidros tintados que levan precisamente.

Espero

Maldigo às vezes o dia em que me fizeste reparar em ti. Maldigo cada hora que te penso, cada hora que me perco em ti e não sou nada nem respiro se não é através da tua pele. Maldigo a angústia que me devora. Maldigo o sentir que me faz querer-te sem saber-te, imaginar-te sem ter-te, sonhar-te longe de toda esperança. Maldigo-me. Que me custava abrir os olhos, apagar-te, assinar-te um número sem rosto nem temperatura na lista de contactos? Que me custava baixar a cabeça, caminhar um pé diante do outro, esquecer, não sonhar, não ver, não desejar, desejar-te tanto? Que prazer acho nesta tortura? Qual o prémio que me espera por tanto sofrimento?
Se agora começasse de novo o dia, seguiria a maldizer, seguiria a esperar, como espero agora, tua ainda, tua sempre, assim quieta, à espera da maré, das ondas cálidas do teu corpo a acariciar no meu, das tuas mãos nas minhas, da tua palavra por fim nos meus ouvidos, das túas lágrimas com as minhas do mesmo sal bebidas, e os teus olhos reconhecendo-se nos meus que nos teus se reconhecem.
E maldigo, e espero.

terça-feira, 6 de maio de 2008

Que por maio















Como non podía ser doutra maneira debíase notar que Condado volve ter moto.


Estaba eu escarranchada cun pé para responder a un comentario de Em Bicos de Pés, o outro pé ao pé da ducha a tentar a temperatura da auga (fría), cando soou o teléfono. A resposta ao comentario do post quedou posposta ante a proposta que me fixo Condado, que se iamos a Monção (el dixo a Melgaço, pero quen o coñece enténdeo, porque xa se sabe que nunca di o que quere dicir, defecto do animal) para comprar café. Non houbo máis que falar. En vinte minutos estaba duchada, vestida e comida. E brrrrrmmmm...!
De Monção, despois de tomar e comprar café (para aí trouxen de catro clases coas que vou experimentar: de Timor, do Brasil, Colombia -claro- e de Angola, pero isto queda para outra historia), saímos de fronte cara a Arcos de Valdevez até Paredes de Coura, sempre, polo camiño mellor que nunca é o máis curto: voltas e voltas e reviravoltas, e altos, montañas, e ríos, pontes, tantos, tantas, que aínda traio os ollos lavados de auga e verde e xestas. Desde Paredes fomos ata Covas, onde nos rendemos ante un tinto novo e un prato de presunto e lombo afumado con pan centeo, ao sol do poente sobre o Coura, intoxicados, mágoa, polo fume e o barullo de dous tractores que nos plantaron no fociño ao ralentí e que nin así nos esmagaron a felicidade da escapada dunha tarde de martes con sabor a sábado.

_________________
E fotos aquí?

domingo, 4 de maio de 2008

Avisados estão

Ante os insuportáveis incrementos no preço do gasóleo de aquecimento e do nível de loucura, a gerência de aqui em diante impõe neste blogo as duches de água fria. Meu dito, meu feito.

sábado, 3 de maio de 2008

A vella polaca. Capítulo VIII (ilustrado)















Ludmila Bukovski avanzaba emocionada. Matinara moito antes de tomar aquela decisión pero sabía que non se ía arrepentir. Chegara a hora de cumprir os soños. Sen se decatar ía apertando o paso a medida que se aproximaba á Cordoaría co Tisco aos seus calcañares cada vez máis contente. Aínda que o traxecto era longo prefería camiñar, que xa á volta tería de chamar seguramente polo Pauliño e mais o Arturo para que trouxesen o coche, e para botaren unha man se o outro se puña farruco. Case sen querer, animóuselle a cara ao imaxinalo ao pé do umeiro centenario, con aquela teima que lle dera en dar cabo daquel sobrevivente con doses concentradas de urea. E o Tisco outro que tal, que tamén contribuía, mesmo que hoxe non viñese moi sobrado porque xa descargara no ficus. E nestas case lle escapa unha gargallada.

—Ai, galopín! Vaia parella de tunantes facedes. E mira, non é aquel que está deitado no banco? Pola chaqueta ben parece. Que me dis? Será o Jonas?

Ao sentir o nome do señor, o Tisco puxo as orellas guichas e levantou o fociño, a ventar no ar. Non lle chegou olor ningún coñecido. Mirou para a ama. Parou, ollou arredor. Nada.

—Entón, que foi? Non tes gana de velo? Anda, busca un garabullo que lle leves, xa verás como cho guinda lonxe lonxe.

Se o Tisco fose xente pensaría que a ama desvariaba, pero era can e só facía unha ecuación: non cheiro igual non Jonas. Matemático.

Ludmila era miope. De sempre, case, de tanto contemplar a realidade a través dos vidros deformantes da literatura. Tamén era coqueta. E des que namorara os ollos castaños do portugués cos verdes seus decidira que nunca nada se había de interpor entre as miradas deles. Por iso non usaba lentes, mais ca os de perto, a estas alturas en que a vista cansada e a literatura, claro, llo esixían. Pero nunca para el. Por iso non viu a vella que axexaba detrás da fiestra da funeraria á caza de cadáveres frescos, que son máis fáciles de manexar. E por iso confundiu co seu home o indixente que durmía sobre o banco de pedra. Cando se achegou para lle tocar nun ombro, non puido evitar torcer o fociño: fedíanlle os pés que apoupaban.

