Mostrar mensagens com a etiqueta cinema. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta cinema. Mostrar todas as mensagens

domingo, 20 de fevereiro de 2011

Pas de quatre

O corpo da espectadora estremécese, ou antes... arrepíase todo na butaca. As imaxes son brutais. É violencia viva o que desde a pantalla se suxire, pesadelos, a crueldade dun cacho de espello roto cravado, encravado, no estómago, a mancha de sangue que devagar abrolla e revela a autodestrución. Non, non é o escenario un cuadrilátero sórdido onde os golpes mazan a cabeza, un, e o corpo, dous, a cabeza, un, e o corpo, dous, un-dous, un-dous, un-dous, un-dous... (un, dous, tres... dez, e o árbitro baixa o brazo), até o ko, o perdedor estendido no chan, a derrota, a humillación que sangra pola boca, a cella sempre partida, o nariz, outrosí, esmagado, o bazo que estoupa, o modelado, mazado torso descuberto e o cheiro ao suor, as manchas de suor na roupa, os puños do campión en alto, o público que vocifera, que xesticula, que insulta, que aclama, a estética cutre do ximnasio e do ambiente familiar, o fondo lúgubre dos rostros destruídos, os tópicos todos que rodean o boxeo, a delincuencia, a droga, o cárcere, a síndrome de abstinencia expresada en destellos, un home que pelexa contra si mesmo, luces e sombras sobre o catre dunha cela, a familia unida e o amor sobre todas as coisas..., os abrazos, os abrazos, a superación que vence a través do esforzo e o sufrimento. Non, o escenario é o palco dun teatro magnífico, pano de veludo, madeira nobre, cándidas criaturas delgadas que se desprazan leves nas puntas dos pés, odio e ambición nos corredores, tules, plumas, saltos harmónicos no ar, sincronía no pas de quatre, a estética límpida e sublime das artes, músculos que se estrican, osos que estalan, dor, sufrimento, o rancor das miradas de esguello, a princesiña destronada estendida no chan, tibias e peronés que escachan baixo as rodas dun automóbil, a elegancia no vestíbulo, abrigos de pel, vestidos de fantasía, a sobriedade do smoking, no-smoking, o brillo turbio das xoias e o carmín nos labios, o perfume, os perfumes, o rumor do diñeiro co que se vende a gloria e se compra a vangloria, as lámpadas penduradas de altísimos teitos, unha muller que loita contra si mesma, as ás negras que se espanden, o monstro negro que devora, a loucura, a violencia de quen procura a perfección, a violencia dun brinde pola beleza, pola beleza, pola beleza, un-deux, un-deux, un-deux, un-deux, o combate á morte entre bastidores e nas alucinacións da mente distorsionada, o estrondo contido do público que aplaude en pé, comodamente alleo ao significado real da perfección.

domingo, 23 de janeiro de 2011

O alén no aquén

Cóntasenos unha historia con tres protagonistas cuxas vidas se cruzan nunha feira do libro.

A primeira é unha parisiense como os barquillos, bonita e rica, de vacacións nun hotel de luxo de coma quen di a Indonesia ou para esas partes, que se ergue da cama en que supostamente cohabitou co amante e se viste simple e monísima, a porcona, xa non sen dar unha ducha senón sen sequera lavar... os ollos con dous dedos. Só que axiña, en cuestión duns longuísimos segundos, se comprende a falta de hixiene: había ser moita auga para un só día. E no silencio da sala dous, os espectadores engolen cuspe coma quen fecha a boca en banda à forza da onda xigantesca, nin un disimulado triscar de pipocas ou sorbo de coca-cola que quebre o feitizo brutal da escena.

O segundo échevos un sanfranciscano de toda a vida que tenta fuxir dos poderes sobrenaturais que adquiriu de neno, tras estar cun pé aquí e outro alá por causa dun raio dunha encefalomielite. Os tales poderes permítenlle establecer contacto cos que morreron, polo que podía estar podre de cartos choiando de médium, pero el prefire durmir tranquilo arrolado nas audio-novelas de Dickens e gañar o pan con queixo dando paseos nunha carretilla elevadora por unha refinería de azucre. Até que un día, cousas da restruturación laboral, o poñen no ollo da rúa por non ter can que lle ladre, isto é, muller e prole que manter.

