sexta-feira, 30 de novembro de 2007

Mata má nunca morre

Aconteceu hai haberá un mes pero a nota foi quedando atrás nas páxinas da axenda e hoxe, falta de ideas e con remorsos de ter o blog a mato, recupereina. Pois foi nun día destes de andar ás toas, en que acabei de Ribeiro ata as orellas —da bisbarra, meus, non do viño, que inda son xente asisada e responsable, cando conduzo non bebo, se máis non porque é algo complicado sen soltar as mans do guía e co casco posto—, a contar pedras en Ribadavia e esteos entre as viñas. Así, entre estradas e carreiros, acordeime do arremecághona, que como está metido na farándula, corre máis Galleira ca un substituto de ensino secundario, e mandeille unha esemese por se tiña concerto pola zona. Cando me chegou a resposta, menda estaba a xutarse un café no Carballiño, que xa ten delito, recoñézoo. “Magosto en Matamá. Xa tamos akí. Vente”, dicía. E fun. Ás veces son ben mandada. No fondo é que me picaba a curiosidade, polo aquel de que nacín en Cidadeabertaaomar e nunca se me perdera nada por nesa parroquia. Despois de recibir polo móbil as indicacións pertinentes, que non tiña demasiado claro para onde caía, quedei en preguntar ao chegar ao primeiro paisano que vise onde estaba o torreiro da festa.
Vini et vidi:
obvio a descrición, pero non había dúbida de que o fulano era indíxena. Parei a moto ao seu carón e dixen:
—Boas!
—Boas —respondeu, un pouco descolocado.
—E mire, o torreiro da festa sabe onde queda?
—Ah —O silencio que seguiu a aquela rotunda e breve exclamación descolocoume a min. Pensei: o cata non era de alí, estaba de visita na dun compañeiro do choio e saíra a buscar tabaco. Pero non—. O torreiro da festa onde queda? É que antes había un, que é o vello, pero ese non é, que agora hai outro, o novo, máis grande, porque no de antes os chafarricos non collían.
—Ah —dixen eu, e a miña exclamación foi salaio, pero non teño claro que fose de alivio.
—Ve aquel coche branco que sobe acolá?
—Vexo.
—Pois vaia por onde el vai, e xa vai ver, como o camiño tira para a esquerda —Eu co meu problema de lateralidade a intentar fixar a dirección—, pero NON!, por aí non —E aí xa me descolocou de vez—. Colla para a dereita, que xa logo ve de fronte o cemiterio e o torreiro está pegado.


Si, señora. Velaí un pobo que sabe: a festa ao lado do camposanto, que total os inquilinos, se o barullo é grande, non se han queixar. E até algún haberá que mova o esqueleto.

domingo, 25 de novembro de 2007

Diego

Aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid, fixen como que ía a un congreso de chinés ao que non tiña pensado ir no fondo, porque a cuestión era buscar unha escusa para estar con CN ante a inminencia da chegada de Diego. Pero Diego, como bo Porco (falo do horóscopo chinés, por favor), que elixe con quen e cando vai nacer, decidiu que non agardaba a que o sacasen daquel encerro no 27, tal como programaran, senón que o 21 de novembro era unha data excelente, pois a humidade dun día chuvioso volve menos agresivo o cambio de medio. Así que mentres agardaba pola miña lǎoshī (que ela si ía ao congreso) en Cidadeabertaaomar, recibín un sms todo babado coa nova de que Diego xa estaba destoutro lado do mundo, con 3,640 kg e 51 cm, disposto a revolucionarnos, ou mellor dito, a que evolucionásemos ao seu redor. Total que saímos cara ao sueste, en dirección a Pisuerga-con-Esgueva, eu ao meu, durante cincocentos quilómetros, desconectada do incesante bra-bra-bra bra-bra-bra de Zhāng lǎoshī e do kia-kia-kiá continuo da súa cámara made-in-Taiwán.

domingo, 18 de novembro de 2007

Xeoide

Esta madrugada cheguei á casa desde Cidadeabertaaomar en tal estado sólido, que ao entrar pola porta, dubidei entre me servir directamente o malta sobre o corpo, dar unha ducha de auga quente ou meterme na neveira a desconxelar lentamente.
Inda lle vou ter que dar a razón ao sapiño, que me agoirou esta coma a última noite en que saía coa moto ata a primavera.

sábado, 17 de novembro de 2007

Desenmascarados

Hoxe, e sen que sirva de precedente, acepto o desafío da Vanadis (Dá por sentado quen propuxo o desafío que habemos de ter libros por perto. Inda existe xente inxenua.), mais tal como ela, á miña maneira. Non propoño a ninguén que o continúe: quen pase por aquí e queira aceptalo, é seu. Tampouco me vou limitar a colgar a frase coma un cadro —que xa se sabe os desvaríos que traen as palabras descontextualizadas— mais é meu o texto que nace a partir dela. Do resto, non elixín o primeiro libro que tiña ao alcance da man, porque era un dicionario, e francamente, “Expor-se à vista, exibir-se, mostrar-se” pareceume unha frase algo pornográfica que quizá atente á sensibilidade dos meus lectores. Tampouco elixín o libro seguinte que tiña máis perto, porque era de poemas e carecía de páxina cento sesenta e un, canto máis de quinta frase enteira ou rota. Nin o seguinte, que era unha novela que estou a ler, porque non quería que o que sabía da historia que nel se conta influíse no micro-relato que ía crear. Elixín, logo, un dos que repousan na mesa de noite á espera de me desvendar os seus segredos. E, pois, velaí vai, de Confesións dunha máscara, de Yukio Mishima (título orixinal: Kamen no kokuhaku; edición de New Directions Books, 1958):

Aínda que foi apenas durante uns segundos, sentín que todas as miñas dúbidas respecto aos requisitos esenciais da virilidade se disiparan. Virían despois outras, porque a mente nunca descansa en procurar angustias reais ou infundadas, mais recordo aquel instante coma unha liberación, unha das poucas ocasións en que a vida me forneceu asas que me permitiron elevarme sobre a uniformidade agresiva dos que me rodean marcando pautas, condicións, dogmas. A cuestión xa non era ser ou non ser, senón ser e ser tal como somos, sempre, volubles, variables, volátiles. Por unha vez, non me recoñecín indefenso. Fun todopoderoso, case prepotente, ultraforte nas miñas debilidades. Ceibeime da aperta feroz de K e colléndoo suavemente pola man, arrastreino comigo ás alturas, furando entre a multitude abafante co trade incisivo do orgullo na mirada.

Post postum: Curiosos os camiños da mente. Observo ao reler o que escribín, que ao final volvemos á frase do dicionario: Exporse á vista, exhibirse, mostrarse.

domingo, 11 de novembro de 2007

Sobrevivir

Hoxe —oín pola radio— é o cabodano de don Miquel Martí i Pol, se cadra o que foi de vivo o meu poeta vivo preferido e quen é de morto o meu poeta morto preferido. Porque ás veces el son eu, meu.

El més difícil, doncs, és sobreviure
amb escates de vidre a las entranyes,
amb plom, en lloc de sang, a dins les venes.
Sobreviure: cordar-se les sabates,
treballar, fer l'amor, llegir poemes,
veure envellir la gent, cantar en veu alta,
amb escates de vidre a las entranyes
i plom, en lloc de sang, a dins les venes,
sense treure's els ulls, sense fer a miques
els subtilíssims mirallets del somni
i esgüellar com un porc, de por o d'enveja.

Miquel Martí i Pol
Vint-i-set poemes en tres temps (1970-1971)
_____________________________________

O máis difícil é sobrevivir
con escamas de vidro nas entrañas,
con chumbo, en vez de sangue, polas veas.
Sobrevivir: amalloar os zapatos,
traballar, facer o amor, ler poemas,
ver envellecer a xente, cantar en voz alta,
con escamas de vidro nas entrañas
e chumbo, en vez de sangue, polas veas,
sen arrincar os ollos, sen esnaquizar
os sutilísimos espelliños do soño
e berrar coma un porco de medo ou envexa.



sexta-feira, 9 de novembro de 2007

Remusmús

Onte, estreando un día de intenso non far’ niente sen paraxe, subín a tomar a dose de café do mediodía ao centro neurálxico da Aldea das Carrouchas. Estaban os seareiros habituais, algúns xa comidos, outros por comer, pero a tónica xeral era de cafés na barra e algún chupito para asentar a botella de viño inxerida para asentar o xantar. O normal. Entón chegou unha muller que disque a chamara non sei se o home se o fillo que disque o chamaran unhas mulleres de Pombalnoseixo a preguntar que quen era o mozo das Carrouchas que morrera que disque non sei quen o vira nun tanatorio na Moinobreemoileal. Cruces de miradas e de ti-sabes-algos. A conversa sentenciouse cun unánime se-a-taberneira-non-o-sabe-non-é-certo... pero alá quedou dando voltas no aire aquel mozo (disque) defunto.

