sábado, 16 de fevereiro de 2008

Vaiche boa a navalla!

Antes de saír da casa deixei anotado na axenda o nome de usuario e o contrasinal. Levaba días pensando: a onde vai un blogue parar cando desaparece o seu creador? Imaxino os visitantes entrar un día e outro e outro, sen atopar entradas novas, ata que cansos por último renuncian a asomar o nariz. Sería un triste final. Así polo menos, se un día non volvo, espero que alguén teña o detalle de abrir a porta e deixar por min unha mensaxe de despedida.
E mentres cismaba nisto, fogueteada pola Nacional 13, sorteando coches cuxos ocupantes pasmaban a contemplar o fermosísimo solpor sobre Caminha -e eu sen paraxe para me demorar en tirar unha foto que arquivar na memoria dixital- dei en observar uns ferros chantados no medio da estrada para separar non sei o qué, talvez a mínima diferenza entre salvar a vida ou deixala espetada sobre o asfalto, coma un raxo de polbo nun escarvadentes. Mesmo así seguín retorcéndolle a orella á burra, que non chegaba, cagoentodo, por esa manía de apurar un pouco máis sempre no choio, como se dez minutos máis ou menos rendesen algo...
O caso é que cheguei, xa coas luces apagadas, e contemplei fascinada un musical que me fixo sorrir, que me fixo recoñecer que compensara o esforzo, as présas, a tensión... Tomara eu poder facer un día a versión galega das cancións para dobraxe. Que gozada! E logo que hai certo tipo de películas que me levan a evocar a meu pai sentado na sala da casa un domingo pola tarde. Esta foi unha desas. E sentino sorrir ao meu lado, sobre todo, cando eu apartaba a vista da pantalla para que non se me metese polos ollos o chafariz de sangue que ciscaban os degolados ou tapaba os oídos ante o chascar das cascudas machucadas. El, pola calada, escarallábase.

6 comentários:

Anónimo disse...

Pra cando montamos a barbería entón?

Sun Iou Miou disse...

Non dean ideas, que eu xa estou a amolar a navalla, ksss, ksss, ksss, ksss!
Isto é un feito histórico, señores! Os VECIÑOS a rexoubar!!!!

Anónimo disse...

Mira que es retorcida con esta manía túa de non dar o título das pelis que che gustaron. Menos mal que unha xa as coñece e lle confirmas que ten que ir velas. Ou sexa, que vou.

Sun Iou Miou disse...

Vou andar a facer eu propaganda? Sabes que entre nós iso só cobrando (`_^). Pero pistas creo que dou abondas. Por certo, aconsélloche que leves bolsa plástica por se che vén un ghómito... (^_^)

Teté disse...

Ah, mas esse não é o tal com o Johny Depp? Já me falaram muito desse filme, mas parece que é uma sangreira desatada.

Passei muitas e muitas férias em Caminha. Mas para dar praia ao puto, não era o local mais indicado... Tenho saudades! (não da temperatura da água do mar, que essa gela os próprios ossos) :)

Sun Iou Miou disse...

Gela mesmo, Teté e também não é uma praia muito segura, nem para gente grande. Mas lindíssima para passear...
Não foi em Caminha que vi o filme (lá foi só -só?- o pôr do sol), mas em Viana, que é o cinema que tenho mais perto. É sim, sangreira desatadíssima e coisas bem piores mas até tem piada: é como banda desenhada.