O terceiro é un raparigo de ascendencia irlandesa que vive en Londres, fillo de nai solteira amantísima (unha heroinómana que tamén anda algo metida no briol, á que unha parella dos Servizos Sociais acosa implacable para retirarlle a custodia), calado e serio, un punto túzaro, que asiste á retransmisión vía móbil da morte por atropelo do seu irmán xemelgo ou, o que é o mesmo, dunha parte fundamental de si. A busca teimosa dun elo co finado do seu outro eu acabará por desencadear unha conexión case eléctrica, faíscas e sacudida incluídas, entre vivos. E malia o final, que é deses previsibles e felices que tanto detesto, a película déixase ver ben a gusto.

sábado, 15 de janeiro de 2011

A paixão de amar

"Eu já não temo a morte. Sou um homem livre".
Irmão Luc em Dos homens e os deuses. 

Pedira um pingo ao balcão no café do hotel. Gosto de entrar ali. Tão asséptica a sala. Tanta luz. Quase ninguém ou ninguém. Ler qualquer coisa na espera. Se calhar até foi de aí que veio a boa disposição, do café, da espera, da luz. Sabia, aliás, que iria gostar do filme. O espírito. O canto-chão e a polifonia: sob um céu variável a estupidez assassina e o amor infindo a um não-ser que é todos os seres. Eu já pensei alguma vez, desta altura, que marchar era morrer, quando se habita na vida, mesmo que sejam de barbárie os sinais, tenebrosos, irracionais como o homem às vezes é mesmo no nome duma promessa talvez improvável. A insónia povoa a noite se o medo se instalou nas paredes internas do corpo e as rói, se a gente se fez rama para os pássaros pequeninos, cedro firme e sólido que aspira às alturas com as raízes em terra. Mas aprende-se a conjurar com a oração e o calor dum abraço colectivo o estrondo da águia impiedosa que paira e ameaça e defende o seu espaço próprio de terror... E na chuva, na paisagem, reconhece-se o caminho que se escolheu. Há uma derradeira ceia em que se partilha um vinho enquanto um cisne morre, o mais belo canto da paixão de amar, e transforma o sorriso em lágrimas. 

Está no fim a neve, essa frialdade dos corações, essa beleza de postal em que se traça a esteira das mortes inúteis.

segunda-feira, 13 de dezembro de 2010

As marcas no rostro

Digo que na historia a violencia, a visual e a oculta, é brutal desde o primeiro instante, e por iso, tal como afirmei onte á noite, camiño do coche, pola húmida beira do río Miñor, esta mañá, que xa durmín desacougada por pesadelos de colleita propia, non entra nos meus cálculos repetir sesión. Digo, con todo, que é unha película imprescindible na memoria de calquera amante do cine. A interpretación extraordinaria do rapaz protagonista, o proceso de transformación interior que asoma ao seu rostro, merece, ao meu xuízo hoxe aínda estremecido, o bater de asas en aplauso de centos de paxaros liberados.

segunda-feira, 14 de junho de 2010

Alecrim e angustura

Não é estômago para todos, avisei, não me venham reclamar, que cá não tem livro disso nem entra a ASAE. E não vou despedaçar por mais que peçam, vou menos é desvelar para os vossos olhos o véu que esses, se fossem curiosos, deveriam por si e por vocês levantar e, mergulhando, (de)gustar: a ascensão às profundezas da aprendizagem para a subsistência e mantimento ou a metamorfose de Raimundo Nonato em Nonato Canivete.

Direi, sim, para vos escancarar ou estrangular os apetites, que tem muitos sabores dentro, muitas texturas e até cheiros sugeridos que não descuidam a imaginação: tem peixe, tem carne crua ou assada, galinha, tem arroz e batata e feijão preto, farofa, queijo bolorento e goiabada, cebola ―muita, constante―, cebola picadinha e unhas; alecrim no que se mastiga e no que é para beber, angustura. Mas tem bicho também que, existindo, não presta: barata, vareja, formiga, ratazana, mulher e homem, toda a gente na mesma luta dos vários comeres, bunda ou filet mignon. E um pre-fim de corte redondo que é para ver de olhos fechados enquanto o óleo crepita na frigideira. ('Tàputaquiopariu! Hihihi!)

