sexta-feira, 7 de agosto de 2009

O príncipe desencantado (V) Desencontro e desenlace

Os príncipes teñen unha habilidade da que carece o resto dos mortais: nunca descompoñen a compostura. Até cando saen de fritir peixe con patacas durante doce horas (menos a media do xantar por convenio) derreados, os pés a rastro, enlamada a alma, van polo mundo adiante como se fosen soberanos... dos ademáns seus, cando menos, e miran por riba do ombro incluso a sombra propia, negra coma todas, que non os desasiste.

Despois de moito quero pero non quero, de tanto non quedar para hoxe que ben podemos quedar para mañá, ao final marcáronse horas e minutos xustos, lugares perfectamente referenciados: en Linlithgow, na tetería do Museo do Canal, ás 19:44 do día seguinte ao día anterior. E para mellor se identificaren, trocaron fotografías: el mandoulle unha en uniforme de gala durante unha recepción en palacio, de cando aínda tiña pelo e disimulaba a graxa con brillantina; ela, a dunha amiga que traballaba de modelo nun catálogo de lencería on-line ou algo polo estilo, vestida, iso si, para o casamento dunha compañeira de instituto.

Once horas tardou o autobús en percorrer os seiscentos sesenta quilómetros do traxecto desde Reading (léndoo ben xa a estas alturas, ho!), arruinándolle a prestancia con que se acomodara no asento, pero é que non atopara medio de transporte máis barato.

Así, pois, às 19:41 en punto, unha fulana corentona, vacafoca e desleixada, cunha camiseta de licra verde fosforito con lunares, cinguida ás dobras que lle burdaban do pantalón de cintura baixa, pola que asomaba a fita superior dun tanga non menos rechamante, abría a porta para entrar na tetería do Museo do Canal, cando o noso príncipe, finchado que non lle collía unha palla no cu, lle pasou por diante, sen nin dar as grazas, mentres ela rosmaba polo baixo en inglés arrabaldeiro un put a keep are you. Colocados ambos en cadanseu lugar estratéxico de cara á entrada, miraban cada tanto para o reloxo, coma quen espera que recoche a infusión, de té vermelho a dela, a del de tila. Logo un cansazo fondo, as horas de autobús cobrando peaxe, foino mergullando nunha fantasía de hora e media con voda e banquete, papel couché, poses e parabéns, e unha noiva escultural, que ao se virar para lle dar o bico de rigor, levantando o veo, descubría o sorriso fanado de bruxa que o tombaba co fedor do alento.

A punta dun dedo tocou levemente, coma para non mancharse, no ombro do príncipe, que berraba coma porco na matanza. Estartelou os ollos, sen atinar ben a saber onde se encontraba, pero aliviado de pór fin ao pesadelo. Pouco e pouco rebobinou e recordou. Percorreu coa vista as mesas do local deserto. El non estivera por alí unha moza rubia ela, alta, de amendoados ollos verdes?, preguntou ansioso ao empregado da tetería que o espertara. Que estivera (aí mentiulle cunha sorna que herdara sen saber do pai, ao que non coñecera, natural de Rebordáns, que nos anos mozos traballara de camareiro na Costa do Sol e tivera un asunto fugaz e precoz cunha escocesa repoluda que fora aló de vacacións e lle cargara un algo no carro), que estivera mesmo e que na vida, xuráballo, vira muller con máis... (e fixo un xesto coas mans de redondeces sinuosas), pero que marchara había ben xa nin se sabe. E que se facía o favor, que fose pagando, que eran horas e el tiña que fechar.

Desencantado o príncipe, foise arrastrando con andares de sapo e papo inchado, sen reparar na muller de camiseta verde fosforito con pintas negras, axustada, que lles botaba de comer ás ras do canal ilusións partidas en anaquiños coma moscas mortas.

(Non hai quen desdiga se ao pasar por ela, involuntariamente, estricou ou non a lingua para atrapar unha no ar.)

10 comentários:

r.r. disse...

Mola.

Sun Iou Miou disse...

Hm, R.R., creo que teño que amolar máis o final.

Anónimo disse...

1. claro que teñen negra a sombra; para azul, o sangue.
2. como non se vai desencantar un vendo semellante lacazán cunha camiseta verde fosforito?
A realeza non é xa nin sombra do que ten sido...

Sun Iou Miou disse...

Kaplan, camiseta verde fosforito con pintas... ou lunares, para sermos máis finos.

Rafeiro Perfumado disse...

Gosto das horas que colocas no texto, haja alguém que comece a ter juízo! ;)

Sun Iou Miou disse...

Nem sei de quem aprendi, Rafeirito... (`_^) Vais-me denunciar por plágio?

Teté disse...

Hummm... porque será que não fiquei surpresa com o desencontro?!

Já não há príncipes (e princesas) como antigamente... (*_*)

Beijocas!

ps - mas gostei da língua de fora, involuntária, na caça ao mosquedo... :)))

Tá-se bem! disse...

O príncipe virou sapo! Ou sempre o foi..

estes desencontros não são (só)de hoje.. :|

Beijooooo de boa noite :)

Sun Iou Miou disse...

Era um conto com final anunciado, Teté, não havia lugar para a surpresa. (`_^)

Sun Iou Miou disse...

Acho que sempre foi sapo, só que não sabia, Tá-se bem!

Beijito de bom diíta!