
Para Couselo, que non entende a poesía
—quérese dicir, que non entende que a poesía
cadaquén a entende como lle peta—,
que despois non me veña dicindo
que teño unha prosa...
A ver, vou relatar entón os feitos tal como aconteceron, non como quixen imaxinar que foran. E foi que véndome na obriga voluntaria de ter que acudir ao centro de saúde co fin de que o meu médico de cabeceira me estendese unhas receitas, solicitei vía internet cita no devandito centro para venres, 23 de xaneiro do ano en curso, ás 13.25 horas (HE).
E é que descubrín (era sen tempo!) que me sae máis á conta pedir cita á última hora da mañá porque hai (misterios da vida) menos atrasos do que á primeira. Non me pregunten a razón, pero teño unha teoría irrefutable. A saber:
A xente que madruga máis tende a morrer menos, co cal á primeira hora non falta ningún paciente, pero como non acaban de morrer nunca e fican aí nun vou-non-vou, xúntanselles os achaques e o médico ten que lles dedicar máis tempo. Así, desde o primeiro paciente, prodúcense desfases entra a hora da cita concedida e a hora en que o usuario do sistema da sanidade pública accede ao servizo. En consecuencia, un pode pensar que a última hora da mañá a acumulación de atrasos ía ser considerable, eh, lerchas? Pois non! Ao contrario! E por que? Pois sigan lendo.
Está demostradísimo —hai sisudos
estudos científicos que o confirman— que os que dormen máis, viven menos —en todos os sentidos—, e entre estes hai, coma mínimo, dous subgrupos:
a) Uns son uns lacazáns de moito pendello, quédalles o maio pegado ao cu e as lagañas aos ollos, chegan tarde á cita, e coas consecuencias directas que sobre a saúde ten a falta de atención sanitaria, non tardan en ir para as patacas.
b) Outros déitanse tarde, non por quedar a rezar, senón porque dedican as noites ao vicio e á libertinaxe, que de sempre foi cousa malísima para a saúde, disque, e destes algúns nin sequera regresan á casa polo seu pé, antes baten a bota no acto en casas de lenocinio, abertos en canal en liortas tabernarias, ou terminan cos miolos ciscados no asfalto.
Da maneira que for, os desaparecidos deixan ocos libres na lista, co cal ao longo da mañá no só os atrasos diminúen, senón que se adiantan as citas.
Ao que ía. Velaquí que cheguei puntualmente á hora, e tras dar os bos días, un xubileta, con moita sorna e dándolle ao outro co cóbado, preguntoume:
—Es a Miou?
—Sun Iou —respondín.
Con certeza, o riso solermeiro que asomaba aos seus labios non se debía ao meu apelido Falso, senón ao Verdadeiro. Ante a miña resposta afirmativa, puxo cara de contrición e continuou dando o recado:
—Pois xa te chamaron tres veces.
—Non morreu ninguén —arrepentinme logo, porque tres, mínimo, deberan coller camiño da cova.
Total que quitei o libro da mochila e púxenme a ler. Os xubiletas marcharon coa señora que saíu da consulta e entrou un mozo. Quedei soa e tan gusto. Nestas chegou un cata, saudou, respondín mecanicamente, que a vida do finado Deoquinha estaba moi interesante, e vin polo rabicho do ollo que sentaba ao meu lado, deixando un asento libre de separación, como se non houbese máis mundo. Pensei, este é dos que quere leria, pois vai dado. E mergullei no texto.
De pronto, levantei a cabeza, mirei para o reloxo da sala —pasaran vinte minutos— e o corazón case me sae do sitio cando vin a porta da consulta aberta. En mala hora, pregunteille ao veciño:
—Oi, o médico non me chamou, ou?
Era o que estaba esperando. Alá desatou a esfolar os médicos polos atrasos. E acabou contándome a súa vida, moito menos interesante sen dúbida que a do finado Deoquinha, que na gloria estea, e moitísimo menos seguramente tamén ca a da viúva, a Benedita, que non era nada o que parecía, polo visto, e tamén estaba na gloria.
Que me pasei co título? Claro! Pero se non a ver de que ían vostedes tragar este ladrillo ata o final. E ademais, non é a vida a antesala da morte?