Esta mañá, coma decotío, puxen a radio para ouvir os informativos mentres almorzaba. O noso mozo (disque) defunto era noticia de alcance estatal: No concello de Pombalnoseixo (ao que pertence as Carrouchas) prenderan un rapaz de dezaseis anos por colgar no youtube un vídeo cunha pelexa entre adolescentes.

Non se... xa o dicían: algo había.

Post postum: O título co que se colgou o vídeo inclúe a palabra "kickboxing". Será que influíu na escolla unha certa serie de televisión? (Xa avisei que moi boa para as neuronas non era.) Non era mellor cando os cativos se limitaban a andar co cu ao aire?

quarta-feira, 7 de novembro de 2007

Albízaras!

Desde as 07:20 do quince de xaneiro até as 13:25 de hoxe, polo reloxo do ordenador, que é o que ao cabo rexe a miña vida, 197 (cento noventa e sete) episodios de pastelada infumable, golpes a eito, primeiro disparo e logo xa para que preguntar, coches que sempre estoupan cando se estampan, milagres con fondo de luz branca, xustiza divina e pena de morte humana a toda hora. E malia o duro transo, as miñas neuronas saíron indemnes (creo?). Prometo firmemente non apuntarme a clases de kickboxing, nin meterme metodista. Se alguén non sabe de que serie de televisión falo, que non intente sabelo, aínda está a tempo de salvarse. O nome do Boneco Diabólico non se escolleu ao chou.

Agora permítanme que poña un disco que me regalaron onte, que necesito lavar os ouvidos de tanta estupidez.
Grazie mille, ragazzo triste...

domingo, 4 de novembro de 2007

Distancia de seguridade

Cando se anda de burra —teño que explicar esta expresión ou enténdese?, porque hai moita mala baba—, o primeiro que se debe aprender é a manter a distancia de seguridade. Chámase conducir á defensiva. Hai moito moteiro que ignora este fundamento e acaba co corpo torado contra un quitamedos (palabra que dá moito xogo pero que xa está dabondo espremida: o medo quítano, abofé, e a respiración, de vez). A primeira regra é non ir nunca detrás dunha furgoneta (e menos se son desas modernas antiaerodinámicas de cu cadrado, que che mandan uns abaneos que nin que levases o vibrador do móbil no modo "furia desatada", pero este é outro tema que agora non interesa), nin detrás dun monovolume de vidros tinguidos. Por suposto, xamais detrás dun camión, nin que sexa só pola merda que vas tragando, pero sobre todo porque o condutor non deixa de mirar polo retrovisor a ver quen é a formiga atómica que chupa roda, o cal representa un perigo para o persoal que circula canda el. Así que o mellor é adiantar e encollerse ao sobrepasar a cabina para aguantar a forza do vento que te sacode nese instante xunto coa bucinada que che manda o machomán.

En resumo, temos que ir vendo sempre o que hai por diante, por detrás e polos lados. Parece obvio, pero non é tanto. Nos cruzamentos sempre axexa algún temerario que confunde os faros da moto coas poucas luces que ten na cachola e que se incorpora porque lle sae dos sangumiños. Por detrás sempre vén algún piloto de rallys que che pasa rozando como se tivese que apurar milésimas de segundo para chegar canto antes ao bar que está á volta da curva. E de fronte, ah de fronte, de fronte é onde está a maior ameaza. Non basta manter a distancia co que se leva diante. Cómpre mantela tamén co que vén de fronte, ir á espreita do que decide adiantar agora que só vén unha merda dunha moto, que aparte, se pode.

Falsos amigos

Cando se vai ao estranxeiro hai que ir con moito ollo cos falsos amigos. Non pode entrar un na oficina dun taller de motos a preguntar se naquela oficina está o taller, porque lle responderán, amables pero alucinados, que aquilo é o escritório, que a oficina é dentro e que garfos, facas e colheres é na loja de en fronte. A cara do cata, un poema.