Estava sentindo no regresso que nunca mais perdia o sotaque da pronúncia mental. Mas já lá foi.

sábado, 5 de junho de 2010

Apuntamentos fílmicos montados sobre catro escenas

Non escribo sobre todas as películas que vexo, non me esixan para iso as razóns ningunhas de que carezo. Desvarío, se cadra, sobre unha infumable sucesión de fotogramas coa que me castigo, nunha noite de paciencias infinitas ou masoquismos duros; exáltome, tamén se cadra, ante belezas que ninguén máis ve e desprezo as risas dos insensibles que deberan, penso por min, ser estremecemento ante a miseria allea, igualciña á de calquera un outro eu.

Da da semana pasada direi que non me pareceu mal. Tampouco foi nada que rebordase o común e isto só porque o Fatih Akin xa conquistara antes o meu respecto e, peor, o interese, pero prefiro non os finais felices, e isto, xa sei, xa sei (aí vou eu barrenando nas miñas psicanálises), é carencia e incredulidade adquiridas por causa da morte dos afectos, eses inventos que esturran nos fogóns a alma.

A de onte encheume (no sentido de fartureiro, non de farto) mais, aínda-aínda e malia o final tamén felicísimo para os vivos, con rescate e rumbo a un sur calquera marcado no mapa das esperanzas para os detentores de paraísos fechados que se adaptan ao desterro, e inmolación dos covardes en descarga eléctrica, fuxida a ningures cando os muros de finas láminas plásticas rectangulares esboroan, por amor... por amor propio.

sábado, 15 de maio de 2010

Tchaikovsky no sangue

Préstalle ao corpo asistir de cando en cando a unha produción disparatada sobre a construción dun soño, nin que o edificio se sustente sobre alicerces de cartón pedra. É cine, ilusionismo, xogos malabares imposibles, que se nutren da complicidade co público, en troco de música, tenrura, denuncia e redención. Unha dose de optimismo sen efectos colaterais perniciosos.

sexta-feira, 7 de maio de 2010

A dura e crúa realidade en 3D

Onte á noite pasei a maior parte da película que puxeron no Poleiro (que xa vira pero non me importou repetir) parapetada detrás do respaldo da butaca, non fose fuxir da pantalla unha bala perdida. E é que non era para menos despois de ler a noticia que un bo amigo tivo a ben me enviar para me evitar males maiores sabendo da miña afección a frecuentar as salas de cine. Non obstante, vendo que saín ilesa do tiroteo e lembrando un conto similar que ouvín en tempos, cando aínda non fixera a promesa de nunca máis lavar o ouvido dereito, estou convencida de que a americana non preñou vendo unha peli porno (ou si, se foi quen de facer dúas cousas a un tempo), senón mercé á ubicuidade do espírito santo, que por certo (aquí vén a revelación!) non é un pombo, como se cría, non. O espírito santo ―velaí a dura e crúa realidade en 3D― é o carallo!

sábado, 1 de maio de 2010

Quen manexa os fíos do monicreque?

Nun transbordador aparece un coche abandonado e as ondas en retirada vacilante descobren o cadáver do escritor sen sinatura sobre a area. Despois formúlase a proposta na barra dun bar e a tensión está servida. Unha viaxe en avión ao outro lado do Atlántico, ao outro lado da curiosidade e a incerteza. O negro, o fantasma, a pluma que se mete na pel doutro... deberá continuar a biografía supostamente inacabada, conxugando o que o cliente quere mostrar co que o público quere ler mentres as pezas do enigma se van mostrando na pantalla: só os que se moven dentro dela non as ven. O escenario é unha casa-oficina perdida onde o ar dá a volta, ancorada nunha praia de ceos sempre cincentos, un hotel sinistro nunha vila de filme de terror e unha música de fondo que sutilmente suxire un cineasta gordo e baixo detrás da cámara argallando tormentos para as actrices. A verdadeira historia, porén, xa estaba escrita.

terça-feira, 27 de abril de 2010

Os débiles

Dicían os que diso disque entenden e viven que xa só pola actuación del merecía a pena. A min mereceume a pena só por saír da casa e estomballar os ósos e os músculos derrotados sobre a butaca, escoitar as músicas que nunca te deixan ouvir enteiras na escuridade da sala e disolver na boca un caramelo de limón que me transmitía a acidez á mirada. Dicían que o tema xa estaba visto, mas mesmo así... que non había melodrama e tal nin cousa. Que se deixaba ver e que el estaba espléndido.

Isto, como digo, era a opinión dos críticos. A min só me serviu para entreter algunha hora que outra da noite na contemplación dunha historia que non me traspasou as escamas. Quero dicir, mal non me fixo pero ben tampouco. Se callar ando, aviso, algo cínica de percepción... e distante.

terça-feira, 5 de janeiro de 2010

Nada que perder

Estes dous últimos días teño levado compañía feminina ao cinema. Ela apúntase a un bombardeo a condición de que sexa nocturno e de artificio colorido. A bomba de onte non era pólvora mollada, ardía e queimaba. Por iso, ela, a cada pouco, sobresaltábase na butaca e tapaba o rostro coas mans, entreabrindo os dedos (non o negues, que te vin, na penumbra da sala). E eu dicíalle, acouga, rapariga, que é filme: a realidade é ben peor (eu a dar ánimos non teño prezo), ao cabo, cando descendan os créditos a rodar, marchamos tan panchas para a casa, cama á espera, máis ou menos quente. Ese é meu mecanismo de defensa contra a barbarie: distanciarme, pensar que o líquido de cor vermella que o invade todo, que cheira até, que se apalpa case na súa viscosidade pegañenta, non é sangue-sangue: o sangue-sangue está na rúa, non nunha pantalla; que a voz áspera do Tosar, espléndido, non é a propia del, senón a dun asasino calquera dos que habitan as prisións sen nada que perder, aínda que lles reste un cacho de corazón sen ollos e intelixencia abondo para distinguir os covardes (fantástico o breve duelo dialogado cos presos de luxo, moeda de cambio). E así, vaise soportando a tensión constante, a brutalidade, a desesperanza, a transformación involuntaria do funcionario que salta nun segundo dun bando ao outro, porque a vida é moi puta ás veces e non sempre equilibra, meu amigo, non sempre.

segunda-feira, 14 de dezembro de 2009

E se foses morrer mañá?


Recoñecerse nos xestos: contemplar pola ventá o mundo que camiña cando o propio está para se deter, nin que as paisaxes sexan tantas e outras; traspasar rostros, crear historias, e quecer as mans agarimando a cunca do café para escorrentar o frío do miolo dos ósos. Non é estragar o tempo pouco pasmar e divagar, soñarse diverso nos moitos uns que pasan, ou degustar —ante a inminencia da certeza implacable e única incluso para quen nin a imaxina á espreita tras un semáforo— a beleza dos momentos, avelaíñas da existencia... anacos de ceo entre os edificios ou as nubes —tanto ten—, bailar, sorrir, chorar até non poder máis.

quarta-feira, 21 de outubro de 2009

De soidades e finais










De todos os terrores nocturnos e diurnos o do transtorno mental é o maior. O esquecemento, a loucura en calquera das súas formas, múltiples e perversas, róldanme coma teimudos aparecidos desaparecidos. Cadaquén ten os seus. A min habítame a obsesión cando vou tras a túa sombra pola cidade, sendo como é a túa sombra a que me segue. Nas películas made in USA, nin que sexa cine independente, obsesiónanse cos finais felices, o que sempre me deixa con moitos efes nos labios, desinchándome.

Vén todo isto a conto (ou non) de que pasei o sábado na Invicta, aproveitando que tiña que ir recoller ao Sá Carneiro os turistas que regresaban da city á noite. O primeiro que fixen ao chegar foi visitar a librería de segunda man por ver se encontraba algunha sorpresa. E encontrei. Collino con certo pudor. Ler as cartas de amor dun vivo... Aínda que fun lendo algunha entre café e café, polo de agora repousa na mesa de cabeceira, que ando no Brasil de finais do XIX, pero xa intuín que o tema recorrente é a soidade.

E falando en soidades, volvo ao principio: dediquei parte da tarde á película de Joe Wright. Pouco teño para dicir, fóra de que me gustou, non fose o final (certo, iso son eu e os finais, que teño tendencias tráxicas) e unha escena da ex-muller e xefa de redacción do xornalista que amarra tremenda lascarda nunha cea fina (paripé de premios e promesas que os políticos entenden á súa maneira: medallas para os deles; porras para os outros, sempre os outros), á que só encontro xustificación se foi para mostrar persoas con virtudes e defectos, xente coma nós, con medo da soidade. Porque no fondo debe ser iso a loita de quen ten algo e o perde, de quen non ten nada e encontra algo.