—Se só levas tres días fóra, condenado! Que andaches a facer? Pisar uvas?
—Puta que a pariu! Vaite foder! Non me xosques, ho! —espertou sobresaltado o outro, mandando logo baixar todos os santos do ceo e algún pachecopereira ca outro entre dentes, envoltos todos nun alcatreu a tintazo fermentado nauseabundo.
—Ai, perdón. Enganeime. Vai ter que desculpar. Foi pola chaqueta.
—Eu non roubei nada, miña señora, olliño, que ma deu o cabrón do ti Jonas, antes de marchar coa candorca... Arre demo, dona Ludmila, disimule o exabrupto, que non a coñecera. Faga o favor de sentar. Como se estivese na súa casa.

Ao tentar neutralizar os tufos varios pulverizando Ludmila o ambiente cun frasquiño de eau de parfum nº 5 Chanel Paris que traía no birico para un apuro, desatou os espirros lacrimosos do Tisco e mais do vello historiador desaniñado dunha casa rural sen tellado do centro do país —el dicía do universo— e reconvertido en sen-teito urbano, quen tirou do peto da chaqueta un pano negro cun anárquico "A" dunha dubidosa cor branca pintado. Este, tras soar os mocos á conciencia, foille contando o que acontecera dúas noites atrás, cando apareceu pola Cordoaría a abanear o pandeiro un baldreu de nome Anyeska, que se declaraba polaca, aínda que en opinión del arrastraba na pronuncia un innegable acento xermánico, flamengo, talvez holandés, non sabería ben concretar, que lle deu moi mala espiña.

_____________
NOTA DO EDITOR: Un clic na foto para observar a bo tamaño a xanela contigua ao cartel verde non está de máis nin de menos.

Estrea















Á tardiña saímos a bautizar a moto do Condado e atopamos esta sorpresa a secar no porto d'A Guarda xusto cando xa estaban para retiralos: unha cordada de litán, ou como noutras partes lle chaman, zapata ou chapata (Galeus melastomus), un dos meus peixes preferidos, probablemente máis por senrazóns emocionais ca sensoriais. Lá a muller explicounos o proceso do secado deste tiburón anano: téndese ao sol mareiro coma delicada roupa interior de encaixe, recóllese, vólvese meter en auga con sal, téndese, auga con sal, téndese, e cando está ben seco, retíraselle a correúda pel negra cuns alicates, vólvese meter en auga con sal, cócese e régase de allada. E aínda haberá que lle negue elegancia ao peixe seco!

sexta-feira, 2 de maio de 2008

Merda!

Un estudo da revista Which? Computing magazine concluíu que un teclado de ordenador ten máis bacterias ca a tapa dun inodoro. E non me estraña, dada a cantidade de merda que algúns escribimos ao longo do día.

A vella polaca. Capítulo VII

Mentres a señorita Jennifer ou o que fose entraba no almacén a coller a fregona, dona Ludmila despedíase disciplicente do director, quen aínda non daba creto ao revés económico que acaba de esboroar o seu feudo. O Tisco, aliviado e contente, dáballe ao rabo cando por fin saíron de novo á rúa, desta vez, si, esperaba, en dirección por fin ao parque.
Recordaba con saudade os tempos nos que na casa tiñan un fermoso xardín no que pasaba as horas mortas co señor, ambos nun banco, protexidos do barullo exterior por un valado alto, alto. Era o seu paraíso privado. Daquela o señor brincaba con el, facíalle perseguir paxaros aos que nunca daba alcanzado, guindáballe paus, que el por darlle polo idem lle devolvía... era unha maneira de enganar o tempo. Entón aparecía a ama e chamábaos para tomar o té, e o señor miraba para el, chiscáballe un ollo, entraba na casa e volvía saír coa bandexa chea de lambiscadas e aquel líquido quente infame que tanto lles gustaba beber, e a ama víñalle detrás a rir, e o señor ría, e o Tisco, que non ría pero era como se rise, corría detrás deles aos pinchos, dándolle ao rabo, como agora, que por fin ían ao parque.

quinta-feira, 1 de maio de 2008

A vella polaca. Capítulo VI

O teléfono non paraba de soar. Des que decidira gañar un sobresoldo anunciándose nas páxinas de contactos para compensar a miseria que lle pagaban no banco apenas facía outra cousa. Ás veces, non o ía negar, excitábase, pero era un traballo limpo —limpo, digo?, impoluto— e procuraba non se implicar mais do necesario coa clientela.

—Olaaaa...? —atendía, prolongando a vogal nun decrecente interrogante de voz grave e cálida.

Do outro lado a variedade imperaba. Tamén non impuxera condicións, tanto lle tiña peixe como carne, en canto a relación fose meramente oral. O seu nome de guerra era Aser, que satisfacía a todos, pois tan logo evocaba unha víbora de vertixinosos tacóns e escote infinito, un magno xeneral de armas rendido, un sedutor maduro delicado e afable, un tigre bengalí de exotismo voraz.

Fillo bravo dun banqueiro lisboeta, aproveitou a mensualidade xenerosa que este lle ingresaba co fin de evitar un desagradable —en demasiados sentidos— test de ADN para sufragar os estudos de Económicas sen sobresaltos, e rematou a carreira cun expediente académico nada desprezable. Logo, o propio pai encargouse de procurarlle as prácticas pertinentes na sucursal portuense na que despregaba todos os seus encantos para engaiolar nunha tirapuxa deliberada o director, non só porque lle divertía ter aquel lambecús tiránico dominado, senón porque era un chanzo crucial nas referencias que lle procurarían un contrato digno.

