domingo, 23 de janeiro de 2011

O alén no aquén

Cóntasenos unha historia con tres protagonistas cuxas vidas se cruzan nunha feira do libro.

A primeira é unha parisiense como os barquillos, bonita e rica, de vacacións nun hotel de luxo de coma quen di a Indonesia ou para esas partes, que se ergue da cama en que supostamente cohabitou co amante e se viste simple e monísima, a porcona, xa non sen dar unha ducha senón sen sequera lavar... os ollos con dous dedos. Só que axiña, en cuestión duns longuísimos segundos, se comprende a falta de hixiene: había ser moita auga para un só día. E no silencio da sala dous, os espectadores engolen cuspe coma quen fecha a boca en banda à forza da onda xigantesca, nin un disimulado triscar de pipocas ou sorbo de coca-cola que quebre o feitizo brutal da escena.

O segundo échevos un sanfranciscano de toda a vida que tenta fuxir dos poderes sobrenaturais que adquiriu de neno, tras estar cun pé aquí e outro alá por causa dun raio dunha encefalomielite. Os tales poderes permítenlle establecer contacto cos que morreron, polo que podía estar podre de cartos choiando de médium, pero el prefire durmir tranquilo arrolado nas audio-novelas de Dickens e gañar o pan con queixo dando paseos nunha carretilla elevadora por unha refinería de azucre. Até que un día, cousas da restruturación laboral, o poñen no ollo da rúa por non ter can que lle ladre, isto é, muller e prole que manter.

O terceiro é un raparigo de ascendencia irlandesa que vive en Londres, fillo de nai solteira amantísima (unha heroinómana que tamén anda algo metida no briol, á que unha parella dos Servizos Sociais acosa implacable para retirarlle a custodia), calado e serio, un punto túzaro, que asiste á retransmisión vía móbil da morte por atropelo do seu irmán xemelgo ou, o que é o mesmo, dunha parte fundamental de si. A busca teimosa dun elo co finado do seu outro eu acabará por desencadear unha conexión case eléctrica, faíscas e sacudida incluídas, entre vivos. E malia o final, que é deses previsibles e felices que tanto detesto, a película déixase ver ben a gusto.

Sem comentários: