quinta-feira, 31 de janeiro de 2008

Prexuízos

É curioso. A primeira novela que coñecín del regaláranma e recibina ilusionada porque tiña referencias favorables. Menda, que ata os prospectos das menciñas le até o final, enderezo da casa social incluído, non puido con aquel tocho, ou, como diría miña nai, aquel testamento. Lin del unha segunda obra porque non me quedou outra, cuestións de traballo: cando menos cobrei por sufrila, pero foi unha agonía que me quedou gravada a lume e ferro. Sentir o nome do autor ou a súa voz púñame un arreguizo na espiña e disparábanseme os dedos índices en cruz para a fronte. Cando me propuxeron estoutra, a última, e sen entrar en máis detalles, estiven para rexeitala. Pero como me perde non sei se o masoquismo ou a curiosidade (e teño necesidade de traballar, ou vicio...) acepteina. E empecei. E sorprendinme pasando da primeira páxina sen sentir tedio, nin fatiga, sen terror a volver a folla. Total, que vou pola 43 e gústame... O malo ou o bo, depende, é que aínda quedan... non vou dicir a cifra para non dar pistas pero é aquilo que se chama un volume considerable.

terça-feira, 29 de janeiro de 2008

Lexicoloxía avanzada

Ando algo perdida e xa, aviso, procurei no google sen resultado. Alguén me pode explicar a diferenza abismal que ao parecer existe entre unha promesa electoral e un compromiso adquirido por un político durante unha campaña electoral? (Abstenha-se quem não perceber peva de castelhano.)

segunda-feira, 28 de janeiro de 2008

Delirio

Esta noite, a corenta e dous días das eleccións, soñei contigo. Soñei que quedabamos, por fin, e non era para manter unha das nosas conversas mudas, nin para deixarnos agarimar por este sol que desdeña o calendario, nin para ver unha desas pelis que nos estremecen, nin para que me agasallases cun cacho de ti en forma de música, nin para trocar libros, nin para tomar un malta con lágrimas. Non. Soñei que quedabamos, si, e non sei que é peor: que a cita fose para ir a un mitin, que estivésemos de primeiros á porta do cine onde se ía celebrar para coller sitio, ou que o mitin fose de Rajoy. A orde de factores non altera o produto. Mala sorte, porque en canto abriron as portas, aquilo foi como imaxino que é un primeiro día de rebaixas, e na confusión, separámonos para intentar sentar estratexicamente, diante pero nos extremos, a fin de poder saír nun momento dado sen molestar. Logo, unha vez conquistadas as butacas, deixei cadansúa peza de roupa nelas para ir por ti, que estabas na outra punta da sala. Tragamos o mitin e saímos, como era previsible, antes que rematase. Non recordo o que prometeu o candidato, porque non escoitei unha soa palabra do que dixo, apenas que xa fóra comentamos que non estivera moi estridente. Cando espertei, francamente asusteime. Voume ter que ir mirar isto, e se é preciso, que me mediquen.

sábado, 26 de janeiro de 2008

O peso dos silencios

Tiña a equipaxe preparada. Repasou a lista dos imprescindibles que fora escribindo nos días anteriores. Pastillas, móbil, cargador… O paquete cos silencios colocárao ben centrado na mochila polo aquel do peso. Para viaxar sempre os comprimía porque así apenas avultaban. Dese xeito, cando conviñese, era só descomprimilos en función do oco que tivesen que ocupar. Antes de saír lubricou a cadea á conciencia, limpou a viseira do casco e equilibrou a carga, non fose escorar nunha curva por causa dos silencios. Cheiraba á herba acabada de cortar e aos plásticos queimados. Puxo o motor en marcha e o son rouco e fondo púxolle o corazón a cen. Na gasolineira parou a encher e de paso verificou a presión dos pneumáticos: deulle ao máximo, non se lle fose ir a moto por culpa do peso dos silencios. Axustou o contaquilómetros a cero, meteu a primeira e acelerou... pouco. Foi aumentando a velocidade paseniño e cando superou o sinal de fin de limitación de cincuenta, mandoulle un xiro de pulso e dobrou instintivamente o corpo cara adiante. Polo espello retrovisor comprobou que non viña ninguén, deixouse ir cinguíndose ás curvas con suavidade, esvarando case polo asfalto.
De alí a quince días regresou. A herba do veciño seguía como acabada de cortar e había, claro está, un certo cheiro aos plásticos queimados preso no ambiente. Ao descargar a equipaxe decatouse da liviandade
da mochila e chocoulle. Algo lle quedaría atrás, pensou, e sentiu un nó na gorxa que lle premía contra o esófago. Nada máis entrar na casa abriu a mochila e faltoulle tempo para baleirar o contido, entre a urxencia e a inquietude. Sobre a mesa foi depositando o cargador, o móbil, unhas poucas pastillas... Remexeu coa man no fondo, virouna, sacudiuna. Nada. Notou unha gana irrefreable de falar e correu ao piso de arriba a conectar o ordenador. Vamos, vamos, díxolle polo baixo, que é para hoxe, cada día estás máis lento, voume ter que parar algún día a eliminar programas inútiles. Abriu o blog e deu en escribir, en escribir, en escribir con tal lixeireza nos dedos que non lle quedou un só oco sen ateigar.

sexta-feira, 18 de janeiro de 2008

Final

Fodeuse serán as derradeiras palabras
que pronuncie
(xa cun réquiem, coma quen di o de Mozart,
atrás sería grandioso, a rebaixar hai tempo),
iso si, se non me cacha
distraída
a da queixada regañada,
a dos ollos de negrura estupefacta,
e me vou sen sentir
de morte traizoeira e polas costas,
se acaso dicindo fódase.

Fodeuse vén a ser como dicir
que non hai máis que rañar
(aquí pór “ca” ou “que” si conta),
ou que morreu o conto,
neste caso eu, podía ser outro
(e pór ou non pór coma sempre conta).
Alá vai, pois, direi se houber censura,
o de bañárseme a lúa nos ollos
cando asoma tras os montes de Cerveira,
os paseos polo río e o sol morno na cara,
as pingas grosas que esvaran
xélidas entre o cabelo,
o tic-tic-tic da bicicleta nunha baixada sen mans,
ou a maxia das palabras
soas ou encadeadas.
Alá (onde?) irá tamén
a tristura sen sentido,
a dor que non transformei en forza
e o tempo mal aproveitado,
pero disto non direi fodeuse
senón máis ben que se foda.

quinta-feira, 17 de janeiro de 2008

Chino chinés ou porco fotóxeno

Parece ser que na China do señor Zhonghua Liu unha luminosa marrá (cocha, quina ou porca, tamén se di) deu a luz dous chiniños (léase bacoriños, leitóns, corrichos, marcotes, ranchos, recos, relos, rellos, zacotes) con luz. Non é que se cruzase nin que a cruzasen cun lucecú, coma moito laverca andará a pensar, porque o pai das criaturas era un macho ordinario —que outro cualificativo se pode aplicar a un porco?—, senón que á devandita lle inxectaran previamente unha proteína procedente de augamares, unha de tantas especies fosforescentes que andan polo mundo.
Coa culminación deste proxecto parece que se demostra que a tecnoloxía para transmitir aos descendentes un xene implantado está madura. Agora o que teñen é que mirar ben que non lles podreza nas mans. O importante é que isto, que pode parecer un experimento baldío, non ten como obxecto que se un porco que foxe dunha granxa (e ben que fai, para que negalo) se nos cruza de noite na estrada o poidamos ver á distancia, frear e evitar tanto o atropelo coma a desfeita no coche, por non pensar en males maiores en todos os implicados, senón, atención, obter unha carne máis nutritiva. Non me cabe dúbida de que quen redactou a noticia comeu parte dela (da noticia, digo, non da carne de porco en cuestión) porque non a considerou salientable ou porque dalgún sitio tiña que eliminar palla, xa que polo camiño, entre a luz e a carne, algo se perdeu, e máis cando se afirma tamén que esa tecnoloxía se poderá aplicar ao ser máis ou menos humano no eido dos transplantes e na resistencia ás enfermidades.
Eu polo pronto véxolle innúmeras aplicacións de orde lúdico-práctico (que sonoridade, mira), por exemplo, no Nadal podería ir todo cristo bendito coas luces incorporadas; e poderiamos nacer (home, nós non, os que veñan atrás) cos pisca-pisca de serie para evitar eses tropezóns embarazosos cando dúas persoas se encontran de fronte e tras senllos abaneóns vacilantes acaban estampándose irremediablemente; tampouco faría falla colocar o chaleco cando temos unha avaría no coche, o que cal se ben redundaría en menores ingresos nas arcas do Tesouro debido ao descenso nas multas, isto, porén, veríase compensado pola baixada do gasto nos fondos da Seguridade Social derivados da ausencia de accidentes provocados pola mala visibilidade...
En fin, a todas luces, o futuro prométese brillante.

sábado, 12 de janeiro de 2008

En día domingo e sempre

A fráxil estrutura que me sostén, formada de pezas que roubei tamén e ademais nas palabras súas, observo con sorpresa que resiste malia a insistencia con que pola radio repiten que morreu.


Letra para cantar un día domingo

Y a última hora no quedaba nada:
ni siquiera las hojas de los árboles
—acacias—, ni el viento de la tarde,
ni la alegría, ni la desesperanza.
La caricia que pudo haber rozado
aquella piel, no se produjo porque
aquella piel no era la tuya,
ni los ojos
que me miraban eran
tus ojos, ni el deseo
—que en otro tiempo hubiera sido
suficiente—
tenía sentido, desviado
del cauce de ti misma.

A última hora había pasado un día,
y al sentirlo hecho sombra, y polvo, y nada,
comprendí que la luz que había llenado
sus horas,
y todas sus palabras
que ocuparon mi boca, y los gestos
de mis manos,
y la fatalidad de mis designios,
y las calles que anduve paso a paso,
y el vino que bebí, y la alegría
de saber que existías en el mismo
instante,
no eran sólo el fracaso repetido
del Día del Señor, sino que eran
un día más sin ti:
comprendí con dolor que jamás, nunca
para mí habría domingos ni esperanza
fuera de tu mirada y tu sonrisa,
lejos de tu presencia tibia y clara.

Ángel González

sexta-feira, 11 de janeiro de 2008

Solitario

Sentiu petar na porta e ergueuse do sofá. Arrastraba os pés, non por cansazo, nin por preguiza, simplemente para afastar o inevitable. O fillo entrou sen un boas tardes, sen pedir permiso, mentres ela apartaba e lle viraba as costas, dirixíndose de novo ao salón. El fechou a porta con moito coidado, tanto como puxera en bater coas nocas para chamar en lugar de pulsar no timbre. Ofreceulle un café, con desgana, polo aquel da hospitalidade nata, que el rexeitou, xa tiña os nervios bastante de punta. Ao sentar no sofá colleu as cartas que deixara sobre a mesa e proseguiu mecanicamente co solitario. O fillo sentou fronte a ela e agardou cos labios en tensión antes de pronunciar a frase que mil veces ensaiara antes de entrar:
—O papá?
Ela demorouse no xogo, colocou unha, dúas, tres cartas no sitio, antes de coller folgos para lanzar un suspiro sen apartar a mirada da baralla que suxeitaba entre as mans.
—Non o ides encontrar. Boteino polo váter.
—Como?
—Non o ides encontrar —Puxo o as de corazóns no sitio—, dixen. Boteino polo váter.
Mirou para o fondo do corredor antes de erguerse da butaca, antes aínda de saír da sala volveu mirar para ela, que seguía imperturbable co solitario. O corredor fíxoselle eterno até que chegou á porta do cuarto de baño, que abriu, devagar, empurrándoa coas puntas dos dedos da man dereita. Coa esquerda, que tremía xa, tardou en dar co interruptor da luz. Cheiraba ao limpo, á lixivia, máis ca nada. Levantou a tapa do váter, saíulle pola boca o alento contido todo. Baixou a tapa, apagou a luz, entornou a porta.
—De paso que baixas —pediulle— lévame ao contedor amarelo a saquiña que deixei á entrada, fai favor.
Agachou a collela —era avultada pero lixeira, de envases plásticos baleiros— e saíu sen despedirse, fechando a porta amodo. Xa na rúa mirou aos lados á procura do punto limpo.
Nas escaleiras inda ficou durante un anaco un certo olor á sosa cáustica.

terça-feira, 8 de janeiro de 2008

Mal de ollo

Praias de máis pombas ca gaivotas,
de cristaleiras que abafan o sabor do sal nos labios,
de sonsonetes que disimulan o rumor das ondas,
de baldosas a escachar ante o porfiado movemento das dunas.
Até as pedras parecen un decorado de teatro,
tan colocadiñas elas.
Un (calquera) ansía que dun instante a outro
a torre envorque a illa
e arrinque a ponte que a transformou en istmo horrendo.
Pero onde as augas deitan plásticos na area
apenas queda marxe para os soños.

segunda-feira, 7 de janeiro de 2008

Mestres

Hai mestres que deixan pegada. Logo, pasados os anos un lembra con gratitude a quen lle ensinou a comprender a escrita, sensación de maxia que se redescobre ao aprender linguas con sistemas de representación diferentes ao da propia. Pero ocorre ás veces que disimulando a atención ante as conversas alleas óuvense de esguello relatos interesantes. Coma aquel de cando o T se encontrou nunha cafetería da Vila co taxista da Aldea das Carrouchas e este perguntoulle ao tempo que sinalaba para o vello que o acompañaba:
-Mira quen está aquí. Acordaraste del, ou?
O T fitou para o aludido e ignorando a man que a tremer lle tendía, espetoulle:
-Aínda non morriches, fillo da puta?
Pois é, polo visto hai mestres que deixan pegada: na palma das mans, nos cadrís, nas costas, no papo da perna, no crecemento desmesurado das orellas...

domingo, 6 de janeiro de 2008

Carta da mañá de Reis

Benqueridos Reis Magos:

Non hai forma. Todos os anos igual. Desta foi a Encantada-vestido noiva, a Ariel co xogo de maquillaxe e unha saia de flores —monísima, dixo todo o mundo. Como volo hei de repetir? Eu quería —coma sempre, pero nunca mo traedes, así que para o ano insistirei— un Madelman explorador, ou un Fort Apache para montar granxas de indios e vaqueiros, ou un Mecano, ou un camión volquete deses enormes para cargalo de pedras, ou unha bici de carreiras… Ou libros, polo menos, libros! Pero nada. Nin sequera o saco grande de caramelos, que nunca o poño porque sei que sodes magos e “suponse” que adiviñades. Era tanto pedir? Vale, a bici é cara, xa sei, pero co que levades gasto en todos estes anos de regalos inútiles xa daba para unha de tres estralos. Conste que o gordo xa me fixo proposicións deshonestas para que cambie de operador, pero a miña lealdade segue convosco e estou por asinar un contrato de permanencia se para o ano cumprides a vosa parte. Vós veredes, pero advírtovos que estou empezando a encherme.

quinta-feira, 3 de janeiro de 2008

Tamén a noite é día

Antes de que empecen a soar as alarmas, isto é apenas un exercicio de memoria. Non é presente: é só gratitude de quen non quere esquecer un tal día coma hoxe hai catro anos na planta terceira.


Ollos abertos e silencio.
Vaise achegando o carro e en silencio
ábrese a porta e dous dedos suavísimos
levántanche lixeiramente o brazo,
colócanche o termómetro,
tómanche o pulso.
Bos días, din, e sorrín case en silencio,
que por esta noite rematou a quenda.
Logo nada.
Polas físgoas da persiana vai penetrando a luz.
É día.
O carro das pastillas detense na porta
e entra un barullo de aluminio
e vasiño sobre a mesa,
un bos días alto e forte,
e un barullo de fregonas,
de camas levantadas
—ollo que hai corrente—,
de auga que flúe,
das pisadas do familiar
que sobe sen folgos polas escaleiras
—hora punta nos ascensores—,
e suspiros… antes de abrir a porta.
Cheira ao café e séntese o barullo das culleriñas
a remexer, a remexer, a remexer,
e renxer o celofán que envurulla o pan
e bater o coitelo contra o prato, clanc,
despois de untar a
manteiga, clanc,
despois de untar a
marmelada, clanc.
Bata branca e fonendo ao pescozo
—por favor, saian un momento—
e as palabras tan precisas, tan necesarias.
Avanzando co goteiro polos corredores,
unha volta, dúas voltas, tres voltas,
espréitase un certo barullo na sala
de voces altas, de voces baixas,
de consellos, de receitas, de remedios,
de mans que rozan cabezas peladas,
de brazos que suxeitan, que amparan,
de toses do enfermo que regresa
de fumar un cigarro furtivo na terraza,
de panos de papel apertados contra o nariz
para disimular o pranto.
E un silencio espeso,
roto polos carros da comida
que nos devolven aos cuartos,
á sopa, ao puré, ao iogur e a compota,
á determinación con que se come
malia ás náuseas.
De unha a tres e media
detense o mundo
e pesan os minutos
coma as pálpebras nos ollos.
Vaise achegando o son dos termómetros
que tintinan até que se abre a porta
e dous dedos suavísimos
levántanche lixeiramente o brazo,
para controlar a temperatura,
para tomar o pulso e a tensión.
Boas tardes, din, e sorrín abertamente,
que é bo para espertar ver un sorriso.
E de súpeto é un balbordo de teléfonos que soan,
de nocas a petar nas portas, de saúdos, de apertas,
de pétalos que rompen
contra as paredes de azul ténue,
da brisa que desprenden as páxinas
do libro que nos pousa nas mans
coma unha pomba mensaxeira.
E volve de novo o cheiro ao café
e séntese o barullo das culleriñas
a remexer, a remexer, a remexer,
e renxer o celofán que envurulla as galletas
e bater o coitelo contra o prato, clanc,
despois de untar a marmelada, clanc.
Que hai que comer, hai que comer,
—si, hai que comer, hai que comer—.
Vaise indo, vaise andando a tarde,
tan fugaz que xa logo está aí a cea
—que pronto se cea nos hospitais,
tamén che digo,
até as nove e media que non traen o almorzo—,
e o silencio cóase silandeiro
por todos os recantos,
engólese coma o amargor das pastillas.
É medianoite, a hora da camomila,
do descafeinado, do iogur,
do cacao, ou da tila,
e máis unha xerra de auga, por favor, grazas.
Ollos abertos e silencio,
e por fin nada.
Esperta outra vez a suor que enchoupa
o peito, as sabas, o cabezal…
Haberá que chamar outra vez
e chegan outra vez os anxos brancos
co sorriso aínda pintado na noite
e todo é calma outra vez.
Ollos abertos e silencio.

sexta-feira, 21 de dezembro de 2007

Ironía do destino

Será que a carreira de Filosofía consiste en transcender a Metafísica?

domingo, 16 de dezembro de 2007

Retruque

Ás veces desconfío que haxa espías na rede dedicados a quitarnos a razón. El non acabo de recibir unha de piroliñas ao aire coa que rematar o ano para compensar todos os tiros, explosións e patadas que me tocou soportar nos once meses anteriores? Abrir a boca é o que ten: o xesto ideal para que che entren moscas ou che poñan unha mordaza. Vale máis falar calado.

Desafíos retóricos

E agora tocan os desafíos que teño pendentes. Por un lado o dos tests da radio comercial, que suxeriu a grafonola, dos que non pasei do primeiro por razóns facilmente deducibles: tocoume carbón. Debeu de ser que nas miñas respostas brillou pola súa ausencia o espírito natalicio. Grazas que non creo no Papa Noël (son máis dos Reis Magos) porque non sabería que facer con ese cacho pedrolo agora que van prohibir as caldeiras que o empregan como combustible.
O outro reto mandáronmo desde o quiproquó e xa me tentou máis: trátase de construir un relato ou un poema cos títulos dos dez últimos textos colgados intercalando as frases necesarias para lle dar sentido, que non deixa de ser complicado facer o único texto con sentido deste caderno. Pero vaise intentar, que non é pouco, e así entreteño a mañá mentres o sol vai fundindo lá fora a xeada.
Sobrevivir, xa se sabe, é a cuestión, aínda que co tempo acabemos desenmascarados deste disfrace de xeoide co que nos defendemos. E así, sen empacho ningún á hora de retractarnos -onde dixen digo, digo Diego- a vida lévanos a descubrir que a mata má nunca morre, que quen a ferro mata a ferro morre e ao que morre polo seu gusto a morte sábelle ben. Mais dentro deste ton de melancólica determinación, vén aí sempre un instante que nos devolve a esperanza, porque hai días de choio que son domingo e domingos, coma este, que ende ben non son días de choio, mais o choio dos días (e aquí ía dicir algo que non vou dicir porque me perde a boca e case mexo fóra do penico), domingos en que non porfiamos en converternos en superheroes: escribindo, limpando, facendo exercicio, cociñando, visitando a familia e/ou os amigos, vendo exposicións, indo ao cine, ao teatro... concentrando todos os praceres que o resto da semana nos nega, como se non nos quedasen 16801 días por diante para gozar, mesmo que precisemos dun corazón plástico para sobrevivir.

Corazón plástico

Á espera de que me acontecese algo tan interesante como para merecer sisuda reflexión neste caderno, dei en andar a rozar polas leiras dos outros mentres a miña quedaba a monte. Pero que se pode facer se o tempo (o tempo que hai que nacín, que tamén é unha seca) non axuda e a preguiza se instala nas palabras? Até que... chegou o correo postal a salvarme! Dúas cartas dúas ofrecéndome tarxetas, pola miña cara bonita, por ser eu quen son: non é para levantar a moral máis escachelada? A primeira apela ao meu corazón nestas datas tan sinaladas, co cal non sei se me poderei resistir. Ofréceme un deseño exclusivo, co fondo a elixir entre "o que máis me represente", a saber: a paixón polos touros, a alma do Mediterráneo ou a bandeira ondeando ao vento... tres formas tres de entender o meu país (ignoro por que non me incluíron no abano unha con foto da familia real, co ben que arde o plástico). E por último, o engado total: un lote de ibéricos de Jabugo de balde, que aí xa... case asino. A segunda tamén apela ao meu corazón e vén a substituir o antigo e socorrido sobre con manoseados billetes co que se agasalla cando non queremos romper a cabeza en elixir un regalo para as persoas que máis nos importan... Que grande invento o plástico. Acaso non é moito máis elegante tirar a tarxeta da carteira cos dedos índice e polgar e entregala na caixa entre o índice e o corazón cun xentil xiro de pulso do que andar a contar nos billetes cotrosos ou moedas de lustre esquecido que ademais, coma o chocolate, se acaban?

sexta-feira, 7 de dezembro de 2007

16801 días!

Eran as tres da tarde e chovía, chovía, chovía… chovía a deus dala. O cal non ten nada de particular en pleno mes de decembro, nunha época en que os outonos aínda eran chuvia e verdín e frieiras nas mans. De cando en cando acórdame aquel día. Coma hoxe, en que boto contas dos 16801 días que pasaron e dos outros tantos que me quedan por diante (`_^), un a un, minuto a minuto, sentindo cada pinga de auga a esvarar pola cara como se fose, como que é, única e irrepetible. Coma hoxe, que chove, chove, chove... Coma hoxe, que estou de días!!! (^_^)

quinta-feira, 6 de dezembro de 2007

Superheroes

A pantasma do Boneco Diabólico Norris perségueme. Des que rematei a serie, levo dúas películas de artes marciais ás costas. Debe de ser que os programadores queren desenganchar paulatinamente o público. Pero, en fin, xa se viu que a violencia pura e dura suscita menos críticas cá irreverencia e os proxenitores están moito máis tranquilos se os seus fillos ven asasinatos ca piroliñas ao aire. Aínda ben que os pequenos teñen bastante máis xuízo do que se lles supón, pero por se acaso aconsello aos pescadores de cana que non deixen a tanza ao alcance dos cativos. Xa se sabe o moito que lles gusta imitar os seus heroes da tele.

quarta-feira, 5 de dezembro de 2007

Case mexo fóra do penico

Hoxe pasoume unha desas gloriosas das que teño que tomar nota para non a esquecer cando llela conte aos sobriños-netos. Fun á clase, pero tiven que entrar non por onde entro habitualmente -que en realidade é unha manobra prohibida pero se non veñen vehículos detrás de min nin de fronte fágoa porque se non cómpre dar moita volta (Oi, se algún día me cachan os de Tráfico, largarei a frase mítica: Ui, perdón, non me dera conta do detalle)- senón por onde hai que entrar á Facultade cando se vén de onde eu veño. Total que ía un pouco indecisa contando pavillóns por ver cal era o que me tocaba (Son só catro, pero ás veces nin servíndome dos dedos, que lle queredes?, nunca sei cantos teño nunha man), aparquei lindamente. Entro toda decidida e xa me chocou que unha porta que sempre está aberta estivese entornada, pero pronto, alguén había hoxe ao que o barullo dos estudantes lle molestaba. E dereitiña aló fun a cumprir relixiosamente coa rutina de mexar antes de ir á clase (e antes e depois do que sexa, creo que disto falei noutra parte), cando me desconcertou a disposición da parede do baño que protexe de miradas alleas o que alí dentro se fai cando se abre a porta. Cando vin os tres urinarios en ringleira case me dá un pasmo. E limpos, impolutos, como se os acabasen de instalar. Freguei os ollos mentalemte: non daba creto. Como era posible que en dous días (luns inda estivera alí... alí?) fixesen tal obra? A todo isto eu seguía plantada, mirando. Non, non había ninguén. Pero se chega a haber, era o mesmo, porque tiña tal sorpresa enriba que non había maneira de baixar da póla. Saín e revirei a cabeza para ler o cartel: HOMES, dicía. Pois cambiárono. Ou serei eu co raio do problema de lateralidade, que non me aclaro. O de MULLERES, logo, estará onde estaba o dos HOMES. En efecto. Entrei. Metinme nun dos retretes e ao pechar a porta caín da burra: confundírame de pavillón. Co que a min que me custara fixar na cabeza para que lado ficaba o de MULLERES, e agora isto. Si, si, si, lápidenme, xa me vale.
Aclaración: tampouco é que fose pasar nada, que non é nin será a primeira vez que entro nun de homes, as cousas como son (unhas veces polas présas, outras porque non hai cristo que entenda os crípticos debuxiños cos que adornan as portas nos bares modernos), e mexo, que non vai afundir o mundo por iso. Pero a cara de desconcerto que puxen ante os tres branquísimos urinarios, -pena de cámara de seguridade- debeu de ser de antoloxía.

domingo, 2 de dezembro de 2007

Hai días de choio que son domingo

O bo que teñen as lagoas da memoria é que nos deixan ver de novo unha película, reler un libro, volver a un lugar que en tempos visitamos, sentindo outra vez na pel a emoción da estrea, o corazón vivo, os ollos toldados, coma quen contempla cada solpor irrepetible.

Así, mentres mido cada frase, mentres escollo cada palabra e a coloco no seu sitio, conmóvenme as notas lentas do piano e a tenrura da voz que narra a historia. Que privilexio, ás veces, este meu choio: falar pola boca doutros...