—Cago no can de cristo! —abafou tapando por instinto o micro do teléfono cos dedos, mentres trocaba un sorriso lúbrico co don Sexismundo, que xa desposuído de mando mais crédulo convicto do seu papel de xefe e macho, o conminaba a librar o encerado mármore florentino do oprobio.

quarta-feira, 30 de abril de 2008

Penélope

Este fim-de vou-me deixar ficar na casa a tecer e destecer.

Seis palavras

Apenas porque gostei do desafio reencaminhado pela Teté:

O tempo que se mata perde-se?

terça-feira, 29 de abril de 2008

A vella polaca. Capítulo V

Mentres Ludmila Bukovski limpaba sen disimulo a man dereita de imaxinarias babas e suores ―das que presuntamente lla impregnara o mingamona do don Sexismundo― cun pano bordado de seda que deixou caer na papeleira ao pé do mostrador, o Tisco entretíñase en uliscar a maceta do ficus, á procura do mellor ángulo para aliviar a vexiga de toda unha noite de contención. Ocupada como estaba Jennifer, para variar, en atender ao teléfono nun murmurio que non daba para ocultar o ton erótico da conversa, o Eustaquio recibiu a vella polaca con todos os dentes que lle collían na queixada á vista. Na porta, petrificado, don Sexismundo abaneaba a cabeza do mostrador ao ficus, sen sospeitar que naquel preciso instante a súa mellor cliente transfería ao banco dun paraíso fiscal e turístico os fondos da conta que durante décadas figurara ao nome do matrimonio e cuxa potestade o día anterior un xuíz, instado polas autoridades sanitarias competentes e mercé aos oficios dun avogado sen escrúpulos, acababa de conceder á futura viúva. Non satisfeito, o Tisco, en vista de que a operación se prolongaba, decidiu descargar o peso que lle oprimía o ventre, discretamente, encollendo o corpo, nuna actitude de indefensión que naquelas circunstancias sempre o impelía por instinto a ampararse nun curruncho. Á Jennifer o fedor que invadiu de súpeto o local segoulle a inspiración, e ao dirixir ao corpo do delito (ou viceversa) os ollos, cruzáronselle co xesto entre suplicante e imperativo do director, que a instaba a reparar a desfeita ipso facto de fregona na man, en canto o can rañaba na baldosa coas patas traseiras coma quen quere botar terra sobre o asunto.

domingo, 27 de abril de 2008

Empatía, entropía

E naquela aldea situada no medio e medio do universo coñecido, onde as árbores eran tocos secos sen follaxe que amparase da calor insólita do mediodía, o vello abriu a porta, coma un espectro esbrancuxado, atravesou a rúa calmamente e tendeume a man desexándome boa tarde, mentres eu lla apertaba suave, suave e lle correspondía cun sorriso, o primeiro en cen mil anos, que me desconxelaba o frío de dentro a trinta graos centígrados.

A vella polaca. Capítulo IV

Aquela mañá notáraa estraña. Tiña un brillo especial nos ollos que nunca lle vira. Erguérase a cantaruxar e estaba esaxeradamente solícita. Deulle un bico de bos días, meiga, a súa princesa. El sorriu, pero por dentro algo lle dixo que acaba de perdela. Non foi capaz de falar. Esperaba que ela, dun instante a outro lle espetase o puñal no peito, non imaxinaba aínda a lonxitude da lámina, a fondura da ferida que xa nunca estiñaría, sangue do seu sangue. Porque os síntomas eran inequívocos: estaban escritos en calquera manual da materia, e el, que como era lei de vida tamén sucumbira a esa doenza feroz, coñecíaos de cor.
Pero correu a mañá e ela non lle desvelou o seu segredo, acrecentando a angustia que o rillaba con dentes de armiño. El tamén calaba, non procovaba respostas, non adiantaba a morte, sen imaxinar sequera a crueldade que a había de acompañar. E así pasou unha semana. Unha semana de ollar para o reloxo cando ela tardaba, unha semana de ventás de par en par polas que entraba radiante a primavera, sete días, sete noites a sentir medrar o cancro, os celos, e o peor: os remorsos de sentir celos.

Cando no sétimo día entraron as primeiras luces da mañá no dormitorio sen persiana nin cortinas filtradas polas follas da faia, soubo que o mundo estaba para afundir á súa volta.

—Papá —díxolle sen preámbulos, e nunca até entón o magoara aquela palabra, que foi a primeira nos seus labios de meniña e sería a derradeira que lle oiría na voz de muller que se afastaba para sempre.

El levantou a mirada do xornal no que disimulaba a pena, no que lía a súa esquela, perdida entre tantas, tanta xente morre cada día. Non falou, agardaba —aínda ninguén inventara as palabras que disfrazasen a tristura de ledicia.

—Queríache presentar un amigo. Se che parece ben, esta tarde, despois do xantar, virá a tomar café.

E continuou falando, mentres cada son, cada nota que entoaba, eran mil agullas de aceiro que o furaban, millóns de lascas de vidro que se lle tinguían de vermello no peito, nas puntas dos dedos, nas coxas, na lingua, na meniña dos seus ollos que se cegaban, ela sen percibir que falaba cun morto, el ignorando que xa secara, que non lle quedaba unha gota de seiva nas veas.

Dez mil oitenta minutos despois despedíaa, a sacudir no ar un pano que parecía branco e era a súa alma de loito que estremecía en estertores; ela a axitar pola fiestra o ramo que desprendía pétalos de azar, folerpas de neve resplandecentes coma o sorriso que se lle abría ao berrar, "Adeus, papá!". Ao lonxe íase borrando a matrícula de letras brancas sobre fondo negro, negro, negro, mentres se difuminaba o P negro, negro, negro, enmarcado nunha elipse branca, no deportivo vermello que o fulminou na beirarrúa ante a casa virada para o Báltico na que naceran e morreran innumerables xeracións de Bukovskis.

