quinta-feira, 18 de junho de 2009

Calando fondo










Ás veces, penso, eu nin debía falar máis nin nada para sempre, ou se falase, falar calada, non así escribindo ao ar e á toa, como se o ar tivese ollos e a toa (entre trebóns e alustros), entendemento. Pódeme, porén, o vicio e non resisto a tentación da marabilla (vale, do pasmo) que é ver medrar coma flores nun ermo as liñas aparentemente rectas que me nacen sen permiso pola punta dos dedos, que por algo teño máis dos que me corresponden (non, non vaian á foto a contalos —non é no corpo onde os teño, que isto é un chiste só para iniciados) e deixalos á poula é pecado mortal de morte longa, lenta e lánguida. E dolorosa, sobre todo. Por iso ando aquí e acolá largando, sentindo en ocasións un arreguizo nas costas ante o que leo, mesturado de vertixe ao bordo do abismo que nin en eco devolve o grito, debilidade das pernas, soidade e saudade tantas, felicidade pequeniña dun instante (así debe ser), como cando despois de camiñar quilómetros pola beira dun regueiro sombreada, unha deixa de ouvir os barullos dos humanos e só sente a natureza (a outra, a que perdemos), a adrenalina bombeando, e os pasos vólvense cautos para non inspirar receos nas criaturas e nas augas, non a vaian devorar sen ser o tempo dela (que ela son eu, esclarezo para os menos inspirados, non me prougo usar o plural maxestático e a modestia é pouca, menos en todo caso ca o alleamento).

E por iso, só por iso (ou quizais por todo?), non deixo de entrar e saír, de enzoufar de pegadas lamacentas ou palabras algún canto que outro, e máis, algúns ca outros. Punto e seguido.

8 comentários:

La queue bleue disse...

E que seja por muito tempo.

Sun Iou Miou disse...

Onde andas, LQB? Non tes folga para facer unha visita real? O Condado anda á procura de actrices. E así, coa desculpa, igual abría unha botella tinta do bo, que ando cos niveis de alcoholemia baixos.

Teté disse...

Foto fantástica! É na serra de Arga?

E não é bom, perdermos-nos na natureza e deixarmos de ouvir as pessoas para só a ouvir a ela?

E por falar nisso: para que é que queres um amante galego falante? Não era melhor que fosse um amante actuante, independentemente da nacionalidade? E sabes que dizem que quem muito fala, pouco acerta... (`_^)

Beijocas!

Sun Iou Miou disse...

Não, vegetação assim na Serra d'Arga não há, Teté. Isso numa estradinha secundária entre Monção e Melgaço.

Muito bom não sei se é perder-se na natureza, mas eu gosto.

E o do amante, enfim, é só por ter conversa entre uma e outra, visto que não fumo. Também ninguém disse que tivesse de ser muito falador. (`_^)

condado disse...

No do tinto, quan vulguis

O do amante galegofalante deixame tancampante aínda que de ter que ser aproveita para facer prácticas de lingoa ;)

No de deixar de escribir, ti verás se queres perder amigos

Sun Iou Miou disse...

O do tinto, vull ja. E agora que falas catalán, comprendo que o meu anuncio te deixe indiferente, que é como dicir tan pancho. Pero que saibas (e non é por suscitar rifas familiares, non...), que a chapa ma emprestou (con volta, ollo!) a túa señora. Ti verás se fas prácticas de lingua, logo.

En canto ao de perder amigos por non escribir, que queres que che diga? Xa perdín algúns por escribir de máis. Nunca se sabe onde está a virtude.

R.R. disse...

Cando un perde amigos polo que escribe quere dicir que non o eran. E o dos niveis de alcol... eu míroos un par de veces no día. Agora ando pensando en poñer billas de cervexa e viño para as emerxencias.

Sun Iou Miou disse...

Non sei, R.R., cada vez entendo menos do pouco que entendo.

Boa idea o das billas, aínda que non especifique onde as vai pór.