Post postum: Como se viu, o texto anterior non vai do que ao mellor alguén pensou que ía ir. Falsos amigos son palabras, normalmente con idéntica orixe, que en idiomas diferentes se parecen na escrita ou na pronuncia pero que teñen significados distintos.

terça-feira, 30 de outubro de 2007

Xeometría

Unha aperta é a liña que une a distancia máis curta entre dous puntos.

domingo, 28 de outubro de 2007

Pola vella

Como nunca sei se lle hai que dar ao reloxo para adiante un pouco ou bastante, decido mudar de fuso horario e enguedellar o tempo por estradas e carreiros nos que o tránsito ao mediodía desaparece, porque as persoas de ben xantan en familia aos domingos. Desde Melgaço contemplo as montañas que me seducen até ao Castro Laboreiro. Arrimo a burra á beira e bótoo a sortes. As brandas e o frío, que xa aquí embaixo vai avisando, quedan para outra ocasión. Hoxe vai estar de ríos. Do Miño ao Vez, do Vez ao Lima, do Lima ao Coura. Coas maletas cargadas de noces e castañas inaugurei a hora de inverno ao atravesar de volta a raia por Onde o Aire Dá a Volta, entre o lusco-fusco de non saber se chegara á casa pola nova ou pola vella.

Poiquilotermos

Como se fose a última tarde,
animais de sangue frío
sobre a area.
Como se tal fose eran as palabras:
escollidas, precisas, meditadas,
faladas, logo de escritas faladas,
dolorosas,
doloridas.
Como se fose a última tarde
de sempre,
eran os silencios máis fondos,
máis longos ca outras veces,
a abanar no rumor das ondas.
Arredor todo tan sinxelo:
mar, penedo, veleiro.

E era só como se fose
aquela última tarde
a derradeira.

terça-feira, 23 de outubro de 2007

Canto máis se dorme, máis se descansa

Uns científicos –disque– do Laboratorio de Sono e Neuroimaxe (que manda co título) da Universidade de Berkeley de California deron en realizar un estudo polo cal viñeron a demostrar (quedoume fina dabondo a redacción?) que durmir mal pon dunha mala hostia... O caso é que de resultas das horas que botaron a experimentar cuns incautos (espero que cobrasen, polo menos) descubriron a ligazón neural entre a privación do sono e os trastornos psiquiátricos (ou sexa, a neura que che entra, e se non que llelo expliquen aos pais que botan máis dunha noite sen durmir por causa dun bebé repugnantiño, por non falar nos casos terroríficos que no mundo foron, pero mellor non entrar aí que é asunto serio e grave). E todo isto despois de observaren o que ocorre no cerebro mediante resonancia magnética (co que custa facer un escáner e as listas de espera que teñen, estes, nada, tira para diante e mete outro no tubo, e logo o barullo que fai o aparello, que tamén non axuda nada a estirar a orella) cando se dorme pouco, mal e a rastro. E van os sabios e conclúen que o sono non é luxo do que un poida prescindir á vontade, non, tch, tch, tch, olliño: échevos unha necesidade fisiolóxica, cágate lorito.

Visto o visto, voulles propor unha idea –a ver se consigo o enderezo electrónico desta xente, que polo teléfono sáeme nunha pasta­–, que como vaia adiante, dentro duns anos estades todos convidados a Estocolmo a recoller o Nobel; ou a Oviedo, ao Príncipe de Asturias, se me apurades moito, home. Imaxinade alí todos nunha foto na parede a carón do Al Gore e o curmán do outro, que brasa! Como me envolvo, concho xa. Que digo que podían facer un estudo a ver se a gana de mexar é tamén necesidade fisiolóxica ou manía, porque eu é entrar nunha cafetería e o primeiro que busco é o baño, sei preguntar polos aseos até en arxentino, flipando, ‘coita. Pois iso, que poñan aí uns cantos catas a reprimirlles a gana de mexar, con descargas eléctricas en canto achegan a man ao pomo da porta (dixen ao pomo da porta, que hai que repetilo todo), a ver que pasa. Apunto dúas hipóteses de partida. A) Se aguantan, é que mexamos por mexar, coma quen come pipocas no cine, vaia. B) Se estoupan, amigo, haberá que ir pensando que a privación da evacuación de augas menores provoca a explosión da vexiga (e mira que aguantan, que hai por aí cada botelo...). Pero ai como saia a B! Había pór eu dereitos os que piden os cueiros de incontinencia pola Seguridade Social. Os caprichitos cadaquén do seu peto. Iso si, se sae a A: papel hixiénico con receita médica. Avisados están.