Que che dean, saudade!

Como se fose mañá de verán, almorzo fóra, o mundo non pode ser máis simple, máis á miña medida: a sombra dos arceses xaponeses, os cans á miña volta, o pisco confiado trócame unha migalla de pan por unha cantiga, os veciños seguramente durmirán a bebedeira santificando a festa, de fondo e dentro sóame Vita brevis... Non me doe o pasado, non me urxe o futuro. Son eu, por unha vez na vida, enteira.

sexta-feira, 25 de abril de 2008

A pau

Se vieres —disseram-lhe—, recebemos-te como mereces.

quinta-feira, 24 de abril de 2008

Do que se come se cría

Unha vez máis o refraneiro popular é corroborado polas pescudas que levou a cabo unha institución de prestixio. Un equipo de investigadores das universidades de Exeter e Oxford, en Inglaterra (non, desta non foi na China, e estráñame francamente, como verán unha vez lean cal foi o obxecto de estudo: prepárense para a suba do produto pola alza na demanda) descubriu que unha dieta rica en potasio dá lugar a criaturas de sexo masculino, polo que se recomenda a aquelas nais que desexen dar a luz un home -que sempre fai falla nunha casa e que, ademais, é un home, inda que sexa debaixo da cama- que coman plátanos, non só cada día, senón a cada hora.
E digo eu, se do que se come se cría realmente, ás nais que desexen ter meniñas os científicos lles aconsellarán unha inxestión excepcional de calcio a través de moluscos bivalvos, isto é, tipo, por citar algún exemplo: ameixa -babosa, brava, fina ou xaponesa-, mexillón, berberecha -tamén chamada crica-, ou mesmo a cadelucha de fráxil cuncha? Ou serán máis partidarios de incitalas a fefeñar na deliciosa parrocha, descabezada ou non, con ou sen espiña?

quarta-feira, 23 de abril de 2008

A vella polaca. Capítulo III

Pipipí, pipipí, pipipí, pipipí, pip... o espertador soou un bo anaco. Cando cos ollos fechados e apalpando sobre a mesa de noite o deu apagado -se non fose pola alarma, xamais se erguería á hora-, largou un salaio compracido. Gabábase de dormir dun tirón. El achacábao ás ceas frugais e á conciencia serena e impoluta. En canto ao primeiro, algo de verdade había: deitábase co estómago practicamente baleiro, coa dixestión xa feita, non por unha actitude espartana ante a existencia, como presumía rotundo, senón por roñicas, que era dos non comían por non cagar. O da conciencia, porén, era miraxe: non é que a tivese tranquila, nin limpa; simplemente carecía dela. Até é posible que fose defecto conxénito, pero iso sería evidentemente argumento para outra historia.
A muller ao lado roncaba, impertérrita, talvez demasiado. A un observador alleo á película daríalle a sensación de que era unha treta. E el aceptábao porque tampouco tiña interese en iniciar un intercambio de palabras insubstancial que a estas alturas de matrimonio non conducía a nada. No cuarto de baño procurou facer o menor barullo posible, lavouse pouco e mal. Debruzado sobre a pileta, deu unha pasada polos sobacos e o trangallo, salpicando algo no chan, por se a Jennifer pedía guerra, e poucas as grazas. Espremeu gozoso un carafuncho que lle afeaba o nariz coa cara a dous centímetros do azougue e eliminou os restos coa punta da toalla. Logo engominou o pelo o xusto, sen estragar xel, mollándoo abondo para que non se lle despegase en todo o día. Descolgou do galán o blazer azul de botóns dourados e tras fechar a porta do dormitorio, contemplouse no espello da entrada mentres o vestía polo corredor adiante.
Na cociña colleu o tarro do café instantáneo, quentou auga no micro e fóra, chimpouno dun grolo. Entón si, puxo o abrigo e saíu largándolle tal golpe á porta, que tremeu o misterio. Que espertase agora se quería a pandorca. O que espertou foi o veciño amentándolle os mortos.
Cando chegou á sucursal xa tiña a Jennifer e mais o Eustaquio á espera, entalados de frío. Ao velos, agardou a que ambos a coro o saudasen, como era o costume ditado polas xerarquías. Antes de franquearlles o paso e disimulando por detrás do subordinado chiscoulle o ollo á bolseira. Ela correspondeulle semiocultando cos dedos os dentes branquísimos e cun falso rubor que sabía que o puña a cen por hora.
Cada mañá era igual. Entraba no despacho, conectaba o ordenador, lía o correo electrónico, revisaba na prensa local as esquelas e chamaba á central por se houbera algunha incidencia. Despois fechaba a porta, como se gardase alí algo importante que non debían ver ollos profanos, e acenando á moza co dedo índice da man dereita a apuntar ao teito, dicía:
—Tst! Saio un segundo a almorzar, señorita Jennifer. Se preguntan por min, que estou reunido.
—Vaia tranquilo, don Sexismundo —respondía ela invariablemente. E rebentáballe na cara o globo do chicle.
Xusto cando se dirixía á porta, viuna vir ao lonxe. O corpo encolléuselle instintivamente. Toda aquela fachenda que gastaba ante os empregados véuselle abaixo sen metáforas. Correu a abrir, cos pés e a dignidade a rastro.
Tras o vidro blindado, o Eustaquio torcía o fociño chascando a lingua, ao tentar extraer de entre os dentes unha migalla de galleta que lle estorbaba. A Jennifer, que tamén reparara en dona Ludmila, debatíase entre permanecer no posto ou ir retirar dun salto o ficus. A indecisión perdeuna.