Xa digo, non fose o final tan simetricamente equilibrado, sinfónico e harmónico, todo ben, e mesmo ese, pódese ouvir de ollos fechados, desde a butaca, mentres os espectadores marchan lentamente da sala, até que soa a derradeira nota. Porque soa ben. Aínda que logo a vida non termine onde termina o relato e veñan unhas frases sobreimpresas innecesarias a chapodar a fantasía, lembrando que aquilo esta baseado nunha historia real. Por favor.

Como sei que non se me entende nada, que quede claro: conmoveume a película, e non fose polo final, ou case, púñalle o superlativo. A ver se así.

domingo, 11 de outubro de 2009

Abraços e pedaços

Deixei-os com as malas na porta de partidas do Sá Carneiro e fui estacionar ao parque. Quando cheguei ao pé deles estavam já na fila de facturação, pacientemente à espera, diante dum cartaz em que se indicava que só se permitia um único volume de bagagem de cabina por passageiro, bebés excluídos. Nunca pensara nos bebés como simples volumes, mas imagino que a efeitos práticos é assim mesmo. Ainda bem, não trouxeram bebé. Isso, todavia, explicava que detrás deles, um yorkshire terrier adulto assomasse timidamente a cabeça pelo fecho semi-aberto da malinha da dona, numa tentativa inteligente de passar inadevertido. Volume eu?, pensaria o bicho, onde já se viu?!

Enquanto tomávamos o café de despedida, perguntaram-me pelo filme que ia ver eu, aproveitando o passeio à Invicta.

Abraços desfeitos —disse, citando a tradução do título ao português.

O Condado olhou para mim, perplexo.

—Desfeitos? Não me parece.
—Não vi o filme ainda. Não posso julgar, em princípio. Tudo depende do significado exacto que lhe quis dar o director a esse "rotos" em espanhol.

Desfazer pode significar partir, quebrar, romper, mas carece, ao meu entender, da conotação obrigada de truncar que contêm os últimos. Desfazer é ambíguo, pois se por um lado significa despedaçar, fragmentar; pelo outro pode-se insinuar macio, mais próximo do desmanchar, diluir. Visto o filme, agora sim com conhecimento, podo dizer que os abraços foram partidos (e prefiro o brasileiro quebrar, que parece sugerir mais agressividade no surdo fonema de início, como onomatopeia de rachar, estalar) e brutalmente, sem espaço para esvaecimentos nem dissipações. Os abraços não foram desfeitos nada, foram partidos abruptamente em pedacinhos pequenos, impossíveis de recompor.

Porém, a metade exacta da lua, que me mostra o firmamento ao leste no regresso, enquanto na memória persistem as imagens do acidente e do puzzle de fotografias, lembra-me um pedaço enorme de melancia, que me faz água na boca e me deixa com sede, como sede é a que tenho ainda dum outro abraço, não roto, nem partido, nem quebrado, antes aquele em que sonhei os ossos todos estalando, poderoso, eu a me partir, quebrar, romper nele, e que descreve no cabeçalho deste blogue o Jaime Gil de Biedma, eterno.

domingo, 27 de setembro de 2009

Os anos cheos de nada











Solpor espléndido o de hoxe descendendo canda min sobre Cidadeabertaaomar, atrapándome a mirada no alto do Meixoeiro (80 km/h velocidade máxima), entre as illas Norte e Sur o día a mergullo. Espléndido é tamén o filme con que me agasallaron Campanella e Darín, sobre a música de fondo, impagable, de Emilio Kauderer. Será que foi para compensar o fiasco da semana pasada?

—Me vi cenando solo y no me gusté...*

A despedida nun 21 de xuño de 1974 na estación de tren da capital foi o recordo que nunca o abandonou: ela na plataforma correndo para pousar a man na del, ambas separadas polo vidro e a cobardía, coma punto de partida dunha novela sentimental barata ou inicio da deshistoria de amor entre un funcionario e a secretaria dos Xulgados de Buenos Aires superposta ao caso dun crime sen castigo. Vinte e cinco anos cheos de nada nun cárcere de soidade e silencios, a sublimación do amor espido da rutina cotiá e as obrigas, a impunidade dun violador asasino que traballa baixo corda para o goberno, os ollos que falan, a paixón á que cadaquén está irremediablemente sometido (un vaso de whisky, un equipo de fútbol, unha muller...), a loita entre o esquecemento e a supervivencia sen o ser amado ou a cadea perpetua a mil pasados e ningún futuro, a xustiza debida e os favores retribuídos, tantas e tantas cousas contra as que un non pode facer nada... Ou pode?