Gelo

Levo días a darlle voltas para mirar de lle facer aquí un oco, tantos días como hai des que souben que morrera. Sequera que sexa para que quede constancia de que existiu como parte do decorado do meu mundo. Acotío achegábase á tenda no 600 para mercar o xornal, contra o mediodía, e entraba na Pepa a tomar un café mentres o lía. Non é toda a xente a andar en 600, por iso chamaba a atención. Nas poucas ocasións en que me permito o luxo de facer unha escapada á Pepa ao mediodía —case sempre porque me chaman da Caixa apurados, que necesitan conqué para facer efectivas as pensións dos vellos e eu rapizo o que teña para aí solto e fágolles ese favor...—, víao sentado na primeira mesa á esquerda, segundo se entra, invariablemente. Ao entrar eu e saudar, levantaba a cabeza, respondía a sorrir e seguía ao seu. Poucas veces falaba, nin que oíse as barbaridades máis gordas que se soltan por alí en plena euforia do café co chupito dos que xa veñen comidos. En silencio, sempre no seu recuncho, case nin dei pola súa ausencia cando subín haberá dez días e non o vin. Pero non estaba, nin vai estar máis, nin el na primeira mesa da esquerda segundo se entra, nin o 600 branco á porta, careca cos faros redondos coma ollos abertos. Pensándoo agora, ambos tiñan un parecido. Sorrintes e pequerrechos, ocupando apenas espazo. Vai este para os dous.

domingo, 21 de outubro de 2007

Paradoxal mente

Coma nos seus tempos hippies seguía plantando marihuana e avogando polo amor libre, pero tamén xa non fumaba.

sábado, 20 de outubro de 2007

Trabei nun cacho de ceo

Busqueino na internet e xa non teño dúbida. Os síntomas son inequívocos; o diagnóstico, definitivo. Rebentoume por dentro unha nube e desáugome.

sexta-feira, 19 de outubro de 2007

Ollos negros, papo rubio

Sei que o outono se instalou á fin porque de mañá cedo cacho o pisco a petiscar nas migallas que deixo para os paxaros no peitoril da fiestra da cociña. Máis ollos ca cabeza, foxe a refuxiarse no arce en canto presente a miña sombra do outro lado do vidro. Pouco e pouco, a medida que avance a estación, irá collendo confianza, coma cada ano. Coma cada ano sei que o outono se instalou á fin.

Meu, son eu

.

quinta-feira, 18 de outubro de 2007

Cancro

Outro que vai e morre dunha longa e grave enfermidade. Hai xornalistas que querían algunha lección que outra sobre a función dos nomes das cousas. Porque, en fin, se un morre dunha enfermidade, é natural que esta fose grave, se non non morría. O curioso é que nin sempre é longa a tal enfermidade longa e grave da que continúan a morrer algúns, nin tan grave como para que todos os que a padecen morran dela. Logo están os que cando van amentar a tal longa e grave enfermidade baixan a voz como se estivesen a falar, que sei eu, de almorrás, que é unha enfermidade longa, máis non grave, por máis que dolorosa e incómoda.
Enfermidades longas e graves hai moitas, tampouco é cousa de porse a citar aquí todas, pero para iso cada unha ten o seu nome, o cal permite ademais aplicar o tratamento axeitado, se o houber, se o paciente ten diñeiro para custealo ou se ten o privilexio de vivir nun país coma este, cun sistema sanitario social (da estafa dos seguros sanitarios privados, falo outro día, que hoxe non estou de quero) que xa quixeran en moitos outros países dos chamados ‘grandes potencias’ (ou era prepotencias?), con listas de espera incluídas, si, e en boa hora. Mais ao que ía: ao pan, pan, e ao viño, viño. E á longa e grave enfermidade, cancro.

terça-feira, 16 de outubro de 2007

Canny linguist

Nada máis baixar do avión no aeroporto de Vilamormallo sentiu unha comechón urxente. Entrou no cuarto do hotel e procurou nas páxinas de contactos o número máxico. Ben disposta e co seu terrible acento escocés pediu un cunnilingus. Ao cuarto de hora tiña a petar na porta un arteiro lingüista. Abondou que este empregase unha lingua viva para desfacer a confusión.

Post postum: Idea orixinal rapizada no haicu.