terça-feira, 22 de abril de 2008

Vocabulario imprescindible



















Para ilustración da chusma e por xentileza da asociación das xentes da mala vida e a boa bebida "O Copo sen Fundo" da Aldea das Carrouchas, parroquia de Pombalnoseixo.

segunda-feira, 21 de abril de 2008

A vella polaca. Capítulo II

A historia que co título xenérico de A vella polaca aparece neste blog é a cara auténtica dos relatos apócrifos que van aparecendo no A Guerra Aberta atribuídos a un tal ti Jonas, un ancián tresloucado que perdeu a memoria ao mesmo tempo ca os dentes. Todos os personaxes existen ou existiron, dun xeito ou doutro, e os feitos que nela se narran son realidade pura e dura. E agora, a ver quen é o bonito de cara que me leva a preito!

Estaba feliz aquela mañá. Creo que xa alguén o dixera antes. Un día espléndido presentía. O almorzo fora bo: sobras de había uns días que lle achantara a cociñeira -que bela muller!-, co seu puntiño balorento. A ver se non esfurricaba, que esa outra, que se lle criara o estómago delicado de tanto alimentalo a base de croios insulsos. E agora o paseo, buah! Pódese pedir algo máis no mundo? En canto a viu cos zapatos de taco alto e o abrigo de entretempo, choutou de ledicia. E ademais, a mirada dela non o enganaba, como absorta, os movementos mecánicos, gardaba o móbil e as chaves no birico. Era rúa, rúa, rúa! E até pode ser que se achegasen ao parque. Dáballe no nariz que si, hoxe caía, que o señor levaba días sen aparecer, e isso era visita mallada ao parque. Praia esperaba que non, que o mar, ás veces, cando se puña bravo, ó caralliño, impuña un respecto. E logo as condenadas das areas, que se lle metían nos ollos, nas orellas... Sempre acababa pedindo colo. Unha poza de lama era outra cousa. Pero non tiña pinta de querer chover. Que? Saímos ou non?
Á volta da esquina deulle a refolada nas ventas. Gloria bendita! Como lle gustaría quedar a vivir alí. Púñanlle envexa aqueles gatos sempre ás voltas dos caixóns do lixo. Quen lle dera a el esa vida... Non tiña queixa, ollo, que non era ingrato, que a cañeira del non era para menosprezar -aínda que non lle chistaba aquela teima en mudarlle tanto a manta, con aquel fedor á química que lle provocaba espirros seguido- e a xanta non lle faltaba. Pero, home, aínda había de imitar o señor, desparecer un par de días e facerlle as beiras a unha cadela que lle enchía o ollo, alí da veciñanza, que xa até lle esquecera o último canivete que botara, con aquela do pedigrí, que se empeñou a ama e tivo que cumprir polo que dirán. E logo como os gatos sempre rebentan as sacas (que á criada a leva o demo cando ve a ciscallada e bota pestes deles unha semana), ben podía lamber unha espiña e ir tirando. E que o viñeran buscar, coma ao señor, veña bicos e garatuxas, anda, Tisco, choucho, para a casa, ai criatura, meu carrapucheiriño. Que pasa? Non ten un dereito?
Ah, non, de parque nada. Vaia. Ían á de don Sexismundo. Que loamiñeiro o fulano, sempre coa cabeza a rente do chan, que debe de ter a columna feita un sete. E mesmo así, o outro día case o esmaga, que se non lle bota a boca á canela, a estas horas xa se vía disecado enriba do televisor, coa raposa; ou ao pescozo coma o furón que leva no inverno a ama de paseo, que lle chama a estola de visón, como se non se distinguise un becho do outro. Alá o viña a abrir a porta, nin que levase un foguete no cu. Non debe de saber que se abre soa, que non ten el entrado alí veces: tócase no timbre e ábrese, coma a da casa, aos domingos, cando non está o Arturo, e abre desde o faiado o panxemicas do Pauliño. A ver se acababan logo, que non entendía o que lle vían a ese sitio... fóra do ficus aquel. Mira, foi pensalo e apertoulle a gana.

Contido o alento

Acabei de ler o LIBRO e leríao mil veces máis, ata esgotar a vida só por aprehender cada palabra que aconchega, no lugar preciso en que foi pousada, pousada ela, pousada en cada unha o meu alento contido. Será largo abondo o mundo para eu gritar o seu nome sen que se produza unha catástrofe que abra as augas do Miño?

Ás dúas da tarde, á chuvia

Ás dúas da tarde,
o ceo tóldase de golpe,
e as pingas que caen
furan de tan finas,
de tan de inverno despistado.
El non se inmuta,
quizá non lle camiñe o mundo arredor,
quizá é especie apenas,
xa non máis individuo que protesta,
só covarde que renuncia, que desiste.
A pedra estará fría,
ou non,
inmóbil, campa inversa,
para quen non sente.
Tampouco conta o mediodía:
é todo tebras,
ausencia sen saudade.
Quen sabe?
Á chuvia
talvez a pel perciba o latexo interior,
a identidade, aínda.

domingo, 20 de abril de 2008

E a terceira rosa?