____________
* Vi-me a jantar sozinho e não gostei de mim.
Ai, non me digan que non parece letra para un tango?

terça-feira, 2 de dezembro de 2008

O mendigo ilustrado






Fotogramas do documental
Afranio
de Víctor Coyote



Víctor Coyote presentou na Aldea das Carrouchas, na clausura das III Xornadas sobre a Represión Franquista no Baixo Miño "Memoria e Nación", o seu documental Afranio, unha perspectiva coral moi amena da fuxida lendaria do mestre e dirixente agrarista Antón Alonso Ríos durante Guerra Civil española, quen deambulou tres anos disfrazado de mendigo (co nome de Afranio de Amaral) polos montes e aldeas de Galiza até cruzar a raia con Portugal.

Só non sei que diga da interpretación de Luís Tosar, que como case sempre nin me quece nin me arrefece. Pero debe ser cousa miña.

Tampouco acabo de entender como despois de ouvirmos o magnífico galego (e portugués raiano, claro) empregado por todos os entrevistados, os actores deste anaco de terra, en xeral, seguen sen dar os anchos.










O actor Luís Tosar (esquerda),
o director do documental, Víctor Coyote (dereita)
e a botella de agua de Mondariz sen gas (centro)
na presentación no Auditorio das Carrouchas

sábado, 11 de outubro de 2008

Destruír despois de ler?










Tiña que ir por entradas para un concerto á Invicta, así que decidín facer un tres por un, sumándolle unha sesión de cine e outra de compra compul-visa de libros. Cando entrei na sala aínda non estaban as luces apagadas, pero foi sentar e empezar a soar unha música que me puxo de mal xorne. Maaaalo, pensei, como isto sexa da banda sonora, non sei se o darei aturado. E non me saía esta da cabeza, a tortura que pasei nunha sesión do cineclub, sen poder fuxir porque alguén me levara ou eu levara a alguén no coche. Se un día me queren extraer algún segredo, non o dubiden, encérrenme nun cuarto sen ventás a escoitar á Bjork. Garántolles que confeso ao primeiro gorgorito. Pero non, houbo sorte coa música. Co que non houbo tanta sorte foi co ar acondicionado, que non sei para que o poñen tan baixo nos cines, sobre todo para sete persoas que estabamos. Foi desas ocasións en que lamentei non ter ninguén ao lado que me abrazase, aínda que tivese que acceder a sentar diante, non atrás como me gusta. E non foi o único malo, que tampouco acabo de entender porque hai que facer un intervalo de 7 minutos no medio das películas. Se aínda puxesen anuncios. En fin, polo menos a duración foi razoable, hora e media, sen que sobrasen minutos nin faltasen risadas. Por certo, na miña vida vin tan feo o Clooney. Que ruíns estes Coen!










Á volta, estaba unha tarde tan boa, que parei na foz do Lima, a ler moi baixiño para que só as augas me sentisen:

Encontraste-me um dia no caminho
em procura de quê, nem eu o sei
-Bom dia, companheiro -te saudei,
que a jornada é maior indo sozinho.

É longe, é muito longe, há muito espinho!
Paraste a repousar, eu descansei...
Na venda em que poisaste, onde poisei
bebemos cada um do mesmo vinho.

É no monte escabroso, solitário,
corta os pés como a rocha dum calvário,
e queima como a areia...! Foi no entanto

que chorámos a dor de cada um...
E o vinho em que choraste era comum:
tivemos que beber do mesmo pranto.

Camilo Pessanha, "Caminho II", Clepsidra

Calma, meus, que non o destruín despois.

segunda-feira, 18 de agosto de 2008

Sesión continua

Pois, entre a recomendación da Teté e o Marreta e a que, ben diferente, me fixo un dos meus J, decidín facer unha escapadela ata a Invicta para investir o domingo en cine. Saín da casa sen comer, porque cando vin os horarios, aquela era a única maneira de combinar as dúas sen perder tempo polo medio, pero aguantei sen desfalecer: non hai como almorzar ben pola mañá, que xa o din os nutricionistas (e chegar co alimento dixerido ao cine para non vomitar.)

A primeira foi violenta, violenta a mais. Cando vou a unha destas, e noto o corpo sacudido, recorro á táctica de pensar que aquilo é ficción e que como tal hai que tomalo. Non era o caso. Desta vez non era ficción, senón realidade, e o único que dá para illarse do horror é o límite da pantalla e a excesiva comodidade das butacas da sala VIP, que viran absurda ironía e unha acaba por sentir na pel que algo non encaixa entra a vida esta e a vida de tantos outros. Terrible e imprescindible.

A segunda, xa non sei. Vendo a tipa que tiña ao meu lado a rillar un inmenso cacharro de pipocas, que non lle chegou e tivo que ir no intervalo por outro, os humanos do filme parecían sílfides. Do resto, pola merda que quedou ciscada nos corredores, calquera diría que a xente vai ao cine como escusa para beber merda e comer máis merda e que simplemente necesitan ruído de fondo para non se escoitaren mastigar. Amor entre máquinas, máquinas que nos van salvar? Isto si que era ficción. Como non nos salvemos nós, de un en un e todos xuntos, mal imos. E a fantástica canción de Peter Gabriel que acompaña os rótulos do final, con magníficas ilustracións tamén non lle interesou a ninguén. Se decididen ir, mírena cos ollos abertos, que paga a pena.

segunda-feira, 2 de junho de 2008

Frío frío non é que fose

Des que me convertín en Penélope liberada, logo de descubrir que se pode saír a tecer e destecer fóra casa coa calceta nunha saca plástica que ben me custou, vale, admítoo, unha ten as súas limitacións—, retomei os vellos costumes, como ir tomar uns tintos co Condado no alto de Covas, (curvas á ida e non sei por qué o dobre de curvas á volta), segar a herba antes de que me coma e sesión de cine cun dos meus J preferidos. E a iso último dediquei o serán do sábado sen acabar de comprender a relación entre o título e o argumento, a non ser que fose metáforico, claro: amor, calor, que así calquera pon títulos. E aquí non había desculpa de que o título fose traducido, que diso aínda entendo algo e sei por experiencia que as traducións dos títulos fainas xente que manda moito por aí arriba pero que nin sabe de que vai o conto nin ten interese ningún en saber, pero debe de ser porque exercer o poder os pon arreites. O caso é que nesta o título era tal que a frase que din sempre as nais aos fillos cando os ven saír da casa no inverno. Pero é que inverno non parecía que fose, nin finais de maio de 2008 quero dicir na película, que na realidade si era, sen que fose así tanto frío, é máis, estaba unha noite de xeito—, nin o río que saía era o Amazonas, que non fai falla ir moi lonxe para ver ríos así e máis amazónicos aínda. A voz que nos arrolaba a contracorrente, ela si, evocaba paraísos non encontrados, e salvounos de naufragar pola parte da tenrura. Pola parte da distensión, zafamos tamén a noite ante o cadro dos rapaces na perruquería, cabezas pegadas, a emitiren uns chop chop chop ao ritmo do choqueleo das coxas da clienta que de fronte, tan a gustito, compensaba a calor do secador na cabeza. Pero se todos tiñamos tanta calor, para que entón se había que abrigar nada?
________________
P.S.: Perdón polo caos pero é que cheguei algo mareada de tanta curva dobre.

domingo, 20 de abril de 2008

E a terceira rosa?

Un reloxo gravado e unha declaración de amor eterno. Un vello romanés esperta angustiado. Atormentado pola sensación de duplo fracaso ao verse incapaz de rematar a obra da súa vida que o privou do amor, regresa ao seu país para suicidarse. É noiteboa en Bucarest e chove. Un lóstrego fende o vello que camiña cun sobre azul contra o peito. Ao seu redor o coro sentencia que vai dereito ao ceo quen morre fulminado. Pero quizá non morreu e pouco e pouco recupera forzas e xuventude. A foto da namorada que o abandonou devólvelle á memoria a calor, os olores dunha tarde en Tívoli, e mentres se desdobra, obsesiónase de novo en completar a súa obra, en completar a relación amorosa, remontándose ata a orixe das linguas a través da Laura reencarnada, só para constatar unha vez máis o fracaso, a perda inevitable, e a imposibilidade de distinguir soño e realidade, de saber se é rei ou bolboreta, coma no conto do mestre Chuang-Tze. De onde vimos, que somos, cara a onde imos? Iso.