Un reloxo gravado e unha declaración de amor eterno. Un vello romanés esperta angustiado. Atormentado pola sensación de duplo fracaso ao verse incapaz de rematar a obra da súa vida que o privou do amor, regresa ao seu país para suicidarse. É noiteboa en Bucarest e chove. Un lóstrego fende o vello que camiña cun sobre azul contra o peito. Ao seu redor o coro sentencia que vai dereito ao ceo quen morre fulminado. Pero quizá non morreu e pouco e pouco recupera forzas e xuventude. A foto da namorada que o abandonou devólvelle á memoria a calor, os olores dunha tarde en Tívoli, e mentres se desdobra, obsesiónase de novo en completar a súa obra, en completar a relación amorosa, remontándose ata a orixe das linguas a través da Laura reencarnada, só para constatar unha vez máis o fracaso, a perda inevitable, e a imposibilidade de distinguir soño e realidade, de saber se é rei ou bolboreta, coma no conto do mestre Chuang-Tze. De onde vimos, que somos, cara a onde imos? Iso.

A vella polaca. Capítulo I

Conto por entregas (para que non se lle acumule o choio ao persoal), escrito en compás de dúas e mais dúas mans.

A señora Bukovski saíu cedo aquela mañá. Estaba preocupada. Non debería, era sempre igual, pero non podía evitar o desasosego. Tres días pasaran xa, coas súas noites, e as temperaturas baixaran moito. Sacudiu a cabeza lixeiramente e mirou para Tisco, o Yorkshire anano, que camiñaba feliz ao seu lado.
—Primeiro imos ao banco —díxolle— e despois damos unha volta, a ver se o atopamos.
Ao can pareceulle ben.
A sucursal non quedaba lonxe. Era na mesma rúa, pouco máis adiante. Nin lle fixo falta chamar no timbre, que xa o director a viu desde dentro e acudiu, desfeito en reverencias, a abrirlla.
—Lambecricas —fungou ela, sorprendida de ouvirse pronunciar aquela palabra que pouco canxaba coa distinción que emanaba o seu aspecto. E sorriu.
Eran moitos anos no país xa, des que aos vinte e tantos, durante unha excursión a Polonia a namorara aquel portugués falangueiro, podre de cartos e bastante máis vello ca ela, malia o seu empeño en parecer un mozo. Casou aos seis meses, tras lidar contra a desconfianza do pai, e nunca se arrepentiu, pois que a tratara coma unha raíña até que deu en desvariar, coitado. Non obstante, na memoria das súas raíces non renunciara ao apelido e el, retranqueiro, sempre a chamara “a vella polaca”, mentres ela lle correspondía cun riseiro “meu rapaz”.
(Continuará...)

sexta-feira, 18 de abril de 2008

Antes que sexa tarde

Polo de agora non teño nada que dicir, pero se dispondes de oito minutos, paga a pena ver isto.

Grazas, Manel Vázquez!

quinta-feira, 17 de abril de 2008

Ana

Fun a QuilometroCero para testemuñar a entrega á miña irmá e ao presunto da concesión por un período mínimo de dezaoito anos prorrogables dun modelo básico de última xeración cos gastos de actualizacións diarias non incluídos no paquete e sen manual de instrucións por tratarse dun trebello de reaccións imprevisibles, que debe ser manexado de modo intuitivo e racional. Tras unha revisión exhaustiva por parte de técnicos especializados de confianza, os encargados do mantemento e custodia recibiron, xunto cun cheque por valor de 2500 €, o certificado que acredita o perfecto estado de todos os elementos de serie que o integran.
Aproveitade a vela ao natural, que de aquí a nada empezan a pórlle extras e a tuneala.

segunda-feira, 14 de abril de 2008

Ciclos

Chegou da savana africana a Fontiala a primeira poupa do ano. Ela sim delata a primavera com o seu canto. De aqui a nada formará com a parelha ondas idénticas no ar.

Última hora: Às 21:00 constato que o cuco também já cá está.

sábado, 12 de abril de 2008

Mais uma

Esta noite estava com cardos na boca e acabou por me sair o alentejano até pelas orelhas.

Tarde de máis

Sentou no bordo da pesqueira vella coas pernas colgando cara á auga. Contemplaba o río, liso como un prato, brillante. No medio, un pescador recollía o trasmallo. Había unha lixeira bruma que procedía da foz. Recendía á marusía. Estaba cansa, inmensamente. Nin sequera tiña gana de chorar. Saltou unha taíña. Deixou a ollada fixa na auga, agardando que volvese saltar. Dúas, tres. Logo desapareceu. Na superficie só quedaron tres círculos que se ían disolvendo. Sentíase un motor ao lonxe. Á esquerda un melro entretíñase en petiscar entre as follas secas, mentres un ferreiriño bacachís entoaba aquel seu canto metálico. Oíu o grallar intermitente da garza, pero non levantou a vista ao ceo para a procurar. Outra respondía distante.
Tiña a mochila a un lado, fechada. Rozouna cunha man para sentila, percorrendo a cremalleira cun dedo, pero non a abriu. O ruído do motor íase aproximando. Un carocho capado con dous pescadores de retirada remontaba o río. O ronsel que deixou esvaía en ondas de escuma contra a pesqueira. Non apartou os pés e entroulles auga, enchoupándollos. Porén, non sentiu frío, a auga estaba morna.
Volveu agarimar a mochila. Bruscamente abriu a cremalleira e extraeu unha botella. Ao sacala tintinou contra outra que había dentro. Reserva do 91. Buscou a navalla nun bulso lateral. Primeiro, coa coitela pequena, recortou a boca do chumbo. Gardou os restos na mochila. Despois, introduciu a punta do sacarrollas, xirándoo amodo. Nunca lle gustaran ese tipo de aparellos, pero este, había que recoñecelo, era bo. Suxeitou a botella entre as pernas e tirou forte. A rolla saíu cantando e o aroma do viño alagoulle o nariz. Posou a botella na pedra, ao seu lado, para buscar o frasco branco noutro dos bulsos laterais. Por un momento resistíuselle a tapa, que era de seguridade. Recorde, aperte cara abaixo e xire. De súpeto viñéronlle arcadas. Tiña o estómago baleiro. Enchéronselle os ollos de lágrimas. Secounas coa manga –non lle acordara coller uns panos de papel.

Sentiu as sirenas. Ouvía barullo arredor. Todo o mundo gritaba. Notábase mollada por dentro e por fóra. Pero xa non estaba mareada. Un can chapuzaba na auga, uliscaba pola area. E alguén axotábao cunha galla. Aínda que a Garda Civil acordoara a zona, distinguía algúns veciños ao fondo. Entón viuno. Tíñao diante, agachado, coa cámara contra a cara, por iso non o recoñecera, pero cando a apartou, Para que me estás a tirar fotos? Quita, decatouse de que era el. Brillábanlle os ollos. Por que choras?, preguntoulle. Non respondía. Viu como lle esvaraban as bágoas pola cara. Un compañeiro achegóuselle estrañado. Nin que fose a primeira vez. Ou coñecíala? Por que choras?, porfiaba ela, Que tes? Nunca o tivera tan perto, sentíalle o cheiro ao tabaco do xersei verde, pero por máis que intentaba tocalo, non o alcanzaba, non lle respondían os brazos. Que tes? El, sen contestar, fixo un xesto coa man aos dous sanitarios, que se achegaron cunha saca negra. Logo deulle as costas. Non marches!, berrou ela, Axúdame a erguerme. De pronto todo virou negro. As voces persistían, pero non vía nada. Notou como a alzaban e a colocaban nunha padiola. Sentiu un salouco contido e uns dedos suaves que acariciaban a saca por fóra. Ouviu o seu nome nun murmurio. Era o inferno.

sexta-feira, 11 de abril de 2008

Sangue

Machucada e feliz da clase de patinaxe enfiei dereita ao cinema para ver o que se sei como era non me perdoaría non ver. Cativoume os sentidos desde o primeiro instante, coma prendéndoos da tensión dunha corda sempre a punto de rachar. E mentres na pantalla a procura do ouro depara petróleo, desde a butaca vou procurando o sangue do título orixinal nos fondos pozos da ambigüidade para encontralo non no sentido físico do humor vermello que percorre veas e arterias, senón no metafórico que a ciencia cifra agora no ADN. E se houbo sangue, que ao final houbo, foi porque o outro, a familia, a liñaxe, ese sangue, nunca existiu, foi sempre unha falacia á comenencia de cadaquén.
Eu, que non son nada partidiaria de longas longametraxes, porque sempre me sobran escenas, esta noite deixeime engaiolar a cada minuto sen chiscar os ollos nin os ouvidos.

quinta-feira, 10 de abril de 2008

Papaventos, papagaios

1978, Kabul. Unha historia de cores contra o ceo, risas de pequenos e grandes, ar e terra unidos por fráxiles fíos que se cortan, aves cativas que só se liberan cando perden, que só son ceibes mentres permanecen amarradas, que son presa cando tocan no chan. Ai, se seguise por aí o resto do conto, tan cru, tan cruel, despois, tan de final feliz e de soño americano en California, 2000.

terça-feira, 8 de abril de 2008

Negro, cores, gris

De volta á cidade que non era Venecia procurei unha cama estreita na que non sentir tan enorme a soidade. Vaguei á beira dos canais collida da man das tebras, estreeime nun cíber cunha carta que non foi o que debía ser, ceei simulando á miña fronte a compaña que non tiña e dei cos ósos no cine, na sesión golfa, a ver o único de entre o que non vira xa e o que nin ver pensaba que o horario me deixou escoller, tan só polo aquel de adiar o momento de fechar os ollos, ou quizá para estricar as horas da saudade. Deille as boas noites á burra, que rosmou polo baixo o abandono en que a deixaba ao pé dunha igrexa, e pedín a chave ao recepcionista nocturno, que ma entregou sen preguntar polo número do cuarto. Fundido a negro.
O primeiro que fixen á mañá seguinte foi atender á encarga dos ovos moles. Logo parei na estación do ferrocarril, a compartir uns minutos a maxia dos destinos, o pasado e o futuro que se cruzan sen tocarse e o cheiro asemade acre e evocador. Alí decidín que só o mar me podía redimir de tanta morriña e tirei para a costa, a contemplar as cores ao sol, entre mariscadores e pescadores, entre casas pintadas a riscos, entre guiris coma min que almorzaban na calidez das terrazas, entre o peixe que refulxía no mercado recendendo ao sal aínda, os campos de amorodos, os ciclistas, os paseantes, os que corren cara a ningures, só por ir, coma min. Ata que houbo que pensar no regreso e o aire de súpeto se tornou gris.

Aniversario

Hoxe fanse vinte anos des que comecei a pagar impostos na Aldea das Carrouchas. Pensaba dar unha festa pero onte á noite acabei coas existencias da adega, de modo que vai haber que agardar mínimo outros vinte para celebralo, a ver se de aquí alá vou xuntando material.
Por favor, afórrenme o tango, que vinte anos dan para moito de todo.

Era aqui


Para aqueles que não perceberam onde é que era, para os que si perceberam e, naturalmente, para o Capitão Merda, o Rei da Lá e o Violeto (por estrita ordem alfabética).

segunda-feira, 7 de abril de 2008

Molicie

A primeira parada foi inevitable, no Areinho, baixo o sol que me derretía os miolos e era só sentir, o café do mediodía, o David Gray a convidarme a navegar, as zancadas lánguidas dunha garza branca e os pasos torpes dun parrulo despistado pola lama. Foron despois as dunas, tanta, tanta area e sal, tanto azul á miña volta. E o regreso antes de coller a ponte de Murtosa, acelerando e berrando como quen conquista o oeste, calquera oeste, antes de enfrontar uma paisaxe triste e cha difuminada pola calima ata Estarreja. Cando entrei na cidade, xa tiña unha parella de anciáns que agardaba pacientemente nun parque para que calquera -coma quen di, eu- lles preguntase onde xantar as anguías que me estaban destinadas. Á sobremesa as augas mortas escorrentáronme e enfiei cara a onda a Cabra, por unha estrada (Vagos, Calvão, Mira, Quiaos...) na que o orzamento só daba para sinais de "Atenção: pavimento em mau estado", como se non se notase. Pero por causa dos remorsos dunha encarga de ovos moles e o cheiro ao tinto que turraba de min para o monte coma da devandita, acabei de conversa absurda cun xordo na capital doutra república ao que confundín cun faraón que non era o can do Fausto.
Continuará...

Existe!

Ítaca

A mañá estaba inmensa, infinita coma unha aperta, larga coma o océano, e o sol á altura de Âncora xa me quecía as mans, como se o mundo enteiro fose sur. Cando atravesei o Douro, por primeira vez na moto, acordoume aqueloutra tan desexada que cabalguei tremente na burra vella -andará a pastar agora os gomos novos das viñas rioxanas?- no ano do milagre. Saín da autovía e deixeime ir a cincuenta, velocidade máxima permitida, para prolongar a distancia, coma quen fai o amor co horizonte.

domingo, 6 de abril de 2008

Outra vez as chaves

Xa de regreso, na última parada, no último café que aínda é bica, procuro as chaves da casa coa intención de metelas no bulso da cazadora para telas á man ao chegar. Non as encontro onde deberían estar. Desacóugome, pero no que resta de viaxe, coa cabeza ocupada en guiar, non matino máis. Paro na do Condado a deixarlle un ovos moles, ben cocidos dun día enteiro na maleta esquerda (avisado estaba, pero ameazoume con non me atender máis os cans se non llos traía) e a pedir copia das miñas chaves. Entro, baleiro as maletas, poño a mochila boca abaixo, nin rastro das chaves. Escribo unha carta. Cismo. E rebobino. Cando saín, levaba as chaves na man. Para que non me estorbasen mentres gardaba as bolsas dentro das maletas, pouseinas nalgún lugar. Alí as estaban: dous días as chaves tiradas no camiño, onde cargara a moto, practicamente á porta.
É o que ten vivir na aldea.

terça-feira, 1 de abril de 2008

Xexún

Uns científicos (sic) da Universidade do Sur de California (estado ben coñecido polo muito que bate o sol nas cabezas) elaboraron un método baseado no xexún para curar o cancro. Vergalludo. Todos son vantaxes.
Porque a ver, punto primeiro: eu cando estaba coa quimio comía a dios, e o carallo é que non me aproveitaba nada, co cal, as guichiñas que repartían a xanta, veña a traerme dobre de sobremesa, que se unha de puré e outra de sopa, e galletas pola calada, e aquilo era un chuzarlle que ao final ía todo para o váter, cunha pouca de sorte e se non me enguedellaba co goteiro e montabamos o cisco a medio camiño, pero ese detalle tampouco non vén ao caso. A cuestión é que aquilo era un gasto improdutivo á conta do erario público, non só en comida, senón na man de obra tamén, así na cociña, como no reparto, como á hora de limpar a potada.
Punto dous: aforrando en comer, afórrase en limpeza de váteres, e aquí creo que non cómpre entrar en fonduras. Se alguén quere satisfacer a curiosidade, logo desentrípollo na rebotica polo miúdo.
Punto tres, (que como manda o refrán, se non o hai, hai que inventalo): dado que desde o punto de vista do envellecemento a restrición calórica favorece a conservación das células (velaí o caso das uvas pasas ou da chacina, sen ir máis lonxe; ou indo lonxe lonxe, a dos faraóns...), pois estas en vez de dedicarse, ala...!, a reproducirse como se fose acabar o mundo, utilizan a enerxía en protexerse da quimioterapia, co cal diminúen os efectos secundarios, consecuentemente tamén o consumo de herba luísa e xa non digamos doutros medicamentos de última xeración para contrarrestalos, que lles doen ós inspectores de farmacia como se llelo quitasen do peto.

E por último, está o obxectivo esencial do experimento, non nos enganemos, que é ir liquidando listas de espera por inanición, aínda que logo os catas asubíen para o ceo e digan: "Ai, pois cos ratos funcionou de putamadre". Porque, claro, quen nos garante que mentres está o da probeta na casa a dormir tan pancho, non vén a señora da limpeza (que só se diferencia do outro na cor da bata), para iso lle pagan, quita os ratos mortos e pon outros vivos no sitio? Eh? E a ver quen é o fino que distingue eses infelices que utilizan nos ensaios, que son todos idénticos.

Agora que tampouco pensen que descubrían a pólvora aí os americanos, que xa o viviu en primeira persoa o xitano dono do célebre burro, que xusto cando o deu acostumado a non comer, foi e morreulle.

Por un fío!

Dúas horas desconectada do mundo por problemas técnicos: sen teléfono, sen rede! E aínda queren que faga de funambulista?